O GALEGO CAMPA 2017

"DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA NA ACCIÓN DE VERÁN '017"

PONENTE: Brais Fernandez Álvarez
O GALEGO CAMPA é un programa en colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e maila Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para a promoción e dinamización da lingua galega nos campamentos na Campaña de Verán.

Os obxectivos xerais son promover a galeguización lingüística das intervencións educativas no Tempo Libre en Galicia mediante a realización de intervencións de educación non formal que axuden a desenvolver actitudes positivas cara a lingua por parte de mozas, mozos, educadoras e educadores.

  • Actividades de dinamización que de modo empático promovan a utilización da lingua galega nos campamentos.

  • Propostas educativas que favorezan a anovación metodolóxica de programas entre as equipas de profesionais que traballan na campaña de verán.

  • Intervencións no Tempo Libre de calidade co galego como referente.

O GALEGO CAMPA 017 ֍ DATOS E DATAS

Campamentos visitados: 19.

Instalacións visitadas: 15.

Participantes acampad@s: sobre 1600.

Participantes educadores: sobre 200.

A DINÁMICA ֍ ABIGAIL

A proposta desenvolvida no verán do 2017 foi unha adaptación da dinámica "Abigail" #66, do Repositorio Dixital do Tempo Libre en galego. [descargar ficha]

A dinámica consistiu na presentación dunha historia controvertida que convidaba a conversar en pequenos grupos intercambiando opinións e argumentos, para posteriormente elaborar a nova dunha primeira plana dun xornal, reflectindo o froito do falar e algunha creatividade. Como peche, a modo de conexión radiofónica ás cabeceiras dos distintos xornais, realizábase unha reflexión conxunta sobre a forma en que construímos as nosas opinións, valores aparellados a roles de xénero, e a importancia de escoitar e ter en conta distintas fontes de información, respectando o desacordo.

As motivacións desta escolla foron:

  • Promover o coñecemento e utilización do Repositorio Dixital do Tempo Libre en galego.

  • Dar resposta á retroalimentación recibida na anterior campaña tocante a conveniencia de traballar cuestións de xénero e de roles sociais aparellados.

  • A adaptabilidade da dinámica para promover acendidos debates entre os adolescentes e poder garantir que estes debates se desen en lingua galega.

  • A adaptabilidade da dinámica para traballar cuestións transversais como a escoita activa, respecto, empatía, aceptación da diferencia e valores nun amplo sentido.

  • Oportunidade para a rapazada expresarse sobre temas sensibles e que lles importan, e a posta en valor da lingua que supón facer isto en galego (normalízase o uso da lingua en canto a usamos para falar temas que son importantes para nós).

MATERIAL

Optouse por non utilizar materiais que puidesen resultar estraños á realidade campamental ou excesivamente rechamantes, custosos ou delicados, á vez que se facía un esforzo para que, malia a sinxeleza dos materiais empregados, resultasen adecuados, suficientes sen ser excesivos, demostrasen unha planificación axeitada, educasen na reutilización e sostibilidade, e evitasen a sensación de certo desleixo que por veces é habitual neste tipo de realidades.

Tomouse como base a folla de xornal aberta, mais en sentido vertical, e reforzáronse con antelación os cantos de todas as utilizadas. Elaboráronse 20 follas modelo con indicación das seccións mínimas dunha plana xornalística e, a modo de exemplo, unha suxestión de tamaños do papel para cada unha delas.


AS SESIÓNS: DESCRICIÓN E VALORACIÓNS

As sesións concibíronse cunha duración aproximada de 2h. ás que se lle sumaron 1/2h de preparación cos equipos residentes e outra 1/2h para recollida e conversas de valoración e avaliación inmediata. A distribución dos tempos foi a seguinte:

Preparación coa equipa de educador@s 30'

I. Presentación do Programa e Introdución á escoita activa 20'

II.Traballo en pequenos grupos:

Actividade 1. Conversa-debate 20 - 30'

Actividade 2. Creación da primeira plana dun xornal 30 - 40'

III. Posta en común e reflexión en plenario. 40'

Recollida e avaliación in situ 30'

TOTAL 180'

Preparación coa equipa de educador@s

Convite a se sumar aos fins lingüísticos e educativos do programa exercendo como modelo, e explicación do desenvolvemento da dinámica, pedindo colaboración activa para o traballo en pequenos grupos exercendo un papel de "facilitación" de conversas.

Que é facilitación?

A función da facilitación é manter centrada unha sesión asegurando que a totalidade de participantes teña espazo para participar activamente. @ facilitador conscientemente leva o proceso, que inclúe ter conta do uso que o grupo fai do proceso e intervir onde for adecuado.

@ facilitador céntrase no modo en que o grupo traballa -no proceso- e non se deixa influenciar polo contido ou resultado do grupo. Como parte do proceso para acadar o obxectivo de grupo, @ facilitador pode actuar como recurso para o grupo tocante a técnicas de resolución de problemas.

(Do Manual for facilitators in non-formal education, Consello de Europa, 2009)

Entrega de tres imprimibles cunha copia da historia e unha folla orientadora para cada unha das actividades.

I. Presentación do Programa e Introdución á escoita activa

  • Presentación da actividade como programa de dinamización lingüística.

  • Introdución oral para asentar conceptualmente os temas, promover autoestima e xerar unha expectativa motivadora, co énfase na importancia de escoitar.

  • "TEST" DO PUÑO: breve exercicio que dun xeito lúdico logra o efecto de promover máis atención para o que vai vir, ademais de interesantes reflexións en boca dos participantes en torno a como habitualmente non escoitamos senón que "sobreentendemos" ou "damos por feito".

  • Contar a historia: Prégase atención para a escoita da historia, anunciando de antemán que é complexa e que cadaquén ha ter opinións variadas, todas respectables e merecentes de ser escoitadas. Prégase escoita e reflexión persoal sobre o comportamento de cada un dos personaxes, anunciando que o seguinte paso será a posta en común de opinións en pequenos grupos.

II. Traballo en pequenos grupos

Fórmanse grupos de 6-8 persoas con cadanseu monitor/a para realizaren dúas actividades consecutivas: reflexión grupal e creación dunha nova de xornal.

Os educadores teñen como tarefas: a) facilitar a conversa, e b) promover a utilización efectiva da lingua galega.

Actividade 1. Conversa - debate.

O que paso a paso nesta actividade se promove é:

1) Comprender ben a historia

2) Reflexión individual e expresión das opinións iniciais de cada membro do grupo

3) Debate grupal, facendo moita énfase na calidade da escoita

A reflexión compartida en pequenos grupos é posiblemente un dos momentos máis importantes da actividade, se ben depende da iniciativa da rapazada acampada e das capacidades de cada monitor en cada caso, tanto tocante aos modos e contidos da reflexión, como á utilización da lingua galega.

Actividade 2. Creación da primeira plana dun xornal.

A proposta consiste na elaboración da primeira plana dun xornal que dea conta do intercambio de opinións e reflexións compartidas, como modo de materializar o abstracto das conversas dunha forma compartible e divertida. Faise moito aceno en que non se trata de reproducir o que o texto da historia di, senón en verqueren as opinións e conclusións baralladas nos pequenos grupos, a modo de nova xornalística.

Cada grupo recibe unha folla modelo, unha folla en branco e máis un exemplar de cada un dos tamaños de papel suxeridos, facilitando que a acción dos acampados se centre nos contidos e non en cuestións de deseño, e favorécese a homoxeneización dos resultados dando lugar a un pequeno grande libro cun sentido conducente e como froito final da campaña.


III. Posta en común dos xornais e reflexión conxunta en plenario.

  • Lectura dos titulares e informacións destacadas a modo de conexión radiofónica ou televisiva coas cabeceiras dos distintos xornais.

  • Lectura de titulares doutras planas de xornais creados noutros campamentos con reflexión motivadora que promove a aceptación da diferencia e apreciar a pluralidade.

  • Conversa en grande grupo abordando as temáticas de xénero e roles sociais aparellados que a historia de Abigail proporciona, a percepción xeral do comportamento dos personaxes e, na medida do tempo dispoñible, reflexións máis fondas tocante aos valores que sustentan as nosas opinións e posicionamentos, neste exercicio de simulación e máis na vida.

Dende a nosa perspectiva como educador@s, enfatizamos a importancia de respectar os procesos de cada grupo e procuramos desenvolver as escollas temáticas absténdonos de realizar aseveracións ou xuízos, pero introducindo elementos de reflexión e debate, para deixar que na medida do posible fosen os propios participantes quen realizasen aseveracións e chegasen ás conclusións importantes. Desta maneira lógrase que os participantes teñan as últimas palabras e a autoestima reforzada e este era o sabor que -asociado á lingua galega- a actividade procuraba deixar.


ASPECTOS A TER EN CONTA

Espazos

  • Atopamos ideal desenvolver a actividade en espazos abertos.

  • E conveniente dispoñer dun espazo tipo "auditorio", xa que facilita a escoita e a participación, sobre todo nos grandes grupos.

Tempos

  • Mañá/Tarde/Noite

A dinámica foi programada en distintas franxas horarias e consideramos que se desenvolveu indistintamente en todas elas, se ben cómpre ter en conta que as veladas imposibilitan calquera flexibilización dos tempos.

  • Duración:

Para o bo desenvolvemento da dinámica cómpre dispor de 2 h., un tempo menor pode xerar insatisfacción por non poder reflexionar o suficiente sobre algúns construtos.

Destinatarios

Se ben a actividade ía inicialmente dirixida a rapazada en idade pre-adolescente ou adolescente, a experiencia realizada así como a adaptación dos enfoques considerados, rebelárona como adecuada tamén para rapaces máis pequenos, sendo que se traballan diferentes niveis de reflexión segundo a idade, e que todas elas teñen un carácter relevante:

  • No caso dos máis vellos, as reflexións son moi profundas, chegando a grandes niveis de detalle e a construtos complexos (como a obxectivación dos corpos ou a violencia sexual).

  • No caso dos medianos, que se atopan nunha idade no que comezan a despertar ás relacións de parella, naturalízase falar de temas coma afectos, amor ou sexualidade, e oriéntase a reflexión cara comportamentos e valores na base das percepcións.

  • No caso de máis pequechos, a reflexión oriéntase cara ideas como o amor ou a amistade: como fai "un bo amigo", "unha boa nai"... O nivel de concreción é menor mais máis que suficiente, salientando sempre a importancia do respecto.


A reflexión sobre valores e os roles de xénero

Esta dinámica permite construír unha reflexión que, de xeito socrático, saia dos propios rapaces e rapazas e explorar así ideas semi-construídas (moitas veces, de xeito non consciente) acerca de distintas esferas das relacións humanas e cuestionalas ao as confrontar e escoitar os compañeiros e compañeiras. Así mesmo, ten un compoñente emocional, no sentido de tomar conciencia de como esas ideas xogan un papel relevante nas nosas reaccións (en como nos sentimos, no que pensamos e en como nos comportamos) e á hora de emitir xuízos de valor e posicionarnos nas distintas situacións que afrontamos na vida. Abórdanse importantes temas como a idea de amor romántico, violencias de xénero e entre adolescentes, e valores como fidelidade, amizade, sinceridade...

Maiormente tomáse conciencia das ideas dos roles de xénero cando, despois de desenvolvida case toda a actividade, se lles pregunta se as valoracións habían ser as mesmas no caso de trofarmos o xénero dos personaxes. Se ben nalgunha ocasión esta pregunta foi case lanzada ao aire, sen tempo a profundar todo o que quixeramos, era sempre acendido o debate que xeraba tocante á existencia na nosa sociedade de condutas de desigualdade.


A expresión oral e o fomento da escoita activa

Constátase a dificultade de expresión individual e colectiva, e a necesidade de crear espazos para traballar a argumentación, contraargumentación, escoita activa, empatía e asertividade. Non só na xente moza, senón na sociedade. As reflexións dos pequenos cando teñen espazos para facelas son grandes e cargadas de sensatez. Canto temos que aprender os adultos escoitando aos nenos!

Consideramos importante non exercer ningún tipo de censura; cando é así, demóstrase na grandísima parte dos casos as presentacións son razoables -en todo caso, opinables-, que os mozos e mozas teñen unha grande capacidade para se auto-regular e que a liberdade de expresión é sempre un factor ben acollido e que contribúe ao desenvolvemento dos obxectivos xerais que se perseguen, neste caso ao reforzamento da autoestima e utilización vehicular da lingua galega.


AVALIACIÓNS RECIBIDAS

O proceso de elaboración da proposta foi moi intenso nesta ocasión: a avaliación e auto-avaliación foron constantes A retroalimentación de participantes e educadores, directores e xerentes, antes, durante e despois das sesións foi unha fonte de información da que non cansamos de beber.

Agradecemos especialmente aos compañeir@s que na illa de Ons participaron da primeira, sesión pois as súas suxestións foron fundamentais para afianzar o fío da dinámica.

Agradecemos a tod@s @s compañeir@s que campamento tras campamento colaboraron, participaron e se implicaron no desenvolvemento das sesións e mais nas reflexións educativas suscitadas.

As suxestións de mellora son incontables.

As principais críticas que recibimos foron:

- Cuestionar se a temática era a indicada para cativos de menor idade. 2 campamentos

- Duración da sesión. 3 campamentos


Salientamos os parabéns recibidos, non só xa das equipas de monitores, senón de participantes que ao remate da sesión viñeron a agradecer e ás veces preguntarse por que non podían ir este tipo de actividades ás súas escolas.

► PRESENTACIÓN EMPREGADA NO PANEL → descarga libro de portadas de xornais

DATOS DE CONTACTO

ofalconbranco@gmail.com

663 007 395

OóO

INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE   Xornadas Galegas de Actualización de Coñecementos e Intercambio de Experiencias
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar