O TEMPO LIBRE E/É O XERMOLO DUN GRUPO SCOUT

PONENTES: Pol e Miren Alonso Álvarez

INTRODUCIÓN

Aínda que non o pareza, nós non fomos sempre scouts. Antes, eramos unhas monis das que esperaban o verán todo o ano, das que desfrutaban cada campamento durante os meses de xullo e agosto sabendo que todos son únicos, das que choraban os finais e agardaban cunha ledicia desmesurada os inicios, das que confiaban plenamente nas transformacións que estabamos a conseguir en cada rapaz e rapaza a través de actividades cunha base educativa moi traballada... En realidade, seguimos facendo iso, pero temos tamén... Algo máis.

Chegamos ao escultismo porque o verán non era suficiente. Porque durante os "longos invernos" os diferentes espazos de tempo libre nos que participabamos non ofrecían as posibilidades educativas que si traían consigo os campamentos de verán. Por iso, dende a desconfianza inicial, dende -seguramente- os prexuízos que tiñamos na cabeza, con receo e devagar, achegámonos a diferentes grupos scouts. E descubrimos un mundo novo.

O ESCULTISMO: ESENCIA E MÉTODO

Que é o escultismo

É un movemento educativo internacional ao que pertencen máis de 40 millóns de persoas, entre mozos e mozas e adultos, homes e mulleres, que comparten un mesmo sistema de valores a través da Promesa e a Lei Scout e o desexo de construír un mundo mellor.

O escultismo cre que a educación o é todo e por elo traballan por un mundo mellor, máis xusto e solidario, onde o coidado do medio ambiente, o respecto aos dereitos humanos e o entendemento entre as persoas e os pobos sexa unha realidade.

A misión do escultismo é contribuír á educación dos mozos e mozas, a través dun sistema de valores baseado na Promesa e a Lei Scout, para axudar a crear un mundo mellor onde as persoas poidan desenvolverse como individuos e xogar un papel construtivo na sociedade.

Para alcanzar esta misión consideran fundamental:

  • Educar na liberdade, a xustiza, a solidariedade e a responsabilidade persoal e comunitaria, no marco da convivencia, o respecto e o servizo.

  • Promover aqueles valores espirituais, inherentes á persoa, que axuden a superar o individualismo e o materialismo, e favoreza a formación da súa personalidade.

  • Espertar o espírito crítico e participativo, respectando a liberdade persoal e promovendo hábitos de vida saudable, que permitan analizar as ideoloxías e opcións que a sociedade presenta para posteriormente elixir unha opción de vida.

  • Impulsar a comprensión e o desenvolvemento na nosa sociedade, promovendo o coidado e defensa do medio ambiente e estimulando accións de cooperación e servizo aos demais.

O método educativo scout

O método educativo scout baséase na acción, a responsabilidade e a confianza. A través do tempo libre, fórmase a nenos, nenas, mozos e mozas en varios planos: social, psicolóxico, intelectual, emocional e espiritualmente.

O método educativo scout baséase en:

  • Educación en valores: o rapaz ou rapaza establece libremente un compromiso persoal ante os seus compañeiros e compañeiras, asumindo unha responsabilidade: social, persoal, ética...

  • Aprender facendo: a educación pola acción. A aprendizaxe faise a través da observación, a experimentación e a actividade persoal, permitindo aos participantes realizar accións por si mesmos e adquirir experiencias persoais. Ponse en práctica a educación pola acción mediante a aplicación da metodoloxía do proxecto: educación activa e emprego do xogo como oportunidade óptima de experimentar, aventurar, imaxinar, soñar, proxectar, crear e recrear a realidade.

  • A vida en pequenos grupos: o pequeno grupo socializa, identifica aos seus membros cos obxectivos das actividades e permite afondar no coñecemento mutuo. Todo iso posibilita a participación, a aprendizaxe e a asunción de responsabilidades. Así se crea un espazo educativo e de confianza nun mesmo privilexiado para crecer e desenvolverse.

  • Coa axuda de adultos: a presenza dun adulto capacitado, que se incorpore á vida do equipo propoñendo, revelando e axudando a descubrir, facilita o diálogo e a cooperación, invitando ao grupo a producir o mellor de si mesmo.

  • A asunción de responsabilidades: a vivencia da participación en diversas actividades, asumindo responsabilidades consigo mesmo e co grupo, axuda ao establecemento dun compromiso persoal libremente aceptado, no que se basea o éxito do equipo.

  • A formación autoxestionada: a moza participa no seu propio proceso de desenvolvemento, formando parte activa das diferentes etapas nas que se determina o Programa Educativo Scout.

  • Uns programas progresivos e atraentes: a presentación de técnicas atraentes que se aprenden executándoas, permite estimular o desenvolvemento das aptitudes, motivar unha futura vocación e colaborar na formación da persoa, achegando a seguridade que implica o manexo dunha destreza.

  • A variedade e os centros de interese: a través deles, as mozas relaciónanse co mundo, descobren as súas capacidades e as dos demais, o valor da cooperación e o espírito de equipo, descubrindo dun modo alegre o que xuntos poden facer.

  • O contacto coa natureza: a descubrimento da natureza estimula a creatividade, crea vínculos entre os membros do grupo, favorece a comprensión da vida en sociedade e permite valorar a vida sinxela e os ritmos naturais.

E da teoría... á práctica!

O ESCULTISMO: UN GRAN DESCUBRIMENTO

Logo de coñecer o escultismo... namoramos. Namoramos dun movemento en constante revisión e renovación. Que traballa coas rapazas e rapaces prestando moita atención á súa individualidade, pero tamén ao desenvolvemento do conxunto, como grupo. Que permite a rapazas e rapaces que non se senten cómodos noutros espazos de socialización atopar un lugar no que facer amigas e amigos, aprender e, tamén, divertirse e crecer; ademais de darlles ferramentas para enfrontar esas outras situacións. Porque a énfase na convivencia harmónica e no respecto aos outros é sempre fundamental.

Namoramos, en fin, dun movemento educativo con vocación de continuidade. No que se fan catro, cinco ou seis campamentos ao ano, e actividades todas as fines de semana. Onde unha rapaza pode entrar con 6 anos e rematar a súa etapa como educanda con 22 e, se quere dar o paso, formarse logo para ser scouter. Un movemento no que todas e todos aprendemos a implicarnos, a tomar decisións en colectivo, a crear proxectos, a cometer erros... Onde a cultura democrática, ecolóxica e feminista están sempre presentes.

E entón, ocorreu algo marabilloso. A idea flotaba no ambiente dende facía tempo, pero fixo falta o pulo dunhas poucas e o compromiso de moitas. E é que nos xuntamos en Ourense diferentes persoas que fixéramos ese camiño, e outras compañeiras que percorreran sendas similares, e decidimos crear un Grupo Scout. Decidimos dar un paso máis no tempo libre, decidimos saír do universo do verán definitivamente e decidimos crear en colectivo un espazo no que conseguir ese obxectivo no marco que nos parecía máis adecuado: o do escultismo. Corría o 2015, foi o ano no que se inauguraba o Ilex.

6 PASOS PARA CREAR O TEU PROPIO GRUPO SCOUT

Crear de cero, no tempo libre, non é sinxelo. Aquí van seis claves fundamentais para todas aquelas que se animen a facer unha tolería coma a nosa:

  1. Facer toooodo o papeleo... e non deixar de facelo durante toda a vida activa da Asociación.

  2. Conseguir nen@s... unha Asociación prestadora de servizos á xuventude, precisa xuventude. Para logralo, empregamos un montón de métodos revolucionarios! Como a entrega de folletos, a promoción de actividades gratuítas, o convite a campas, aniversarios fake, promocións do tipo "tráete á túa amiga/o", poñer carteis, empregar as redes sociais, saír nos medios...

  3. Se hai nen@s ten que haber scouters... admitimos que aquí temos poucas claves. É difícil que se anime xente cando se trata dun voluntariado, xente que veña só polo compromiso cara as nenas/os e polas posibilidades do método educativo. E, o máis complexo, que teña libre as fines de semana! Non temos unha fórmula máxica. A maxia, cremos, está na forma de facer as cousas, na evolución que vemos das rapazas e rapaces, no feedback que recibimos das familias, e no bo roio e a afectividade que se crea entre as scouters.O normal despois de probar... é quedarse. Ademais, as lóxicas da estrutura organizativa fomentan o empoderamento, a asunción de responsabilidades e a aprendizaxe continua. Estamos ante un movemento aberto a todas e a todos.

  4. Aprender as claves dun método... que é completo e complexo. Por sorte, no escultismo, nunca se está só. A Asociación recibiu moitísimo apoio da Federación galega (ASDE-Scouts de Galicia) e da española; tamén formación da Escola scout; moitos scouters doutros grupos nos axudaron -e aínda o fan- de xeito individual; e fixemos actividades e traballamos en conxunto con diferentes organizacións da provincia.

  5. Ás familias están aí... non son voces que chaman ao mediodía en horario de chamadas. Traballamos en conxunto coas familias. Intentamos que o noso esforzo teña unha continuidade na casa e escoitamos e tratamos de aplicar as ferramentas que nos dan ás familias en relación aos seus nenos e nenas.

  6. Ter un espazo de referencia... un local que permita desenvolver actividades, gardar material, facer reunións... Parece sinxelo pero... custounos moito conseguir un local a un prezo razoable!

Hoxe, somos o que somos grazas ao Grupo Scout Ilex 695. Cambiou as nosas vidas para sempre. As nosas e as de todas as persoas que participamos (as scouters, os nenos, as familias...). Segue a definirnos e a aportarnos moitísimas cousas.

CONCLUSIÓNS


Estamos convencidas de que o tempo libre ten aínda moitos recunchos por explorar e por crear. Cremos firmemente en que debemos ser inconformistas. Debemos seguir buscando e construíndo espazos nos que contribuír a crear un mundo mellor, que permita tamén que crezamos como profesionais do tempo libre. Porque o Tempo Libre permite transformar a sociedade dende o próximo. Cómpre continuar expandindo o valor da educación no Tempo Libre, sexa a través dun grupo scout ou de múltiples iniciativas que poidan xurdir do pensamento colectivo e que estean aínda sen imaxinar.

Compañeiros, compañeiras, vémonos de acampada.

► PRESENTACIÓN EMPREGADA NO PANEL → descarga

DATOS DE CONTACTO

www.scoutourense.org

gruposcoutilex@gmail.com

688 940 695

INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE   Xornadas Galegas de Actualización de Coñecementos e Intercambio de Experiencias
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar