SOMOS TEMPO LIBRE

"CAMIÑANDO EN COLECTIVO POLO TEMPO LIBRE"

PONENTES: Diana Calo e Silvia Meno

Somos monitorado de campamentos de verán e campamentos urbanos. Somos monitorado de actividades extraescolares. Somos monitorado de atención á diversidade funcional. Somos educadoras e educadores sociais. Somos psicólogos e psicólogas. Somos mestres e mestras. Somos turistólogas e turistólogos. Somos cantantes. Somos animadores e animadoras socioculturais. Somos biólogos e biólogas. Somos equipas de coordinación de asociacións de tempo libre. Somos extrovertidas e extrovertidos, loitadores e loitadoras, amantes do educativo e do tempo libre. Somos nais, pais, tías, tíos e familiares de nenas e nenos que queremos que teñan un tempo libre san e educativo en valores positivos. Somos unha representación da sociedade a nivel profesional e persoal...

Somos Tempo Libre.


Somos Tempo Libre é un colectivo aberto e dinámico que pretende pór en valor o tempo libre.

O colectivo está composto, activamente, por dezasete membros relacionados directamente co tempo libre. Na súa maioría, somos directoras e directores, monitoras e monitores cunha longa experiencia en campamentos e outras actividades do ámbito, ademais de estar involucrados no ámbito social, educativo, cultural, etc...

A diversidade e a pluralidade son algúns dos puntos fortes deSomos Tempo Libre. Todas e todos sumamos e somos necesarias e necesarios por igual.

No Interactuando no Tempo Libre do 2016 nace a semente do que remataría sendo Somos Tempo Libre. Nun dos faladoiros, despois de horas de debate sobre as relacións entre as administracións, as empresas e as e os profesionais do tempo libre, xurdiu a idea de crear un colectivo que puidera constituírse na voz do sector: Pegaso. Unha entidade que pretendía ser representativa do que somos, que servira para contarlle ao mundo que é o Tempo Libre e, en definitiva, que nos axudara a estar unidas e unidos e a defender o sector.

Unha vez finalizado o Interactuando, coa xente que apostou por Pegaso, intentáronse facer grupos de traballo sobre aqueles ámbitos do tempo libre nos que se detectou a necesidade de mellora. Sen embargo, os grupos non chegaron a ser produtivos e o traballo non foi todo o efectivo que se esperaba.

Había algo que non funcionaba. Por iso, tres membros do grupo decidiron darlle outra perspectiva ao traballo e poñer a forza que lle faltaba a Pegaso, para crear un colectivo que si tivese representación e repercusión social. Para isto, decidiron buscar xente nova que se uniran á idea e contar con aqueles integrantes de Pegaso que quixeran continuar; ademais de cambiar a metodoloxía de traballo para crear un colectivo moito máis forte e produtivo. Nese momento nace Somos Tempo Libre.

O primordial para que STL fora eficaz e non se quedara en fume coma Pegaso, foi crear unha metodoloxía baseada en:

  • Reunións de traballo presenciais, onde todas e todos os membros nos viramos e marcaramos metas e puntos a traballar.

  • Marcar tarefas de traballo a curto prazo.

  • Esixir compromiso cara o colectivo. Todos dependemos de todos polo que as tarefas había que telas feitas para que non coxeara o traballo conxunto. E era preciso certo compromiso na participación e na asistencia ás reunións, onde o colectivo se marcaba metas de traballo a seguir.

O obxectivo do colectivo céntrase na posta en valor do Tempo Libre en todos os seus ámbitos e prestando especial atención aos seguintes:

- Formativo: apostar por unha formación de calidade e educativa, para formar uns bos profesionais.

- Laboral/profesional: mellora das condicións laborais dos monitores e monitoras e a profesionalización do Tempo Libre.

- Educativo: Ver o tempo libre como un axente educativo, monitor referente /educador.

- Institucional: Velar porque prime a calidade do tempo libre e a dos monitores e monitoras ante a factor económico (a nivel lexislativo, pregos campaña verán, proxectos, etc...).


O sistema de traballo de Somos Tempo Libre é moi sinxelo e pasa por poñer o foco sempre na escoita activa, na construción de consensos e na confianza. Otraballo en equipo, a comunicación e o consenso son as nosas premisas.

Mantemos reunións periódicas, non máis alá de dous meses de separación (agás durante a campaña de verán), e, para ter continuidade e facer un traballo produtivo, marcamos tarefas para as reunións seguintes.

A estrutura do colectivo é totalmente horizontal, tanto a nivel de funcionamento interno como a nivel de comunicación, polo que hai certas tarefas marcadas para as reunións que se van rotando entre os distintos membros do colectivo: coordinar as reunións, coller acta da reunión, facer resumos vía whatsapp para as persoas que non asistiron ás reunións, recordatorio de tarefas, recoller asistencia,...

Ademais das reunións, mantémonos en contacto diariamente a través das novas redes de comunicación (whatsapp) para informarnos en todo momento dos pasos que estamos realizando, dos acontecementos importantes sobre o TL, como están saíndo as tarefas, etc...

Por outro lado, como todos os colectivos ou grupos similares, temos membros activos e non activos. Que quere dicir isto? Que hai membros que non poden acudir ás reunións (unha das partes importantes para que o colectivo funcione e traballe) por diferentes motivos persoais e profesionais. Eles poden darse de baixa do colectivo sen ningún problema e decidir se queren continuar activos realizando as tarefas, recibindo as actas por correo ou apoiando ao colectivo a través de redes sociais ou outros canles. No caso de querer darse de baixa destes puntos, poden volver a formar parte de novo en calquera momento, posto que somos un grupo aberto.

Dámonos a coñecer a través dunha páxina de facebook que nos permite comunicarnos coa sociedade que nos quere ler e seguir, e alí publicamos todo o que consideramos importante que hai que transmitir para chamar á participación cidadán. Tamén dispomos dunha conta de correo electrónico en gmail para comunicarnos con outros organismos, entidades ou particulares.

Cando nos constituímos oficialmente como Somos Tempo Libre, en novembro do 2016, tiñamos diferentes liñas de traballo que queriamos explorar: a campaña de verán, a lexislación, a comunicación do que implica e é o Tempo Libre. Sen embargo, no momento no que fomos coñecedoras da renovación do Decreto 50/2000, foi necesario centrar aquí a maior parte dos nosos esforzos. Vimos a oportunidade de poder aportar as nosas ideas de cambio e as nosas melloras a nivel legal e non a quixemos deixar escapar.

Empezamos estudando e analizando a lexislación sobre o Tempo Libre que existía nas diferentes Comunidades Autónomas e dedicámonos a debater cada unha das melloras que se podían facer ó Decreto actual, en función ó existente noutras Comunidades veciñas. Revisamos as diferentes versións do Decreto conforme ían chegando e fomos facendo as novas achegas artigo por artigo.

Nun momento do proceso detectamos que había moitos cambios que abordar e vimos a necesidade de chamar á participación cidadá para que se involucraran no proceso colaborativo de modificación do decreto, polo que decidimos lanzar unha campaña de comunicación vía correo electrónico, whatsapp e facebook pedindo #TempoParaoTempoLibre. Esta campaña chegou a moita xente do entorno do TL e foi unha maneira de darnos a coñecer e dar a coñecer parte dos cambios que se querían realizar no Decreto.

Pola nosa parte, asistimos ás xuntanzas nas distintas cidades para facer achegas e modificacións do Decreto. Deste xeito fixemos visible o noso traballo como colectivo e as nosas modificacións foron escoitadas, na medida do posible, pola Xunta e demais axentes implicados no sector. Como colectivo, representamos a Somos Tempo Libre nas devanditas reunións, quedando visible o traballo dos monitores e monitoras de tempo libre e velando polos seus intereses dende a experiencia laboral que nos atinxe.

Pero o noso traballo non remata aquí. Este é o primeiro paso de participación en conxunto que trae consigo un crecemento profesional dos membros para poder involucrarnos en novos procesos de mellora do Tempo Libre. Os retos seguintes están por chegar e as ideas de traballo do inicio seguen aí.

Neste colectivo para aportar só fai falla ter o valor e as ganas de pronunciarse, querer un tempo libre de calidade e velar por uns intereses comúns na mellora do sector.

Se estades interesados na labor do colectivo e considerades que podedes aportar algo ou buscades información máis detallada sobre o que facemos en Somos Tempo Libre, as nosas portas están abertas para todas as persoas. A través da nosa páxina de facebook e do noso enderezo electrónico somostempolibregalicia@gmail.com. Acollemos todas as peticións que nos fagades e dámosvos a man para que camiñedes connosco na busca dun TL educativo, dinámico, profesional e ben valorado.

#SigamosSumando#TodasSomosNecesarias


► PRESENTACIÓN EMPREGADA NO PANEL → descarga

DATOS DE CONTACTO

Facebook: Somos Tempo Libre

somostempolibregalicia@gmail.com

INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE   Xornadas Galegas de Actualización de Coñecementos e Intercambio de Experiencias
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar