III FORO ABERTO

Máis de 50 persoas participaron no III Foro Aberto do Tempo Libre, que tivo lugar no Centro de novas tecnoloxías en Santiago de Compostela. Os participantes dividíronse en dous grupos de traballo a través dos que se avanzou na renovación da normativa en materia de xuventude, pechando os temas nos que houbo consenso nas reunións mantidas previas ao foro e identificando materias susceptibles de seguir sendo traballadas. Por outra banda, artelláronse mecanismos operativos de comunicación e traballo nos meses subseguintes para avanzar na redacción da norma e para a organización dunha nova edición do programa Interactuando. Así mesmo, o foro serviu para asentar unha base de coñecemento mutuo entre axentes activos no eido da educación non formal e das actividades de tempo libre en Galicia.

O III Foro Aberto de Tempo Libre vén precedido por cinco xuntanzas de traballo levadas a cabo en Ourense, Lugo, A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela, nas que arredor de 100 técnicos de xuventude, informadores xuvenís, escolas de tempo libre, monitores e directores, entre outros, debateron en torno a un primeiro borrador de decreto elaborado pola Dirección Xeral de Xuventude. Froito deste traballo conxunto, a Administración autonómica agarda contar cun texto froito do consenso que aborde cuestións tan importantes como os programas formativos e as titulacións válidas para a educación no tempo libre, os requisitos das instalacións xuvenís ou as especializacións na formación dos profesionais, co fin de garantir unha atención adaptada ás necesidades das persoas e outras realidades que foron xurdindo e que non están recollidas na normativa vixente.

INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE   Xornadas Galegas de Actualización de Coñecementos e Intercambio de Experiencias
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar