"FORMACIÓN E ESCOLAS DE TEMPO LIBRE"

FACILITADOR: Roberto Fernández Cartón

ARTIGOS TRABALLADOS DO NOVO DECRETO

TÍTULO II. DA FORMACIÓN DA XUVENTUDE, traballamos os artigos entre o 13 e o 24.

DESCRICIÓN METODOLÓXICA

Aínda que a proposta inicial era o traballo en pequenos grupos, o grande grupo optou polo traballo asembleario. Metodoloxicamente fómonos achegando ao texto do borrador proposto, artigo a artigo, facendo suxestións e debate aberto no grupo ata chegar a acordos, nalgún momento, e noutros identificamos puntos nos que é importante afondar, pois non había un posicionamento global que sumara o acordo de todos os presentes.

TEMAS OU CUESTIÓNS QUE SUSCITARON AMPLO CONSENSO

O traballo do grupo enfocouse en acadar consensos, e así queda reflectido na redacción dos textos aprobados. Nalgúns casos foi complicado e longo pero case todos os puntos que se trataron tiveron unha redacción de acordo.

O traballo regulamentario chegou ata o artigo 24, quedando pendente seguir reflexionando sobre os debates abertos e sobre os artigos non tratados por falta de tempo.

TEMAS OU CUESTIÓNS QUE DIFICULTARON O DEBATE

          Establecer a forma de acreditación da experiencia no tempo libre esixible ao persoal da escola, sen que supoña una carga superflua de traballo burocrático.

    A formación propia da escola, cos contidos que considere relevantes para a formación no tempo libre (40 horas).

CONCLUSIÓNS E REFLEXIÓNS DO GRUPO

O grupo pechou o seu traballo facendo una valoración da tarefa realizada e especialmente do traballo que queda pendente, subliñando os seguintes aspectos:

  • Cremos firmemente na capacidade das escolas de tempo libre, no valor dunha tradición pedagóxica que non debemos perder, pois é a nosa historia e cos seus altos e baixos é a responsable de que o tempo libre en Galicia estea aquí e agora debatendo o seu futuro con ilusión e ganas de mellora continua. Os novos retos que nos presenta o sistema de cualificacións profesionais non poden ser máis que un empuxe cara a unhas mellores escolas e unha mellor formación de profesionais e voluntarios. Creemos no valor do lecer educativo, no seu potencial transformador e empoderador da xente nesta nosa terra.

  • Sobre a base da valoración moi positiva de que se abran procesos participativos, e de igual maneira sendo conscientes da necesidade da modificación do marco regulador das Escolas de tempo libre, entendemos que a propia Lei de Xuventude establece xa, de xeito claro, mecanismos institucionais e colexiados de participación. Nomeadamen-te a Rede Galega de Escolas de Tempo Libre. É evidente que é o principal órgano onde se debería consultar a modificación destes artigos. A Dirección Xeral de Xuventude ten esta débeda coas escolas e está a tempo de recoñecela, en canto rede, como interlocutor principal deste proceso. Sen tampouco por iso esquecer a responsabilidade do conxunto das escolas polo feito de non ser convocadas deste hai bastante tempo e non reivindicar o funcionamento do previsto na propia Lei de Xuventude.

  • Entendemos que un papel importante da Dirección Xeral de Xuventude é o de promover a calidade técnica das intervención educativas no tempo libre en Galicia. Para lograr isto hai moitas medidas, pero queremos destacar o fundamental que é favorecer a formación de calidade, especialmente cun plan que complemente a oferta existente desde as escolas, en base a unha análise de necesidades formativas detectadas. Reivindicamos pois a necesidade dunha Escola Galega de Tempo libre e dun plan de formación anual dirixido ao sector.

  • Sobre o Curso de Formación de Formadores que aparece no borrador, entendemos que é una necesidade solicitada polo propio sector, que xa está a funcionar noutros puntos do estado. Entendemos que o que falla é: a) a redacción do texto, pois precisa ser coherente co resto das titulacións descritas, e b) por outro lado precisa de maior acordo por parte das entidades afectadas. Propoñemos que se avance no camiño da redacción e dos acordos, desde os órganos colexiados implicados.

  • Na mesma situación atópase o Curso de Especialista de "necesidade educativas especiais", que parte dunha reivindicación expresada polo sector, pero que non xera suficientes acordos na súa redacción, empezando mesmo polo nome. Solicitamos que se continúe traballando na súa definición e que se abra o proceso a outras entidades relacionadas co "lecer inclusivo".

  • Creemos necesario que neste decreto apareza o alumnado como suxeito de formación e polo tanto se describan tamén o marco xeral dos seus dereitos e deberes, que posteriormente cada escola, ou ben desde a rede galega de escolas de tempo libre, se poda acordar un marco deontolóxico máis amplo. Especialmente queremos lembrar a necesidade de que o alumnado estea cuberto polos correspondentes seguros en todo o período formativo, tanto nas aulas como na fase de prácticas. Esta obriga entendemos que é una responsabilidade das Escolas de Tempo Libre.

  • De xeito xeral, e tal como vai aparecendo no puntos anteriores, creemos que o borrador do decreto aínda está moi verde e precisa una intervención técnica en canto a redacción, pois abondan as incoherencias de vocabulario, as duplicidades e os parágrafos fóra de sitio. Pensamos que incluso sería necesario facer un cambio na estrutura da redacción do articulado, respectando o traballo realizado ata agora e especialmente os acordos xa pechados. Solicitamos á Dirección Xeral de Xuventude que asuma a coordinación desta labor.


INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE   Xornadas Galegas de Actualización de Coñecementos e Intercambio de Experiencias
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar