FICHA DO FALADOIRO

"TITULACIÓNS DE TEMPO LIBRE"

FACILITADO POR: Hugo Lage

CONTEXTO

No IV Foro Aberto do Tempo Libre (26/05/18) seleccionaronse os temas a tratar nos Faladoiros desta XII edición de INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE. A formacións e as titulacións actuais mostráronse como unha das preocupacións actuais no sector, así que o Faladoiro enfocose a aclarar o marco vixente no tocante ás titulacións e reflexionar sobre as necesidades formativas, contando na maior parte das sesións con persoal da propia DXXPV.

DURACIÓN DAS SESIÓNS

Os tempos adicados ao Faladoiro foron:

  • Venres: de 20:00 a 20:45.

  • Sábado: de 09:40 a 11:30, de 12:00 a 13:45 e de 16:00 a 18:00.

  • Domingo: de 09:45 a 11:15.

Houbo unha pequena variación dos tempos con respecto ao programa previsto, xa que o comezo das sesións retrasouse un pouquiño (o venres por comezar a sesión plenaria con case media hora de retraso, e as mañás do sábado e domingo porque parte do grupo chegou algo tarde).

ESPAZOS DE TRABALLO

O noso Faladoiro ubicouse nunha das salas da planta superior, tiña todos os materiais imprescindibles así como mesas e cadeiras dabondo. O bo tempo invitaba a ter actividades no exterior, así que dende a segunda sesión do sábado o grupo xuntouse na zona de mesas preto do auditorio ao aire libre.

OBXECTIVOS

  • Aclarar conceptos básicos dentro do eido de titulacións no Tempo Libre.

  • Detectar necesidades formativas no Tempo Libre en Galicia.

  • Deseñar unha proposta de análise das necesidades formativas no Tempo Libre en Galicia (de cara a unha planificación plurianual).

  • Realizar unha proposta de formación no Tempo Libre para realizar antes da Campaña de Verán 2019.


SESIÓNS

Sesión 1 (venres, de 20:00 a 20:45.). Conformar Grupo, coñecer nomes e contextos.

Entre que o comezo da sesión comezou con retraso e que só estabamos 7 persoas (das 13 inicialmente previstas), fixemos unha rolda de nomes e logo unhas pequenas dinámicas para coñecer o contexto de orixe de cada quen:

  1. Situarse nun mapa imaxinario de Galicia (ocupando a sala) atentendo á pregunta: "E ti de onde es?"

  2. Unha vez ubicados segundo a pregunta anterior, respostar á pregunta: "E logo ti, de quén ves sendo?"

  3. Sabendo de onde somos, algo das nosas familias, a terceira pregunta enfocouse a un plano máis laboral: "A que andas?"

Despois pasamos a explicar a situación actual do novo decreto no que se refire ao apartado de titulacións, xa que en xeral a maior parte das persoas estivemos no proceso previo de elaboración dos borradores do decreto. Aclarouse tamén que no prazo dunha ou dúas semanas ía haber unha xuntanza coas Escolas de Tempo Libre para falar das propostas que dende o Grupo Esculca se fixeron ao apartado de titulacións do futuro decreto, polo que durante o Faladoiro non iamos entrar nese asunto. A explicación fíxose por parte de persoal da propia DXXPV.

A continuación constituimos (informalmente) o 1º Comité da Escola Galega de Xuventude (ás veces tamén chamada Escola Galega de Tempo Libre) que é unha entidade que aparece na Lei de Xuventude dentro da organización administrativa en amteria de xuventude (Título III. Capítulo I. Organización administrativa. Artigo 31), así como a quen corresponde a súa organización e funcionamento (Título III. Capítulo II. Artigo 33). Obviamente esta idea foi para dinamizar un pouco o Faladoiro pero cunha actitude crítica construtiva, xa que a pesar de que a Lei de Xuventude é do 2012, a Escola Galega de Xuventude non organizou xuntanzas nin comisións/comités de ningún tipo.

Para concluir a sesión, explicouse o que estaba previsto facer durante o sábado e domingo, e recollimos tamén unha suxerencia dunha participantes que non ía poder asistir o sábado, referida a se as persoas con algún tipo de discapacidade recoñecida polos organismos competentes poden acceder á titulación de Monitor/a de Tempo Libre.

Sesión 2 (sábado de 09:40 a 11:30).

Comezamos a sesión 7 persoas (uns minutos máis tarde incorporouse unha 8ª) cun pequena actividade de carreira de cabalos (en círculo, sentados/as nas cadeiras e tocando unha perna coa perna da persoa sentada ao carón, simular trotar do cabalos golpeando coas palmas na perna).

Esta sesión tiña o obxectivo de aclarar conceptos de cara a poder ter claro a que nos estamos referindo en cada intre, facendo fincapé nalgúns acrónimos que son empregados cando se fala de titulacións e formación e non sempre todo o mundo ten a mesma idea do seu significado. Os conceptos foron:

  • INCUAL. Instituto Nacional de Cualificacións Profesionais. Instituto que depende do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, encargado de definir as Cualificacións Profesionais (creado a través do Real Decreto 375/1999). As súas funcións son definir, elaborar e manter actualizado o Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais e o Catálogo Modular da Formación Profesional (de feito o órgano rector do INCUAL é o Consello Xeral de Formación Profesional).

  • CNCP. Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. É onde se recolle de xeito estruturado as diferentes Cualificacións Profesionais.

  • CP. Cualificación Profesional. Conxunto de competencias (coñecementos e capacidades) válidas para o exercicio dunha actividade profesional. As cualificacións estrutúranse en 26 familias e 3 niveis. Para identificar unha Cualificación Profesional debemos ter en conta:

      1. A denominación oficial.

      2. A Familia Profesional á que pertence.

      3. O nivel (nivel 1, 2 ou 3. Hai 78 de nivel 1, 290 de nivel 2 e 300 de nivel 3).

      4. O código numérico.

  • UC. Unidade de Competencia. As Unidades de Compentencia son o agregado mínimo susceptible de recoñecemento e acreditación parcial. O conxunto de Unidades de Competencias con significación para o emprego conforman unha Cualificación Profesional. Cada Unidade de Competencia leva asociado un Módulo Formativo, onde se describe a formación mínima e de referencia necesaria para acadar esa Unidade de Competencia.

  • MF. Módulos de Formación. Teñen carácter orientador da normativa básica reguladora da oferta formativa conducente a títulos de formación profesional e certificados de profesionalidade. Cada Módulo Formativo conta con:

        1. A denominación oficial.

        2. Descrición das capacidades e criterios de avaliación.

        3. Descrición dos contidos.

        4. Requisitos básicos do contexto formativo (obviamente os requisitos varías segundo o Módulo de Formación).

  • Certificados de Profesionalidade. Regulados polo Real Decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, son o instrumento de acreditación oficial das Cualificacións Profesionais do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais no eido da administración laboral. Estes certificados acreditan o conxunto de competencias profesionais que capacitan para o exercicio dunha actividade laboral identificable no sistema produtivo. Teñen carácter oficial e validez en todo o territorio estatal, son expedidos polo SEPE e os órganos competentes das Comunidades Autónomas. Os Certificados de Profesionalidade poden obterse por dúas vías:

      a) Superando os módulos que integran o Certificado de Profesionalidade.

      b) Seguindo os procedementos estabrecidos para a avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de educación non formal.

  • SEPE. Servizo Público de Emprego Estatal.

  • AFD. Accións Formativas para Desempregados/as.

  • AFO. Accións Formativas para Ocupados/as.

  • Centros de Formación. Centros homologados para impartir formación (hai unha serie de requisitos xerais e logo outros específicos segundo a formación).

Logo fixemos un repaso á estrutura do sistema educativo formal, completando na pizarra entre todas/os.

E dentro de cada apartado falamos de titulacións que teñen a ver con tempo libre como poden ser o TASOC ou Educación Social, e outras que entendimos xa entran nun segundo nivel (TAFAD, Conducción de Actividades Físico-Deportivas no Medio Natural, Maxisterio, Pedagoxía, Integración Social...). Reflexionamos que moitas persoas que realizan o curso de Monitor/a de Tempo Libre veñen destas titulacións na procura de ferramentas prácticas, recursos que poden aplicar no día a día, para complementar a súa formación. E aquí é onde xurde unha pregunta: se o alumnado destes eidos acaba chegando a querer cursar titulacións de Monitor/a de Tempo Libre... debemos preocuparnos tanto tentar adaptar esta titulación a ese mundo de certificados de profesionalidade, formación profesional e universidades?

Sesión 3 (sábado de 12:00 a 13:45).

Comezamos a terceira sesión do Comité da Escola Galega de Xuventude cunha pequena análise das formación de Tempo Libre que son necesarias en Galicia, en termos xerais e pensando en titulacións que deberían existir -existan actualmente ou non-.

O grupo de participantes neste faladoiro diferenciamos entre titulacións de formación básica e especializacións:

FORMACIÓN BÁSICA

  • Monitor/a Tempo Libre Educativo.
  • Director/a Tempo Libre Educativo.

ESPECIALIZACIÓNS

  • Director/a de Campos de Traballo.
  • Monitor/a de Campos de Traballo.
  • Formador/a de Formadores/as de Escolas de Tempo Libre.

Á marxe diso debería haber unha formación continua para eidos especializados (o que xa se facía baixo o nome de "PdF-Plan de Formación" ou "Cursos de Actualización"), do que falaremos máis adiante.

Houbo algo de debate sobre a necesidade da titulación de Director/a de Campos de Traballo e a conclusión foi que ten sentido manter esta titulación porque é un tipo de proxecto moi específico (polo tipo de participantes, actividadesque se realizan) e que, en coherencia, tamén debería haber unha formación específica para Monitor/a de Campos de Traballo.

Tocante á titulación de Formador/a de Formadores/as de Escolas de Tempo Libre, xa é unha demanda recollida no proceso de elaboración do novo decreto e no faladoiro fixemos fincapé en que sexa unha formación enfocada ao mundo do tempo libre. O motivo é que hai cursos de "Formación de Formadores" que non concretan o campo de acción no que van formar esas persoas, e que non é o mesmo impartir unha formación sobre mecánica de coches, atención sanitaria ou educación. Propúxose que a esta formación só poidan acceder persoas con titulación e experiecia como Monitor/a de Tempo Libre (Educativo) ou Director/a de Tempo Libre (Educativo).

Logo entramos a valorar cales son as necesidades formativas que potencialmente poden ser abordadas nesa formación continua, identificando as seguintes:

  • Prevención de riscos laborais no Tempo Libre Educativo.

  • Nova Lei de Protección de Datos.

  • Inclusión de persoas con discapacidades. Habería diferentes formacións atendendo a diferentes tipos de discapacidades, e priorizando impartir formacións daquelas discapacidades que son máis frecuentes atopar.

  • Medioambiental. Recursos concretos (xogos con material de refugallo, e creación de itinerarios interpretados no medio natural).

  • STEM (acrónimo dos termos en inglés de Ciencia, Teconloxía, Inxeniería e Matemáticas).

  • Actividades de aventura. Valorar se cómpre un de naútica.

  • Pintacaras e Globoflexia.

  • ITV > 10 anos. Un curso que sexa para actualizar recursos empregados por persoas que fixeron o seu curso de monitor/a hai máis de 10 anos, co obxectivo de reflexionar se as actividades son as máis axeitadas (por exemplo, algunha canción que promova a violencia ou vaia en contra da igualdade de xénero). Isto sería fundamental para persoas que imparten formación nas Escolas de Tempo Libre, xa que delas depende en moitas ocasións os recursos que coñecen e empregan as persoas recén tituladas.

  • Monitor/a de comedor escolar.

  • Monitor/a acompañante de bus escolar.

  • Manipulación de alimentos.

  • Actualización de Primeiros Auxilios.

  • Alerxias e Intolerancias.

  • Convenio que rixe o Tempo Libre (convenio estatal, como calcular salarios, dereito a vacacións, etc.).

  • Igualdade de xénero.

Para concluir esta sesión, pensamos que o que se fale nun faladoiro de INTERACTUANDO non pode ser unha ferramenta válida para detectar as necesidades formativas dentro do Tempo Libre Educativo en Galicia, que pode ser un parche dentro dunha situación que sexa punto de inflexión (como está sendo este 2018) pero que no futuro ten que haber unha análise que recolla de xeito representativo as necesidades de formación. Debatimos se preguntar ás Escolas de Tempo Libre, ás empresas, monitorado en formación, etc. e se ben non rexeitamos recoller as opinións destas entidades e colectivos, consideramos que dende un punto de vista práctico, sería doado empregar o formulario de valoración de monitorado da Campaña de Verán para recoller as súas ideas, pois só habería que engadir unha pregunta a ese formulario, que xa chega á propia DXXPV.

Nesta sesión, xurdiu tamén unha idea de que na páxina web da DXXPV haxa unha opción para suscribirse a novidades sobre temas concretos (tipo RSS) porque en xeral as persoas non entran con frecuencia no web, e resulta máis doado recibir un aviso dunha novidade (por exemplo, se te suscribes a "formación", só recibir aviso se hai unha nova publicación neste apartado de formación).

Sesión 4 (sábado de 16:00 a 18:00).

De cara a concretar o máis posible unha serie de propostas formativas para que se reactive o PdF (Plan de Formación), avanzamos en 2 liñas:

  1. Realizar unha proposta de vindeiras formación (inverno 2018-primavera 2019)

  2. Realizar unha proposta de sistematización de análise de necesidades formativas no eido do Tempo Libre Educativo galego.

Para o primeiro pensamos en concretar unha listaxe de cursos (entre 9 e 12) para someter a votación na sesión de "Feira de Experiencias", e así tódalas persoas participantes en INTERACTUANDO poderían opinar. Cada persoa podía apoiar 3 opcións (identificando coas súas iniciais, para evitar que unha persoa repetise voto) e durante a "Feira de Experiencias" houbo alomenos unha persoa explicando a opción de formacións e o sistema de votacións. O resultado foi:

FORMACIÓN PROPOSTA: VOTOS

  • Ferramentas de inclusión para persoas con TEA (Trastorno do Espectro Autista) no Tempo Libre: 24
  • Programar actividades de Tempo Libre dende o Feminismo: 24
  • Deseño de itinerarios interpretativos no medio natural: 19
  • Coñecer o convenio estatal que rexe o sector do Tempo Libre: 17
  • Maleta de multiaventura: escalada, BTT e orientación: 12
  • STEM (Ciencia, Teconloxía, Inxeniería e Matemáticas). Tecnoloxías aplicadas ao Tempo Libre: 7
  • Facilitación de grupos no Tempo Libre: 7
  • Prevención de riscos laborais no Tempo Libre: 6
  • Recursos europeos para a formación e a mobilidade do monitorado de Tempo Libre: 4
  • Recursos de Tempo Libre para espazos de transporte e comedor escolar: 2
  • Maleta de Animación Infantil: pintacaras, globoflexia e xogos con paracaidas: 1
  • Nova Lei de Protección de Datos: 1

A proposta do faladoiro foi que entre decembro 2018 e abril de 2019 se realicen as 5 formacións máis votadas.

Para a proposta de sistematizar o proceso de escolla de oferta formativa do PdF é:

  1. Incluir na enquisa que se fai a monitorado e directoras/es da Campaña de Verán unha pregunta: Cales consideras que son as necesidades formativas do Tempo Libre Educativo Galicia? (Fai un mínimo de unha proposta concreta de curso de formación e un máximo de 3 proposta de cursos de formación).

  2. A DXXPV recollerá esas respostas e tratará a información (pode haber cursos que teñan nomes semellantes e habería que agrupalos, ou temáticas que poden estar dentro dun mesmo curso, etc.).

  3. A partir desa información tratada, escolleranse un mínimo de 5 formacións a realizar, que serían:

      a) As 3 propostas máis repetidas nesas enquisas.

      b) 1 proposta a escoller pola DXXPV.

      c) 1 proposta a decidir entre as Escolas de Tempo Libre.

Alén destas 5 formacións a escoller a partir de necesidades recollidas nestes formularios de avaliación, proponse que a Escola Galega de Xuventude marque unha liña de acción que se estruture en:

Formación Básica

  • Monitor/a Tempo Libre Educativo.
  • Director/a Tempo Libre Educativo.

Formación Estratéxica

  • Igualdade de Xénero.
  • Acoso.
  • Sexualidade.
  • Comunicación.
  • Separación de lixo.

Formación Complementaria ou Específica

  • Director/a de Campos de Traballo.
  • Monitor/a de Campos de Traballo.
  • Formador/a de Formadores/as de Escolas de Tempo Libre.
  • Outras formación.

Na Formación Básica as funcións serían fundamentalmente de supervisión, xa que as Escolas teñen (e terán) a obriga de ofrecer esas formacións. Na Formación Estratéxica escollemos 5 temáticas nas que é urxente comezar a actuar:

  • Igualdade de Xénero. Obsérvase que con demasiada frecuencia o uso de dinámicas/cancións/xogos que van en contra da Igualdade de Xénero. É probable que non haxa ningunha intencionalidade, xa que moitas veces é a inercia (canción de moda, xogo que unha persoa aprende nun curso e logo repite sen reflexionar, etc.) a que promove o seu uso, mais nas actividades organizadas dende a DXXPV debería existir unha preocupación polos valores que se transmiten.

  • Acoso.

  • Sexualidade.

  • Comunicación.

  • Separación de lixo/uso racional de materiais. Vemos que nas instalacións da propia DXXPV non hai unha separación de lixo, e resulta especialmente chamativa o caso dos comedores dos albergues e campamentos, onde ao recoller as bandexas só diferenciamos entre orgánico e o resto.

Destas temáticas, desenvolvimos un pouquiño a primeira -o tempo era limitado e había que priorizar-, porque nas distintas actividades (Campaña de Verán incluida) estase detectando un preocupante repunte e reforzo de actitudes machistas entre a rapazada. Evidentemente non é cuestión específica da xente máis nova, pero dado que estamos nun marco de Xuventude, e que nestas etapas da vida é fundamental transmitir valores que promovan unha sociedade máis xusta que non faga diferencias por cuestión de xénero e/ou identidade sexual, resulta imprescindible actuar. As propostas son:

  • Elaboración dun manual que promova a igualdade de xénero e tente evitar conductas en contra da igualdade de xenero nas actividades promovidas dende a DXXPV. Sería un manual que invitase á reflexión antes de plantear unha actividades/dinámica/canción (que valores transmite? É axeitado o seu uso?), axudase a identificar se outra persoa está a promover valores en contra da igualdade de xénero e dotase de ferramentas para convidar a reflexionar sobre o tema (comunicación con amabilidade e educación) e ao mesmo tempo dotase de propostas a partir de boas prácicas (por exemplo, se vemos que hai cancións que se repiten constantemente en cada actividade e os valores que transmiten son contrarios á igualdade de xénero, pois indicamos que non é aconsellable esa canción e faise unha proposta alternativa).

  • Curso de Actividades de Tempo Libre Educativo dende a perspectiva da Igualdade de Xénero/Feminismo. Ben é certo que entre os contidos dos cursos de monitorado de Tempo Libre hai un apartado de Educación en Valores, pero o enfoque destes contidos varía en cada Escola, e ademais hai persoas que fixeron o curso hai moitos anos e andan algo desfasadas co tema, así que estaría moi ben ofertar esta formación.


Sesión 5 (domingo de 09:45 a 11:15).

Dado que o Comité ía ser disolto ao peche de INTERACTUANDO, era imprescindible falar un pouquiño da Escola Galega de Xuventude, e tentar darlle unha volta ao tema. Comezamos cun repaso das funcións da Escola Galega de Xuventude que están recollidas na Lei de Xuventude de Galicia (Titulo III, Capítulo VI, Artigo 46):

a) Velar polo nivel técnico das ensinanzas impartidas polas escolas de tempo libre, nos termos establecidos nesta lei.

b) Avaliar e conformar os cursos que impartan as escolas de tempo libre.

c) Elaborar a programación anual de cursos e actividades formativas complementarias ás realizadas polas diferentes escolas de tempo libre e, en especial, as que teñan por obxecto a especialización en áreas concretas de coñecemento dos monitores ou monitoras e directores ou directoras de actividades de tempo libre.

d) Impartir actividades formativas que teñen un carácter estratéxico e innovador con respecto á programación anual establecidas na letra anterior, así como outros cursos dirixidos á técnicos ou técnicas de xuventude, a informadores ou informadoras xuvenís, a persoal das escolas de tempo libre e á mocidade en xeral.

e) Emitir os informes e realizar os estudos que lle solicite o órgano directivo competente en materia de xuventude para a xestión das actuacións dirixidas á mocidade.

Para cumpliar con todas estas funcións, e a sabendas de que os recursos son limitados, dende este faladoiro fixemos unha serie de propostas que teñen a ver coas titulacións de Tempo Libre (o tema do faladoiro):

  • Avaliación dos cursos. Debe haber un mínimo de 1 visita presencial a cada curso, onde se realice unha enquisa on-line por todas as persoas asistentes ou se recollan os correos electrónicos de tódalas persoas e logo se envíe o cuestionario on-line.

  • Xuntanza con Escolas de Tempo Libre. Facer unha xuntanza anual durante 3 anos consecutivos (logo, en función da asistencia e valoración das escolas, avaliar a necesidade de ter esas xuntanzas).

  • Creación dunha Bolsa de Formadoras/es de Tempo Libre Educativo. Hai Escolas de Tempo Libre que manifestaron o seu interse en contar con esta Bolsa, e vendo que xa hai Bolsas de Formadoras/es semellantes, propoñemos o sistema dos centros SALTO-YOUTH.

    Para darse de alta na Bolsa de Formadoras/es cada formador/a dase de alta e cubre un formulario on-line, no que se indicarían os requisitos (por exemplo, ter impartido alomenos 3 formacións en diferentes cursos de Tempo Libre Educativo nos últimos 5 anos, indicando unha persoa de referencia da Escola onde impartiu esa formación e os seus datos de contacto -para poder validar esa información-).

    Ao rexistrarse debería facilitar datos dos contidos que podería impartir e conta con experiencia (no formulario debería haber apartados cos módulos máis habituais nos cursos de monitor/a e director/a de Tempo Libre e de director/a de Campos de Traballo, e un apartado con outras módulos/formacións frecuentes no campo da Educación Non Formal).

        Unha vez validada a información pola Escola Galega de Xuventude, a Bolsa de Formadoras/es podería ter un espazo web dentro da propia páxina da DXXPV, que permita acceder libremente á información de carácter público e os datos de contacto do/a formador/a (obviamente, previa autorización no intre de facer o rexistro). Sería moi aconsellable poder realizar unha busqueda selectiva, atendendo a criterios de contidos que podería impartir o/a formador (alomenos os contidos dos módulos das titulacións) e/ou xeográficos (por provincias... en función de onde se imparta o curso, pode ser un criterio interesante).

        As Escolas que fagan uso da Bolsa de Formadoras/es poderían deixar comentarios cando conten cun/ha formador/a nos seus cursos, ou ben simplemente indicar que se contou con esa persoa para unha formación e que no caso de que outra escola queira solicitar información sobre como foi, poida contactar coa escola.

        Se un/ha formador/a non engade novas formacións cada 3 anos, ficaría excluido da Bolsa de Formadoras/es.

  • Elaboración dun Manual de Curso de Monitor/a de Tempo Libre Educativo e Director/a de Tempo Libre Educativo. O obxectivo deste manual é garantir unha información mínima que reciban as persoas que realicen os cursos, que sexa obligatorio que se facilite dende as Escolas de Tempo Libre de Galicia, á marxe doutros posibles manuais, apuntes ou guías que se empreguen nesas formacións.

Para a elaboración deste manual realizariase un convite a participar a tódalas Escolas de Tempo Libre. No caso de que ningunha quixera participar, a DXXPV podería conformar un equipo externo ás Escolas de Tempo Libre de Galicia que elabore o manual.

A elaboración do manual debe ser remunerada, dacordo aos criterios que estableza a administración autonómica.

O manual é unha proposta ambiciosa e a medio/longo prazo, polo que estimamos aconsellable un tempo de realización de entre 18 e 24 meses.

O manual estaría dispoñible para as escolas nun formato dixital.

O manual sería un documento aberto e revisable. Entendemos que alomenos cada 5 anos debería realizarse unha revisión do manual.

  • A Escola Galega de Xuventude debe contar cun orzamento anual e estrutura propia.

    Hai diferentes modelos (só persoal da administración, persoal contratado por períodos de 18-24 meses, opción de crear un claustro con persoal de diferentes escolas) e aquí hai unha cuestión de vontade política que se nos escapa ás persoas participantes no faladoiro. O que si vemos é a necesidade de que a Escola Galega de Xuventude é un órgano que garanta as xuntanzas coas Escolas de Tempo Libre, avalíe as formacións conducentes a titulacións de Tempo Libre, complemente esas formacións atendendo as necesidades formativas do sector e facilite ferramentas ás persoas que traballan no eido do Tempo Libre Educativo en Galicia. Concebimos esta Escola Galega de Xuventude como un Centro de Recursos, na liña que funcionan os Centros SALTO-YOUTH.

  • Creación dun Grupo de Traballo que elabore un repositorio do Tempo Libre galego.

  • Actualización do rexistro das Escolas de Tempo Libre.

A última parte da sesión foi para realizar as conclusións e, nos poucos minutos restantes, decidir como presentalas no plenario.

CONCLUSIÓNS

O Faladoiro de Titulacións está marcado por unha liña de continuidade das 2 edicións anteriores, xa que houbo no 2016 dous faladoiros ligados ao tema (Formación no Tempo Libre e Adquisición de competencias a través da aprendizaxe non formal) e no 2017 houbo un faladoiro de Formación e Escolas de Tempo Libre.

A realidade dos certificados de profesionalidade está presente, vemos que hai algúns que se imparten a distancia e probablemente iso vai continuar, xa que o real decreto que regula estos certificados non semella que vaia mudar nos anos vindeiros. Alén disto hai titulacións universitarias e de formación profesional que tamén están ligadas ao eido do Tempo Libre, sobre todo se comezamos a falar de Tempo Libre Educativo... entrementres hai moita xente que tendo esas titulacións acaba facendo o curso de Monitor/a de Tempo Libre.

Ao longo deste INTERACTUANDO traballamos diferentes aspectos, concluindo que:

  1. É fundamental dotar a Escola Galega de Xuventude de maior actividade, que garanta xuntanzas anuais coas Escolas de Tempo Libre, complemente a oferta formativa das Escolas de Tempo Libre, detecte as necesidades formativas do Tempo Libre Galego e funcione como Centro de Recursos.

  2. É posible detectar necesidades formativas necesidades formativas do Tempo Libre Galego a través das enquisas á monitorado e directoras/es da Campaña de Verán. Sistematizar esta recollida para que durante o inverno e a primaveira poida haber un plan de formación é viable e aconsellable, ao mesmo tempo que axudaría ás Escolas de Tempo Libre a orientar a súa propia oferta formativa.

  3. Hai Escolas de Tempo Libre de Galicia que reclaman a creación dunha Bolsa de Formadoras/es. O modelo SALTO-YOUTH serve de exemplo a partir do cal facer unha proposta ás Escolas de Tempo Libre e realizar as adaptacións precisas.

  4. A Escola Galega de Xuventude, como Centro de Recursos, debe impulsar a elaboración dun manual de Monitor/a de Tempo Libre que garante uns contidos mínimos e estandarizados ao alumnado dos cursos de Monitor/a de Tempo Libre (Educativo). A partir de aí haberá que camiñar cara un Manual de Director/a de Tempo Libre (Educativo), Director/a de Campo de Traballo, etc.

  5. O Tempo Libre Educativo en Galicia é rico e é un patrimonio de todas e todos. Temos que poñelo en valor e sería marabilloso contar cun repositorio do Tempo Libre Educativo Galego.

INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE   Xornadas Galegas de Actualización de Coñecementos e Intercambio de Experiencias
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar