FICHA DO FALADOIRO

"PROGRAMACIÓNS DA CAMPAÑA DE VERÁN"

FACILITADO POR: Inés Cebreiro López e Breo Lourido Corral.

CONTEXTO

Este faladoiro xorde da necesidade de avaliar os programas que se veñen desenvolvendo na Campaña de Verán, así como coa intención de realizar propostas para mellorar a súa calidade e adaptalos á realidade de cada unha das instalacións nas que se desenvolven. O obxectivo primordial do mesmo é acadar conclusións suficientemente concretas como para permitir a suxestión de cambios á DXXPV que poidan facerse efectivos nas seguintes campañas de verán.

DURACIÓN DAS SESIÓNS

Os tempos adicados ao Faladoiro foron:

  • Venres: de 20:00* a 20:30.

  • Sábado: de 9:30 a 11:30, de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00.

  • Domingo: de 9:30 a 11:30.

*Inicio, cunha hora de retraso debido á demora na hora de inicio da Sesión Inaugural.

ESPAZOS DE TRABALLO

O faladoiro desenvólvese na aula grande do segundo andar do centro social de Gandarío, un espazo amplo con cadeiras, dúas mesas e taboleiro.

OBXECTIVOS

  • Marcar obxectivos ideais para a Campaña de Verán.

  • Avaliar as programacións da Campaña de Verán.

  • Sinalar cuestións que non están a funcionar e realizar propostas de mellora.

SESIÓNS

Sesión 1 (venres, 20:00 a 20:30). Conformar grupo, coñecer nomes e contextos.

Debido á que a asistencia é menor da esperada realízase unha dinámica de presentación máis sinxela respecto do planificado pero que contén os mesmos elementos: coñecer a formación, experiencia no Tempo Libre e as expectativas de cara ao faladoiro das persoas participantes. Preséntanse tamén as dinamizadoras e comparten os obxectivos marcados para o faladoiro.

Sesión 2 (sábado, 09:30 a 11:30).

Explícase brevemente a importancia de programar partindo de obxectivos ben traballados.

Desenvólvese un remuíño de ideas, en pequenos grupos, coa pretensión de propoñer e seleccionar os obxectivos xerais máis relevantes que deberan ter presenza na Campaña de Verán. Quedan recollidas as conclusións nun cartaz grande.

Divídense os 13 lotes da Campaña de Verán en 4 grupos atendendo á súa temática:

  • Aventura e natureza: Pontemaril, Furelos e Chacotes.

  • Aventura e mar/río: Ons, Portomarín e Mariña.

  • Teatro e circo: Penedos de Xacinto e Espiñeira.

  • Náutica: As Sinas, Virxe do Loreto, Area, Devesa e Gandarío.

Lévase a cabo un WorkCafé con 4 mesas, unha por bloque temático, no que as participantes rotan polas diferentes mesas en sesións de 20 a 30 minutos. En cada unha delas reflexionarase sobre:

  • Obxectivos específicos para cada bloque temático, tendo en conta os obxectivos xerais marcados anteriormente.

  • Contidos: actividades grupais e de rotación, excursións, valores, etc.

  • Grupos e participantes: número, idade,...

  • Cronograma: distribución e duración das actividades e coherencia segundo a instalación.

  • Instalación/Espazos.

  • Material.

En cada unha das mesas, realízase un dobre exercicio. Dunha banda, avalíase o que se vén de facer (axeitado en verde e desaconsellado en vermello), e en base a esta avaliación, achéganse propostas de mellora e innovación.

Sesión 3 (sábado, 12:00 a 14:00).

Adícase 1 hora a rematar a dinámica do WorkCafé e 1 hora a poñer en común o recollido nas distintas mesas.

Sesión 4 (sábado, 16:00 a 18:00).

Remátase a posta en común do recollido nas diversas mesas de traballo.

Adícase 1 hora e media a valorar e introducir melloras en cuestións comúns a todos os lotes:

  • Horarios de chamadas

  • Convivencia

  • Espazo de escoita activa

  • Tempo Libre

  • Veladas

  • Saídas

  • Outros

Sesión 5 (domingo, 09:30 a 11:30).

Adícanse 45 minutos á aprobación de dúas propostas de cronograma correspondentes ás instalacións de Boiro e Entrimo (campamentos de teatro e circo) para axustarse á nova realidade de campamentos de 8-10 días.

Elabórase dunha posta en común creativa das conclusións a expoñer na sesión de peche.

CONCLUSIÓNS

  1. OBXECTIVOS DA CAMPAÑA DE VERÁN.

  • Establecer anualmente un obxectivo/temática transversal da Campaña de Verán relacionado coa educación en valores.

  • Profundar na etnografía e o patrimonio social, natural e cultural presente na contorna de cada instalación. Interaccionar coa mesma.

  • Fomentar e promover o uso da lingua galega.

  • Desenvolver as actividades enfocado dende a educación en valores.

  • Desenvolver a autonomía persoal e fomentar a participación activa das usuarias/os.

  • Traballar o ecoloxismo, a conservación e o respecto ao medio ambiente e o desenvolvemento sostible.

  • Desenvolver hábitos de convivencia na mellora das habilidades sociais e na adquisición de competencias para a resolución pacífica de conflitos.

  • Ser complemento á educación formal. Poñer en valor o tempo libre en xeral e os campamentos en particular como espazos educativos.

  • Amosar as posibilidades e os beneficios do ocio saudable.

  • Desenvolver todas as actividades cunha marcada coherencia educativa.

  • Favorecer a cohesión grupal e o traballo en equipo.

  • Buscar o valor positivo da diversidade e acadar a inclusión de todas/os participantes.

  • Educar dende o feminismo en materia de xénero, sexualidade, identidade e orientación sexual.

2. PROXECTOS ESTUDADOS, EN CONSONANCIA COA CONTORNA E ABORDADOS DENDE UN PUNTO DE VISTA EDUCATIVO.

Afondar no estudo da contorna das distintas instalacións e deseñar proxectos relacionados coa mesma. Acadar propostas coherentes cos obxectivos marcados sen que ningunha actividade sexa produto do azar.

3. DEFINIR ACTIVIDADES E SINALAR O MATERIAL PRECISO.

Maior descrición das actividades, afondando en que se quere facer, conseguir e con que obxectivo. Marcar a progresión das actividades dando unha orientación acerca do seu desenvolvemento, sen pechar metodoloxías nin actuacións concretas. Definir o material mínimo a empregar na realización das mesmas (actividades con material específico determinante para o seu desenvolvemento).

Reparar tamén na maior necesidade de recursos humanos que precisan determinadas actividades como as náuticas ou a escalada.

4. POTENCIAR AS ACTIVIDADES EN GRAN GRUPO.

Valóranse positivamente os modelos de cronograma nos que hai equilibrio entre as actividades de gran grupo e de rotación. Acórdase unha porcentaxe de 50% vs 50% nos lotes de aventura (natureza e mar) e teatro. No caso dos campamentos de náutica, 25% grupal vs 75% actividades náuticas, e empregar outras ferramentas que favorezan a interacción persoal. Cambio da configuración de cada grupo de actividade cada vez que se remate un ciclo de rotación.

5. MODIFICACIÓNS NOS CRONOGRAMAS E HORARIOS DO DÍA.

Proponse que a DXXV aporte nos pregos técnicos un 'cronograma tipo' por lote, no que se especifiquen as actividades a realizar nunha certa orde. Unha vez concedido o lote correspondente, a/o director/a da actividade disporá, cando menos, dos 5 días previos ao comezo da campaña para achegar un cronograma modificado. Neste, deben aparecer as mesmas actividades que no 'cronograma tipo', co mesmo número de sesións, horas por sesión e horas totais adicadas a cada unha. É dicir, no cronograma modificado só cabe mudar a orde cronolóxica na que se realizarán as actividades. Así mesmo, durante os 5 días previos a cada quenda posterior, poderanse propor melloras no cronograma contando coa experiencia das quendas anteriores:

  • Cambios de orde nas actividades.

  • Cambios por causas de forza maior (climatoloxía, mareas e similares).

  • Outro tipo de cambios limitados, ben porque se comprobase que a dinámica do cronograma funcionaría mellor doutro xeito (cunha excursión máis, unha hora extra para durmir nos últimos días debido ao cansazo, para facer efectiva a toma de decisións acadadas no espazo de escoita activa, etc.) ou porque eses cambios fosen solicitados por usuarias/os en quendas anteriores.

  • Estes cambios non irían en prexuízo de solicitudes de cambios por causa de forza maior durante o desenvolvemento das actividades, seguindo a canle empregada ata o de agora.

  • Da mesma maneira que no caso do cronograma, enviarase un horario xeral tipo adaptado ás características particulares de cada instalación ao inicio da Campaña, respectando escrupulosamente as horas das respectivas comidas, de espertar e deitarse.

6. DURACIÓN DAS ACTIVIDADES ROTATIVAS.

Propóñense dúas posibles duracións:

  • 3 horas: actividades náuticas, rocódromo, tirolina. En xeral, as que precisen desprazamento fora da instalación e/ou un movemento apreciable de material e/ou impliquen na súa realización esperas continuadas.

  • 1,5 horas: as restantes actividades.

Valórase positivamente que as actividades en gran grupo teñan unha duración ampla.

A hora de inicio é fin das actividades terá certa flexibilidade (marxe de cortesía). Dependendo da idade das/os participantes e das características da propia instalación (puntos clave afastados entre si) poden darse pequenas demoras.


7. ACTIVIDADES A REVISAR.

As seguintes actividades valóranse como desfasadas ao presentar pouco interese para as usuarias/os actuais. Proponse a substitución de:

STOP MOTION

LIP DUB

FLASH MOB

XEOCAPTURA

Ademais, certas actividades presentes nalgunha instalación, considéranse pouco axustadas á realidade da instalación e á súa contorna, ou de escasa relación coa temática do campamento.

INFORMÁTICA > Sinas > Non se axusta á temática do campamento.

KAIAC > Palas > Non se pode realizar realmente. Logo de varios desprazamentos, o tempo efectivo de actividade non chega a media hora. Ademais, a calidade e nivel da auga do encoro empeora ano a ano, polo que as actividades realizadas nel poderían ser substituídas por actividades de descuberta da contorna tendo en conta como enclave do Camiño de Santiago.

PLAYING ENGLISH >  Mariña > Debido ás idades e pola duración do campamento non resulta efectivo como reforzo de inglés. Ademais carece de coherencia co resto das actividades.

Valóranse moi positivamente as saídas, as rutas nocturnas e con pernocta fóra da instalación, as actividades en gran grupo e os grandes xogos.

Considéranse os obradoiros educativos (diversidade, feminismo, sexualidade...) como alternativas ideais ás actividades desaconselladas anteriormente.

8. CHAMADAS.

Proponse variar o sistema de chamadas:

  • Campamentos de 10 días: 3 días de chamadas (3°, 6° e 9°).

  • Campamentos de 8 días: 2 días de chamadas (3° e 6°).

Ao mediodía (15:00 a 16:00) en todas as instalacións, salvo casos particulares de usuarias/os coas que a equipa técnica considere necesario proceder doutro xeito.

Proponse que os pregos técnicos recollan que as empresas adxudicatarias deben aportar de 2 a 3 teléfonos móbiles para aquelas/es participantes que non teñan un.


9. PERFÍS PROFESIONAIS DENTRO DA EQUIPA TÉCNICA.

Nos campamentos de verán xorden con frecuencia problemas de convivencia ou de integración entre as usuarias/os. Proponse establecer a necesidade de que integradas dentro da equipa técnica, existan a lo menos:

  • 1 titulado/a en integración da diversidade e discapacidade + titulación MTL e/ou experiencia demostrable.

  • 2 titulacións educación social, educación formal ou en mediación de conflitos + titulación MTL e/ou experiencia demostrable.

Buscarase a profesionalización destes perfís, outorgando contratos e remuneracións acordes á titulación esixida.


10. ESPAZO DE ESCOITA ACTIVA.

Proponse que os pregos técnicos recollan de xeito claro os obxectivos que se perseguen coa realización desta actividade, así como uns claros criterios para orientar a súa realización:

  • Xerar un espazo común no que todas, monitoras/es e acampadas/os poidan falar libremente e opinar sobre o campamento, expresar as súas sensacións no mesmo, e propor alternativas.

  • Desenvolver as competencias sociais, comunicativas e de toma de decisións de todas as/os participantes na asemblea, preparándoas así para desenvolver unha cidadanía activa no futuro. Isto implica que o espazo debe ser percibido como útil e que as decisións acadadas no espazo de escoita activa deben facerse efectivas.

  • Enriquecer as dinámicas do campamento coas ideas que xurdan na asemblea.

  • Reforzar o sentimento de pertenza a un grupo.

  • As asembleas do espazo de escoita activa realizaranse inmediatamente despois da velada, na medida do posible nun espazo diferente. Todas as/os integrantes do campamento reúnense e sitúanse á mesma altura, en piña circular. No medio, a persoa facilitadora (monitor/a) explica o que é unha asemblea, o funcionamento da mesma, a dinámica, e o que se espera con ela (visto nos obxectivos anteriores).

  • Todos os días haberá un panel de suxestións nos que acampadas/os e monitoras/es poderán suxerir temas para que se traten na asemblea. Estas suxestións levaranse á asemblea desa noite, como base dos temas a tratar.

  • Segundo vaian pasando os días, as facilitadoras/es da asemblea deberían ser acampadas/os.

  • A asemblea terá unha duración de entre 10 e 20 minutos.


11. VELADAS.

Deben estar ao servizo dun obxectivo educativo claro. Proponse que as equipas técnicas deban engadir un cronograma de veladas xunto co cronograma de alternativas de choiva.

Proponse tamén que a súa descrición nos pregos inclúa a seguinte estrutura:

  • Posta en escena/lanzamento ambientado.

  • Presentación/explicación da dinámica.

  • Dinámica de xogo.

  • Conclusión/reflexión.


12. TEMPO LIBRE.

Unha das reclamacións habituais das acampadas/os é a falta de tempo libre, espérase que esta necesidade quede cuberta ao reducir o horario de chamadas. Especificarase, sen embargo, que este tempo libre debe ser xestionado, ofertando materiais e actividades diversas para que a rapazada escolla libremente, prestando especial atención e contribuíndo á interacción persoal, sobre todo, os primeiros días.


13. CONVIVENCIA E CONFLITOS.

Constase a necesidade da elaboración dun protocolo de actuación común a todas as instalacións da Campaña de Verán, á hora de tratar casos de acoso, agresividade, violencia, etc.

14. TENDAS MIXTAS

Abógase por dar a posibilidade de organizar á rapazada en tendas mixtas, comenzando este sistema nas quendas e instalacións onde a idade das persoas participantes sexa menor (9 - 11 anos), para ir estendéndoa progresivamente a participantes de maior idade en futuras campañas.

Esta proposta dá resposta a un dobre obxectivo:

  • A rapazada naturaliza a relación co outro sexo e manifesta unha actitude máis igualitaria e respectuosa na adolescencia (tense comprobado en numerosas experiencias de educación no tempo libre que seguen este sistema: scouts, asociacións, etc.).

  • Solucionaríase a problemática de espazo que se dá nalgunhas instalacións.


15. COMISIÓN PROGRAMACIÓN CAMPAÑA DE VERÁN 2019.

Proponse a creación dunha comisión para modificar os cronogramas que sexan posibles e axustalos á nova realidade de campamentos de 8-10 días, aplicando as valoracións recollidas nesta acta.

Márcase como data límite para a entrega destes cronogramas modificados á DXXPV o 4 de Novembro.

Inclúense como anexos nesta acta propostas de cronogramas modificados dos lotes 3 (Espiñeira, Boiro) e 10 (Penedos de Xacinto, Entrimo). Descargar actas para acceder a anexos

INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE   Xornadas Galegas de Actualización de Coñecementos e Intercambio de Experiencias
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar