IV FORO ABERTO

Vimos a informar e informarnos

  • Contribuímos á cultura de participación que conxuntamente estamos construíndo, e na que todas e todos estamos convidad@s a participar. Con espazos de encontro e actitudes de escoita: nos Foros, nos Interactuandos e entre unhas actividades e outras.

  • Vimos coñecer de primeira man informacións de interese e dialogar estruturadamente con axentes do tempo libre diversos.

  • Vimos coñecer o estado da tramitación do decreto que participativamente durante o 2017 elaboramos.

  • Vimos identificar as necesidades de reflexión e traballo máis interesantes para traballar no vindeiro INTERACTUANDO.

  • Vimos definir liñas básicas para a preparación do XII INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE.

INFORMACIÓN. ANOVACIÓN DO DECRETO DE XUVENTUDE

A proposta de decreto saída do INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE é sólida (consultar Actas XI INTERACTUANDO). Só a parte vencellada a formación resultou frouxa. Unha unha xuntanza posterior ás xornadas de Novembro para mellorar este apartado.

A DXXV propón a tramitación do texto como "decreto", e das titulacións como unha "orde" complementaria que desenvolve o decreto.

Durante a tarde houbo acendido debate sobre a necesidade ou non de resolver "flecos" e sobre a "lexitimade" á hora de tomar "decisións" a iste respecto.

Paga a pena lembrar que a "decisión" en última instancia compete á Administración, que no exercicio das súas funcións pode (e debe) realizar diversidade de consultas.

As posibles "incoherencias" ou grallas que poida ter o texto que se detecten dende xa e durante a tramitación, poden ser sandables: o que cómpre é sinalalas en concreto.

Para unha valoración máis ampla, enténdese que é preferible botar o novo decreto a rodar e, no caso de haber melloras que acometer, realizalas á luz xa do novo decreto.

A tramitación xurídica vai levar meses.


INFORMACIÓN. INFORME SOBRE TITULACIÓNS DE TEMPO LIBRE. GRUPO ESCULCA

Un grupo de traballo da USC (Grupo Esculca) presentou unha proposta de traballo que ten como obxectivo valorar as titulacións do 50/2000 á luz dos certificados de profesionalidade, botando man dos debates recentes abertos e mais de entrevistas con representantes de ETLs.

Presentouse a idea. A data anunciada para a presentación de resultados é finais de Xuño.

Considérase que este informe pode ser un elemento de xuízo interesante, tanto como recoñecemento académico do labor que se está a desenvolver, como como elemento de xuízo para propiciar debates previos á aprobación das novas titulacións de Tempo Libre.

Valórase positivamente que haxa un faladoiro no vindeiro INTERACTUANDO adicado ás titulacións e que se poida traballar nas xornadas de Outono unha proposta concreta de titulacións sobre a educación no tempo libre en Galicia, e que de aí saia o corpo da orde específica complementaria ao novo decreto de xuventude.

Dado que será xa entrado o verán cando o grupo de traballo da USC presente o seu informe, albíscase un calendario con estes tempos:

  1. Presentación do informe.

  2. Dar a coñecer: a) contido do informe e proposta de titulacións, b) mecanismos e tempos para achegas .

  3. Tempo para se documentar e valorar.

  4. Convocatoria dun grupo de traballo. Xuntanza dúas/tres semanas antes do INTERACTUANDO.

  5. Faladoiro no INTERACTUANDO

  6. Xuntanza en dúas/tres semana despois do INTERACTUANDO para a presentación de resultados

INFORMACIÓN. NOVA LEI DE CONTRATACIÓNS PÚBLICAS. NOVIDADES RELEVANTES

O xefe de servizo de Vigo presentou as novidades da nova lei de contratacións públicas. Foi unha presentación clara e oportuna, con coñecemento de causa e honestidade tocante ás incertezas. Serviu para comezar a comprender o novo contexto.

Principios:

  • Liberdade de acceso á licitación

  • Transparencia

  • Publicidade

  • Non discriminación

  • Contratación pública socialmente responsable

Explicouse como a DXXV optou por realizar a convocatoria de pregos da Campaña de Verán conforme á nova Lei, atendendo ás posibilidades que a nova Lei ofrece de mellorar e/ou asegurar condicións laborais segundo convenio colectivo, entre outras melloras nos procedementos de licitación e adxudicación que posibilita o novo texto. Foi unha maneira de responder á necesidade longamente expresada en foros anteriores de velar polas condicións laborais dos educadores e educadoras de TL. Se ben ten a contraparte de ser o primeiro procedemento desenvolvido pola administración autonómica conforme ao novo marco e hai ausencia de experiencia ao respecto.

Quedou claro que unha nova xeira se inicia na que é posible ir introducindo elementos e mecanismos para favorecer a calidade e transparencia dos contratos, e que os pregos do 2018 son a primeira experiencia con esta Lei e co novo xeito de encarar as licitacións de agora en diante.

Agradeceuse a "empatía" da Administración coa sensibilidade expresada nos foros anteriores, e a "valentía" ao optar por un procedemento para o que non existen precedentes.

Suxeriuse que ao fío da nova Lei se exploren todas as cláusulas posibles que favorezan a "calidade" e apuntouse o debate do que "calidade" é e como suxerila e promovela.

Valórase positivamente o horizonte que se abre para colectivamente promover achegas de mellora cara a campaña de verán e outras licitacións. Suxírese neste sentido un concurso de ideas para elaborar propostas de programación para a campaña de verán (é recoñecido que as actualmente existentes nos pregos teñen deficiencias, se ben cumpren a súa función).

Sublíñase que a lei presenta ferramentas novas, como as "consultas preliminares de mercado" que posibilitan algún diálogo estruturado, e "concursos de ideas", que aparentemente podería ser interesante explorar, para segundo que.

REFLEXIÓNS

Falouse moito e ben. Dixeríronse informacións da mañá, reflectíronse cousas novas, argumentouse cunha actitude construtiva e planificouse con perspectiva de futuro.

  • O primeiro debate foi sobre a tramitación do borrador de novo decreto e a necesidade ou non de agardar para o peche do proceso relativo á formación, para iniciar a súa tramitación xurídica.

  • O segundo debate foi o relativo á formación, no que por un lado se trataron as eivas dos resultados do XI INTERACTUANDO, das ETL e da proposta de estudo, e polo outro se identificou a conveniencia de comezarmos a esmiuzar máis miúdo: titulacións, Escolas, Escola Galega de Tempo Libre, especialidades (estrutura ≠ contidos), necesidades formativas (de carácter persoal ≠ social).

  • O terceiro foi as posibilidades que abre a nova lei de contratacións e en especial en relación á campaña de verán, para a que despois de vir sendo sucesivamente criticada nos distintos foros, pode abrirse unha ilusionante era nun proceso que non fixo máis que se iniciar.

  • O cuarto foi tocante á calidade, calidade da educación no tempo libre, como se recoñece ou barema a calidade, a necesidade de recoñecemento social de cando hai calidade, e programacións educativas de calidade nos pregos da campaña de verán. En base a estas reflexións decidiuse artellar dous dos faladoiros das xornadas de Outono.

  • Un último importante debate que se apuntou, se ben non se falou en extenso pola súa complexidade, é o vencellado ás condicións laborais e á iniciativa de que haxa un convenio colectivo galego para o sector da educación no tempo libre (estase nestes momentos a promover a creación dun a nivel estatal). Tamén pareceu un tema o suficientemente relevante como para que se artelle en torno a isto un grupo de traballo que prepare debates de cara a un faladoiro no INTERACTUANDO.

PREPARACIÓN DO XII INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE

A principal novidade de cara á preparación do próximo INTERACTUANDO foi o artellamento de dúas liñas de traballo que poden adoptar a forma de comisións, que por un lado traballarán documentación previamente, artellarán debates nun dos faladoiros, e elaborarán conclusións e propostas de resolución con posterioridade ás xornadas:

  1. Formación
  2. Condicións laborais (pregos administrativos e convenio colectivo)

Estas comisións, ou foros específicos, falouse que teñan

  • 1 persoa coordinadora

  • 1 xuntanza dúas ou tres semanas antes das xornadas

  • a responsabilidade de conducir un faladoiro nas xornadas (artellar debates conducentes)

  • 1 xuntanza dúas ou tres semanas despois das xornadas

  • a obriga moral de presentar conclusións e propostas de mellora

Os temas que se propoñen para os faladoiros son:

1. Condicións laborais: contratacións, pregos administrativos e convenio colectivo.

2. Formación e Titulacións de Tempo Libre: promover chegar a acordos para a "orde".

3. Programacións de TL: elaboración de propostas de programación para a Acción de Verán.

4. Calidade na educación no TL: calidade?, percepción social, recoñecemento do TL

Definíronse tarefas e propuxéronse responsables provisionais:

  • Faladoiros: 1, Miren, 2, Inés, 3, Comisión Formación, 4, Sofía

  • Actividades: Pol e Brais

  • Experiencias: Rubén

  • Web, arquivo e secretaría: Hugo

  • Comunicación social: Xulio

  • Secretaría pola DXX: Pepe

  • Coordinación: Brais

INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE   Xornadas Galegas de Actualización de Coñecementos e Intercambio de Experiencias
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar