FICHA DO FALADOIRO XII EDICIÓN

"O TEMPO LIBRE É TRABALLO OU DÁ TRABALLO?"

FACILITADO POR: Miren Alonso Álvarez


CONTEXTO

A nova lei de contratos do sector público trouxo grandes novidades que afectaron á Campaña de Verán e que afectarán a partir de agora ás contratacións das administracións públicas no eido do tempo libre. Xunto coas novidades, achegou tamén moitas dúbidas e inseguridades en tódolos axentes implicados. Alén da lei -e en relación con ela-, outras cuestións seguían abrindo moitos interrogantes: convenios, pregos, relacións laborais, trámites administrativos, seguros, dereitos e obrigas... O faladoiro propúñase afondar nelas e analizar a situación na que estamos e aquela na que nos gustaría estar. Tivo logo dúas grandes patas. A primeira foi a de coñecer o estado actual destes elementos. A segunda foi xa propositiva: analizar que cómpre manter e que cómpre mudar, e de que xeito mudalo.


DURACIÓN DAS SESIÓNS

Os tempos adicados ao Faladoiro foron:

  • Venres: de 20:20 a 21:00.

  • Sábado: de 9:30 a 11:30, de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00.

  • Domingo: de 9:30 a 11:30.

A sesión do venres ía comezar ás 19:00 horas e ter unha duración de hora e media. Con todo, a charla inaugural foi tan intensa -ademais de comezar con media hora de retraso- que houbo que acurtar e retrasar a sesión.

A sesión do domingo ía durar, inicialmente, hora e media, pero se nos deu media hora máis, o que foi fundamental para rematar o traballo.

ESPAZOS DE TRABALLO

A sala na que desenvolvemos a sesión tiña catro mesas e un ordenador con conexión a internet. O primeiro día situámonos en círculo e, o segundo e o terceiro, colocámonos xa en pequenos grupos ao redor das mesas. O ordenador permitiunos consultar información e lexislación. Nas paredes fomos recompilando os diferentes documentos de traballo empregados.

OBXECTIVOS

  • Obter información e formación acerca da nova lei de contratos do sector público e dos cambios que supón para os pregos administrativos da Campaña de Verán, así como o estado do novo convenio a nivel estatal.

  • Analizar a nova lei de contratos, os pregos administrativos dos campamentos da Campaña de Verán e o convenio, afondando nos cambios que introducen e nos aspectos a manter e -se é posible- mudar.

  • Reflexionar acerca do eido laboral no tempo libre, atendendo ás súas eivas e paradoxos, aos aspectos positivos e melloras dos últimos tempos -se os houber- e aos pasos a dar para conseguir mudanzas.

  • Elaborar unhas conclusións que sirvan para unha acción efectiva posterior e que supoñan tecer redes e afianzar o chan para un camiño máis aló do INTERACTUANDO, se o grupo así o considera.

SESIÓNS

Sesión 1 (venres, 20:20 a 21:00)

A primeira toma de contacto tivo que ser máis rápida do que estaba inicialmente pensado. Fixemos unha rolda de presentación e, despois, comentamos as nosas expectativas para a fin de semana, a través dunha dinámica onde tiñamos que adiviñar a quen pertencían as expectativas formuladas e situalas en torno aos elementos clave do faladoiro. O obxectivo desta dinámica era o de coñecer as razóns polas que as persoas participantes escolleron este faladoiro, para orientar mellor o traballo posterior.

A palabra "aprendizaxe" repetíase para tódolos ámbitos de xeito xeneralizado. O grupo quería aprender e coñecer máis de cada un dos eidos. Tamén se buscaba escoitar e compartir, apostando pola aprendizaxe cooperativa a través da participación dos membros do grupo. Así mesmo, aparecía a vontade de coñecer xente do tempo libre coa que compartir camiño.

En canto ás relacións laborais, manifestábase a intención de coñecer cal era a situación do sector, mellorar as condicións laborais das profesionais do tempo libre, visibilizarnos como colectivo profesional e xerar novas ideas de emprego.

En relación aos pregos e á nova lei de contratos do sector público, buscábase entender mellor os pregos e os cambios que introduce a nova lei, así como coñecer os diferentes trámites que implica e profundar no papel dos distintos axentes involucrados. Tamén se manifestaba a vontade de aclarar temas concretos en relacións aos pregos trala nova lei, tales como as táboas salariais, os descansos, os horarios de traballo ou a presenza de monitorado e o seu número. Finalmente, pretendíase aportar melloras ao pregos e aos procedementos relativos á Campaña de Verán, así como a outros procesos de contratación das administracións públicas, para gañar en transparencia, que a remuneración fose mellor e contar con máis tempo de anticipación.

Por último, formuláronse expectativas relativas ao convenio: coñecelo, saber qué se pode facer para influír na súa elaboración, melloralo e tamén dar pasos para crear un convenio galego que se axustase á realidade do noso tempo libre, especificamente ás situacións que se producen nos campamentos.


Sesión 2 (sábado de 9:30 a 11:30).

Comezamos o día presentándonos máis en profundidade a través dunha dinámica. Esta actividade buscaba coñecer o contexto persoal dos membros do grupo en relación ao tempo libre, permitíndonos observar camiños vitais comúns e tamén recoñecer a diversidade grupal, crear un ambiente de seguridade e confianza no grupo para facilitar a fluidez do traballo posterior e coñecer a atmosfera grupal a partir dos estados emocionais individuais.

A presentación implicaba compartir o noso xeito de chegar ao tempo libre e a nosa relación profesional e voluntaria co tempo libre. Tamén expresar algunha característica sobre nós mesmas que quixésemos compartir, a partir da comparación cun personaxe de ficción, e manifestar cales eran os nosos sentimentos e emocións ese día.

Logo da presentación, repasamos o desenvolvemento e as conclusións dos faladoiros de traballo dos dous últimos anos, coa intención de situar o faladoiro nunha conversa máis ampla e ter a referencia do feito ata agora para continuar o traballo. Algúns elementos da análise foron moi interesantes. Démonos conta de que certas demandas que se expuñan entón xa recibiron unha resposta. Por exemplo, manifestábase que era necesario actualizar a lexislación vixente do tempo libre e ter en conta as cuestións laborais nas adxudicacións da Campaña de Verán e doutras administracións públicas. Así mesmo, vimos que algunhas cuestións que considerábamos importantes hai dous anos seguían sendo motivo de preocupación hoxe, sen que houbera avances significativos, como é a cuestión do convenio.

A segunda parte da mañá dedicámola a facer unha análise de realidade e unha batería de preguntas para presentar ao grupo e aclarar cuestións, aproveitando a presenza o sábado de Pablo Fernández Vila, xefe de servizo de Xuventude e Voluntariado de Ourense. Os obxectivos da análise eran os de profundar na realidade social do noso sector no ámbito que nos ocupa; identificar problemas, necesidades, potencialidades, recursos, obstáculos e oportunidades no referente ao emprego no tempo libre e á parte técnica dos concursos, así como as súas relacións; sentar as bases para o traballo posterior identificando áreas de intervención e cuestións abertas; e pór en común dúbidas e inquedanzas para aclaralas antes de camiñar cara á vertente propositiva do faladoiro.

Fixemos catro grupos e fomos identificando elementos e redactándoos en post its de diferentes cores segundo considerásemos que o aspecto en cuestión era positivo, negativo ou neutro. Así mesmo, redactamos tamén tódalas preguntas que tiñamos. Ao longo da sesión puxemos en común a análise de realidade e algunhas das preguntas.

En canto á análise de realidade, recolléronse as seguintes cuestións por parte dos grupos (non son froito do consenso xeral, senón do expresado polos diferentes grupos de traballo):


É traballo ou dá traballo? Perspectiva do tempo libre.

  • Visión romántica do tempo libre. Moitas profesionais do eido temos unha perspectiva da educación no tempo libre romántica e idealista e apostamos totalmente pola mesma. [Neutro]

  • Perda de valor da educación no tempo libre e especificamente dos campamentos. [Negativo]

Relacións laborais

  • Escravitude. Traballamos durante case todo o día, as xornadas de 18 horas serían impensables noutras profesións. [Negativo]

  • Universo marabilloso. Vivir os campamentos ao máximo, traballando durante todo o día, ás veces é unha experiencia incrible. [Positivo]

  • Lexislación laboral versus realidade. É imposible cumprir a legalidade laboral nun campamento, isto xera tensións nos equipos e nas empresas. [Negativo]


Pregos técnicos e administrativos da Campaña de Verán

  • A Xunta é quen fai os proxectos e os cronogramas da Campaña de Verán, as empresas non poden participar na súa elaboración. [Negativo]

  • Os pregos das administracións non adoitan ser claros no relativo ás especialidades e á formación que se precisa para determinado tipo de actividades: tiro con arco, rocódromo, etc. [Negativo]

  • Houbo unha mellora na comunicación e na responsabilidade durante esta campaña de verán. [Positivo]

  • Perigo de privatización do concurso público e de desaparición da Campaña de Verán, como noutras Comunidades Autónomas. [Negativo]

Profesionais do sector, organización colectiva e convenio

  • É moi positivo ter este tipo de encontros e postas en común. [Positivo]

  • Non hai unha organización colectiva que permita mellorar as condicións laborais. [Negativo]

  • Precariedade xeneralizada. [Negativo]

  • Desinformación e descoñecemento por parte das traballadoras e traballadores das cuestións laborais. Non se sabe onde comezan e onde rematan os deberes e obrigas (pregos, ratios, pluses, horarios...). [Negativo]

  • O monitorado ten que ser parte do cambio e involucrarse, e non está acontecendo. [Negativo]

  • O convenio estatal ten moito que mellorar e non temos un convenio propio. [Negativo]

  • O convenio en ocasións non se cumpre. [Negativo]

Nova lei de contratos do sector público

  • Trouxo importantes novidades que melloraron as condicións laborais, pero tamén moita confusión. [Positivo e negativo].

  • Ademais do económico, a nova lei ten en conta aspectos sociais, medio ambientais... Chega tarde pero é un avance. [Positivo]

  • A nova lei achega a obrigatoriedade de contar cun responsable de contrato, público ou privado, que vela, entre outras cousas, polo cumprimento das obrigas en materia laboral. [Positivo].

Ao mesmo tempo que se realizaba a análise de realidade comezáronse a presentar preguntas e propostas, que suscitaron grandes debates en relación á Campaña de Verán. A idea desta parte da dinámica era a de compartir a información que coñeciamos, as certezas e as incertezas, e tratar de resolver estas últimas, en relación á nova lei de contratacións e aos pregos técnicos, así como saber qué era posible mudar e qué non, e profundar nos cambios que introduciu -e as portas inexploradas que abre- a nova lei de contratacións.Recóllense a continuación os principais debates:

Modelo de pregos técnicos

Presentábase a posibilidade, por exemplo, de que se puidera reconsiderar o modelo polo cal as empresas presentaban os seus propios proxectos e cronogramas e estes se puntuaban, valorando así máis cuestións que a puramente económica, xa que o criterio de calidade que impón a nova lei reduciuse nos pregos á contratación dun número maior ou menor de monitoras e monitores. O modelo mencionado supra traía grandes problemas para a mesa de contratación polas reclamacións ante instancias administrativas e xudiciais. Exponse entón a idea de facer un esforzo por "obxectivizar o subxectivo", para poder seguir este modelo sen as trabas anteriores.

Por outra banda, maniféstase tamén o argumento de que nalgúns casos o importante é que o equipo teña certa capacidade de acción, e non tanto que o teña unha empresa. Como alternativa, proponse un concurso de ideas para completar os cronogramas.

Fálase tamén de que o que se está a facer no faladoiro de Programacións é precisamente elaborar proxectos e cronogramas de xeito participativo, se ben nós podemos facer propostas igualmente, aínda que sexan máis próximas a outros faladoiros e supoñan unhas conclusións diferentes.

Actividades: metodoloxía e material

Unha eiva nos pregos daba lugar a grandes diferenzas nas actividades segundo as realizase unha empresa ou outra. Os pregos recollen o material que unha empresa debe ter, pero despois, á hora de realizar a actividade, é moi diferente empregar o total do material que só unha parte. Falouse do exemplo da actividade de vela nos campamentos náuticos. Propúxose ir máis aló nos pregos en relación á metodoloxía e ao material empregado nas actividades.

Contratación directa vs. adxudicación a empresas

En canto á viabilidade da contratación directa do monitorado por parte da Xunta, a contratación directa foi probablemente máis cara que o modelo habitual. Implicou aplicar un convenio diferente, o do persoal laboral da Xunta. A figura do monitorado non existía como tal no convenio, así que se empregou a de Animación Sociocultural para todas aquelas persoas que tiñan o bacharelato (categoría 3) e a categoría 4 para quen tiña só o nivel educativo da ESO. De aí as grandes diferenzas de salario (máis de mil euros por quenda no primeiro caso e máis de novecentos no segundo) coa contratación privada. A contratación pública dos traballadores e traballadoras estivo enriba da mesa da Consellería para as próximas campañas, pero en principio non se vai seguir por esa liña.

Incumprimento e sancións

Preguntouse polo grado de cumprimento das empresas nesta Campaña e polo que acontece no caso de incumprimento do contrato. A Administración paga, quenda a quenda, o 85% da parte proporcional do contrato. O 15% (total) restante non se paga ata que non se aseguran de que as empresas cumpren con todas as condicións do contrato, tamén coas cuestións relativas ao eido laboral. A auditoría non rexistrou ningún problema significativo nesta Campaña. Con todo, agora mesmo hai algunha empresa que ten ese 15% retido mentres se estuda o seu caso, se se resolve positivamente non habería problema e se non si que existiría penalización.

Durante a Campaña, cando se trataba de cuestións pequenas, actuouse de boa fe e déuselle un tempiño ás empresas para que as emendaran. Con todo, a Xunta pode aplicar sancións económicas no caso de incumprimento. En canto á prohibición de contratar en anos seguintes, as condicións recóllense no artigo 71 da lei de contratos, e pasan por unha sentencia xudicial ou unha sanción xudicial en firme, entre outras.

Sesión 3 (sábado de 12:00 a 14:00)

Logo do descanso e antes de entrar noutras cuestións, continuamos coas preguntas e o debate:

Responsable de contrato: Pilot

A nova lei de contratos introduce a figura dun responsable de contrato que pode ter carácter público ou privado. Neste caso foi a empresa Pilot.

Descansos, número de monitoras e monitores presentes nas actividades e control de presenza

En canto aos descansos houbo diferentes interpretacións. Nos pregos técnicos reflíctese, para cada lote, o equipo técnico que se precisa. O monitorado e a dirección só teñen que estar no campamento durante as quendas. A xerencia en cambio ten que estar permanentemente na instalación, por iso se contemplaba unha cantidade salarial máis alta, ao ter que dar de alta a outra persoa nos períodos de descanso de quen exercía a figura de xerente de xeito principal.

Para cumprir coa legalidade laboral, a empresa debía dar de alta ao equipo máis tempo do que duraba a quenda, para contemplar os períodos de descanso. Se o descanso se fai durante o campamento, entón hai que contratar máis monitoras/es porque ten que haber o número presentado polas empresas (o mínimo establecido nos pregos máis a mellora achegada pola empresa, se é o caso) permanentemente na instalación.

En canto á xornada laboral do monitorado e ao número de monitoras e monitores na actividade, prodúcese un debate en torno ao que supón o criterio de calidade de achegar monitorado a maiores e ao número de monitoras e monitores necesario no desenvolvemento das actividades.

Dende unha perspectiva, a xornada laboral que recolle o convenio (38,5 horas semanais) podería cumprirse nos campamentos se non fose pola velada e a reunión da noite. Respectaríase o ratio 1/10 nas actividades e habería polo menos tres monitoras/es pendentes dos tempos libres, comedor, erguer á rapazada, etc. O cumprimento do ratio non deixa de ser necesario para o total da actividade, e non para cada un dos momentos da actividade. Se todos os monitores/as teñen que estar todo o tempo camiñariamos cara tres quendas de monitores/as ao día, o que convertería aos campamentos en economicamente inviables.

Outras voces manifestan que o criterio de calidade supón que o monitorado achegado a maiores debería estar presente nas actividades, polo que, no caso de un campamento de 100 rapazas/es, cun número de monitoras/es de 13, ao que se suman 3 monitoras/es máis achegados pola empresa, nas actividades tería que haber 13 e non 10 monitoras/es.

Segundo a primeira perspectiva, o criterio de calidade vén dado porque o descanso das monitoras/es permite un mellor desenvolvemento do campamento e coidado e atención ás persoas participantes, polo que o ratio 1/10 nas actividades sería suficiente.

Así mesmo, coméntase que, respecto desta posición relativa aos descansos, existía unha contradición coa ferramenta de control de presenza de Pilot e coas inspeccións in situ. Cando existía inspección de Pilot e había un/ha monitor/a descansando, había que acordalo/a para que asinase o documento da empresa. Ademais, todo o monitorado tiña que facer constar a súa presenza na instalación a través da aplicación de control de presenza na mañá e na tarde-noite, o que impedía ese tempo de descanso.

Finalmente, exprésase tamén que neste eido existe unha cuestión cultural que leva a non entender os períodos de descanso como tal por parte do monitorado.



Concreción de cuestións laborais e de persoal nos pregos

Proponse o establecemento nos pregos do número de monitoras/es necesario para os diferentes momentos do campamento, das horas extraordinarias a pagar, dos descansos... Facendo que a diferenza entre as empresas a marcase o orzamento dedicado a material e ao beneficio empresarial, e non o relativo ás cuestións laborais. Parece unha cuestión difícil de asumir para a Administración. Outras voces recollen que a organización dos horarios do monitorado é labor da dirección en función do seu equipo e do seu xeito de levar o campamento.

Correo de resolución de dúbidas de índole laboral

Os profesionais que traballaron na Campaña de Verán empregaron en poucos casos o correo habilitado pola Dirección Xeral de Xuventude para resolver dúbidas e presentar posibles casos de incumprimento. Se ben este ano non parecía que as empresas foran a caer en irregularidades, probablemente tamén acontecía que o monitorado descoñecía a existencia desta canle.

Enquisas a equipo e rapazada

Este ano introducíronse novas enquisas para a rapazada e fixéronse tamén enquisas ao monitorado. En canto ás primeiras, as novas enquisas achegan moita máis información que as de anos anteriores, se ben o seu carácter cualitativo fai máis difícil recoller as conclusións. En canto ás segundas, considéranse dende a administración un importante avance, ao dar claves de situacións que doutro xeito tal vez non chegarían á Xuventude e que permitiron actuar de xeito áxil para resolvelas.

Agora ben, dende a Dirección Xeral non poden asegurar que esas enquisas chegaran directamente dos diferentes membros do equipo á administración, sen pasar pola dirección ou pola empresa. Proponse para evitar esta situación a realización da enquisa de xeito online. Pode ser problemático cos recursos técnicos da Xunta, pero relativamente fácil que se faga dende a empresa responsable do contrato dun xeito máis informal. Exprésase tamén a solicitude de que despois si se envíen as enquisas ao equipo e á empresa, como ferramenta de aprendizaxe.


A coordinación da instalación

Proponse que a coordinación da instalación sexa independente da empresa adxudicataria. Estase valorando, pois podería facerse a contratación directamente dende a Xunta.

Rematadas as preguntas e o debate, cambiamos de asentos, para estar con outras persoas, e volvemos ao pequeno grupo para propor ideas do qué queremos facer no faladoiro e de cómo queremos traballar á tarde. Na posta en común saen as seguintes ideas, para as que facemos tres grupos de traballo:

  • Grupo 1. Listado de melloras consensuadas para introducir cambios nos pregos da Campaña de Verán, para este ano, se fora posible, e se non para o que vén.

  • Grupo 2. Bases para a creación dun convenio colectivo propio, un actor/ espazo que sirva para articular ao sector.

  • Grupo 3. Proposta de formación en cuestións de índole laboral e de tramitacións para as empresas.

Decidimos cómo repartirnos e comprometémonos a situar post-its nas cuestións para as que teñamos achegas dos grupos nos que non participamos.

Así mesmo, saíu un debate para o que finalmente decidimos non facer un grupo de traballo específico e si profundar nel se contabamos con temos tempo ao final do faladoiro, que é o relacionado coa autoría dos proxectos e cronogramas dos campamentos. Hai diferentes posibilidades, que van dende un proceso participativo ou un concurso de ideas, ata a súa realización polas empresas (traballando nunha modificación dos criterios de valoración) ou pola propia Xunta. Algunha destas posibilidades si se recolle no listado de cuestións a estudar polo grupo que traballa as melloras propostas para os pregos.


Sesión 4 (sábado de 16:00 a 18:00)

Asiste ao faladoiro Jaime Bello, quen participou nas negociacións do que sería o terceiro Convenio Marco Estatal de Ocio Educativo e Animación Sociocultural. Na primeira parte da sesión cóntanos o proceso e tamén as condicións para poder camiñar cara un convenio colectivo propio, ademais de responder ás nosas preguntas:

Nas negociacións e en relación á parte sindical, UGT ten un 45% de participación, CCOO outro 45% e a CIG ten un 10%. El é representante sindical da CIG e, polo tanto, o seu peso nas negociacións é moi baixo. En relación á patronal, acoden representantes de Cataluña, Álava e Andalucía (os dous primeiros teñen convenios propios).

O debate agora mesmo está en torno ás táboas salariais, que é o que adoita importar máis á parte empresarial. Houbo xa tres reunións e as tres resultaron moi improdutivas. A patronal mantén que non se suba o salario dos contratos antigos e que si se lles aplique aos novos, o que implicaría diferenzas salariais para o exercicio do mesmo traballo.

En relación aos convenios, cóntanos que polo de agora teñen convenio propio, como dicíamos, Cataluña, Álava e Madrid (este último aprobouse recentemente). O convenio de Álava é digno de estudo, polas súas boas condicións. Tamén habería que estudar convenios de sectores similares ao noso nas súas características de traballo.

En Galicia, podería aplicarse, nalgunhas situacións, o convenio de eventos, que supón importantes melloras salariais respecto do estatal de Ocio Educativo, pero os eventos son algo moi diferente da educación non formal e o tempo libre, e hai que poñer isto último en valor.

Considera necesario sentarse a negociar un convenio colectivo propio. Para iso, precísase unha patronal, isto é, as empresas teñen que asociarse; e unha contrapartida sindical, o que implica que haxa delegadas/os sindicais nas empresas para negociar. En Galicia existen agora mesmo só 18 delegados sindicais no sector do tempo libre, sendo maioritaria a CIG. Con todo, o feito é que aínda que se poidan facer achegas ao convenio por parte de calquera persoa, precísanse estas figuras e habería que ser máis, para poder atender a todo (hai que ter en conta de tódolos xeitos que hai un problema claro de mobilización do sector na nosa comunidade polas características do traballo no tempo libre). No caso de que as empresas non quixesen negociar, existe o Consello Galego de Relacións Laborais, que podería substituílas neste proceso se houbese vontade por parte deste órgano. En calquera caso, non é o ideal.

A nova lei de contratos do sector público implica que as contratacións públicas -das que viven moitas empresas de tempo libre- teñan que ter un convenio de referencia, e este podería ser o galego, se existise. Os tempos de descanso nun campamento, ou o salario do monitorado, poderían regularse nun convenio propio. Tamén debería recollerse a necesidade dun día de asuntos propios, por exemplo. Por outra banda, é fundamental que no curso de monitor/a se estude e se coñeza o convenio.

Despois da exposición da situación por parte de Jaime, volvemos aos grupos de traballo feitos á mañá para profundar nos diferentes aspectos escollidos polas persoas participantes. Nos grupos tivéronse en conta as seguintes cuestións analizadas ao longo do día e/ou expostas especificamente polos participantes para o traballo en grupo a través de post-its:

Grupo 1. Listado de propostas de melloras para os pregos

  • Concurso de ideas para a elaboración dos cronos/ proxectos (xurado de expertos, pudendo presentarse individuos e empresas).

  • Retroalimentación: que as leccións aprendidas coas enquisas de monitoras/es cheguen ás mesmas.

  • Porcentaxe de variacións do cronograma a criterio da dirección de actividade sen autorización previa.

  • A canle da Dirección Xeral de Xuventude para recoller dúbidas/ incumprimentos laborais non funcionou ben. Pensar en posibles melloras.

  • Especificación nos pregos da formación/ especialización requerida (rocódromo, tiro con arco, etc.).

  • Posibilidade de contratación pública do persoal.

  • Supervisión do uso do material -e non só da súa presenza no campamento- e especificación previa do mesmo nos pregos.

  • Introdución da figura do/a educador/a social.

  • Enquisas ao equipo. Ideas: mellorar as preguntas, asegurarse de que van directamente do monitorado á DXX. Posibilidade de facelas online (a través de Pilot?) ou de recollelas en man por parte da Xunta. Importancia da devolución ao equipo técnico como ferramenta de aprendizaxe.

  • Lexislación vs. realidade. É posible ter 12 horas de descanso entre xornada e xornada? É posible traballar 38,5 horas á semana? Especificación nos pregos das xornadas laborais, dos xeitos de ordenación e organización do equipo, das horas extraordinarias... Son os ratios o criterio? (Logo as comidas e o tempo libre?).

  • Coordinación da instalación independente da empresa adxudicataria.

  • Considerar a nivel salarial as figuras de coordinación dentro do equipo de monitoras/es (exemplo: coordinador/a de náutica).

  • Criterio de calidade. Se hai máis monis, supón máis descansos ou máis monis por enriba do ratio nas actividades?

  • Posibilidade de que o control de presenza de Pilot teña en conta os descansos. Proposta de que desapareza o sistema de fichar.



Grupo 2. Convenio colectivo autonómico

  • Situación laboral especial nos campamentos (lexislación versus realidade: 12 horas entre xornada e xornada? 38,5 horas de traballo semanais?Inspeccións).

  • Pendentes da plataforma creada na Comunidade Valenciana.

  • Estudo de outros convenios de tempo libre e doutras profesións para sacar ideas.

  • Importancia de contar con espazos nos que informarse e poñer en común dúbidas, inquedanzas...


Grupo 3. Propostas de formación

  • Importancia de abordar a cuestión cultural (cambiar a idea do traballo 24/7 nos campamentos).

  • Formación para empresas: novos pregos e cómo facer os trámites.

  • Formación para traballadoras/es: obrigas e dereitos laborais, nóminas, descansos e horas de traballo.


Os grupos saíron do espazo empregado ata o de agora e fomos fóra a continuar co traballo ata a hora de finalización da sesión.

Sesión 5 (domingo de 9:30 a 11:30).

Comezamos a sesión do domingo cunha posta en común, por parte dos grupos, do traballo feito, para analizar entre todas e todos o resultado e identificar qué pasos era preciso dar no futuro para continuar avanzando, ben fóra do INTERACTUANDO, ben de cara a futuras edicións. Ao facelo, démonos conta de que o primeiro grupo precisaba máis tempo para seguir avanzando, así que nos dividimos. O grupo un continuou onde o deixara o sábado e os grupos dous e tres trataron de preparar un xeito de expoñer o traballo feito que fose divertido e creativo e que finalmente xirou en torno á Guerra das Galaxias, como ambientación, cos aspectos negativos da nosa análise de realidade como "lado escuro" e as nosas propostas como xeito de loita das e dos mestres Jedi.


As conclusións do traballo dos grupos son as seguintes:

Grupo 1. Listado de propostas de melloras para os pregos

Consensúanse unha serie de propostas para enviar á Dirección Xeral de Xuventude, de cara á súa posible incorporación nos pregos técnicos e administrativos. Son as que seguen:

  • Introducir as contratacións de xeito bianual.

  • Articular un procedemento para que as enquisas cheguen directamente á Administración (enquisa online a través da empresa responsable do contrato, entrega en man a persoal da Xunta, etc.), ademais de enviarse, así mesmo, a o equipo e á empresa.

  • Asegurar a independencia da coordinación das instalacións respecto das empresas.


Pregos administrativos

  • Introducir un complemento salarial para recoñecer a responsabilidade das persoas que son parte do equipo de monitoras e monitores pero exercen un rol de coordinación dentro do mesmo (por exemplo, a figura da coordinación de náutica ou de tempo libre nos campamentos náuticos). Se se inclúe a figura do/a educador/a social, que o seu salario corresponda coa súa categoría profesional.

  • Especificar as condicións estándar de contratación do persoal nos pregos (horario de traballo, pago de horas extraordinarias -se corresponde-, descansos, salario, etc.). A oferta económica das empresas cambiaría en función do beneficio empresarial e do material achegado, pero os gastos relativos ao persoal manteríanse invariables, facilitando deste xeito a labor de tódalas partes.

Pregos técnicos

  • Especificar as titulacións requiridas para as diferentes actividades. Isto permitiría despexar as dúbidas existentes referidas á titulación que se precisa para realizar actividades como rocódromo, tiro con arco, etc.

  • Introducir a figura dun/ha educador/a social en cada un dos campamentos.

  • Manter un 10% dos proxectos dos campamentos en branco para incluír posibles actividades externas, así como actividades propostas polo equipo en función das áreas de interese e necesidades do grupo de participantes e do sector de especialización do monitorado.

  • Contar cun listado de actividades para cada campamento, e que sexa o equipo quen elabore os cronogramas.

  • Elaborar os cronogramas a partir dun proceso participativo que dea voz a diferentes actores. Por exemplo, a través dun concurso de ideas para elaborar os cronogramas, cun grupo de "expertas/os" elixido para seleccionar as mellores a partir de criterios de avaliación.

Maniféstase a necesidade de seguir traballando nestas propostas, sexa a través da Administración, sexa a través dun comité de expertos, sexa a través dun grupo de traballo asesorado ou ben a través dun proceso participativo que conte cunha asistencia técnica. Con todo, o tempo dispoñible impídenos chegar a unha conclusión.

Así mesmo, proponse un sistema de organización do equipo de monitoras e monitores, polo cal a mellora de calidade no número de monitores/as achegada pola empresa implicaría nun número maior de profesionais presente nas actividades (ratio 1/10 máis monitorado a maiores). Nos momentos intermedios, nos que non hai actividade establecida nos pregos (comidas, duchas, tempo libre xestionado, etc.) habería tres persoas cubrindo eses postos de xeito transversal. O monitorado, así mesmo, tería que estar contratado varios días antes e despois das quendas, para así respectar os descansos. O sistema exponse para que o escoitemos todas e todos, se ben non xerou consenso no grupo e non houbo tempo para debater a idea.


Grupo 2. Convenio colectivo autonómico

Debatemos moito entre a posibilidade de fomentar a sindicación ou crear un sindicato propio -alén doutras ideas que foron descartadas-. A primeira posibilidade tiña como contrapartida que os sindicatos están moi ligados a partidos políticos concretos, o que pode xerar reticencias. A segunda tiña o lado negativo da dificultade de tirar para adiante sen ter asesoras/es contratadas/os e con experiencia para guiarnos no proceso de creación do convenio e na defensa dos nosos dereitos laborais. Finalmente, a idea que cimentou foi a de crear unha plataforma onde poida estar xente non sindicada, xente sindicada e representantes sindicais de sindicatos xa existentes, que sexan os que traballen cara a negociación dun convenio -dende a parte sindical, a das traballadoras e traballadores-. O convenio é logo o prioritario, xa nun segundo momento daríamos o paso de crear un sindicato non partidista para o noso sector. Ademais deste lado, un convenio require que as empresas se asocien, e tamén habería que traballar nesa dirección.

Sae logo desta xuntanza un Grupo de Traballo que se reuniría proximamente para:

  • Facer un texto constituínte que explique quen somos e por que queremos dar este paso (un manifesto que non sexa un manifesto).

  • Facer chegar a información a todos os axentes implicados, a través do grupo de Facebook, do ti-a-ti nos nosos grupiños informais, de correos a empresas, escolas, asociacións, dos medios, etc.

  • Propostas para alzar a nosa voz de xeito creativo e atractivo, sen perder a seriedade da mensaxe.


Grupo 3. Propostas de formación

Por un lado, afondouse no sistema formativo actual e nos seus problemas. Avogouse pola existencia de cursos monográficos con carácter oficial que asegurasen as especializacións que logo se esixen nos diferentes eidos do tempo libre, especialmente nos campamentos. Subliñouse a importancia da revisión dos contidos dos cursos e da supervisión dos xefes de servizo, que debería ser igual en todas as provincias.

Por outro lado, quedou no tinteiro do traballo do grupo, pero se subliña a importancia tamén de contar con formación específica nas cuestións laborais para as traballadoras e traballadores do tempo libre. É fundamental que coñezan os seus dereitos e obrigas, así como as normas que rexen o sector e o seu traballo. Tamén se manifestou a necesidade de contar con formación para outros axentes implicados.


CONCLUSIÓNS

  • Cómpre dar pasos para negociar un convenio laboral galego que responda ás necesidades do sector en Galicia. Créase unha plataforma para comezar o camiño. No longo prazo, proponse a creación dun sindicato propio.

  • É preciso mellorar o proceso de contratación da Campaña de Verán para a maior seguridade e tranquilidade de tódolos axentes implicados. Elaboramos unha serie de propostas para remitir á Dirección Xeral de Xuventude en relación á Campaña e aos pregos, tales como: a contratación bianual, a independencia da coordinación da instalación respecto das empresas, a mellora na recepción das enquisas e na súa retroalimentación ao equipo e ás empresas, a introdución dun complemento salarial para as figuras de coordinación dentro do equipo de monitoras e monitores, a especificación do modelo de contratación do persoal, a especificación das titulacións requiridas para desenvolver actividades técnicas, a introdución da figura do/a educador/a social nos campamentos e cambios no proceso de elaboración e implementación dos proxectos dos campamentos (listado de actividades fronte ao cronograma pechado, espazos abertos para propor actividades, concurso de ideas ou outros procesos participativos).

  • A formación relativa ás cuestións laborais (dereitos, obrigas, procesos...) é deficiente. Considérase necesaria a posta en marcha de formacións relativas a estes eidos e agrégase ás propostas que se enviarán á Administración.

INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE   Xornadas Galegas de Actualización de Coñecementos e Intercambio de Experiencias
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar