ESPAZOS DE ESCOITA ACTIVA: ASEMBLEAS DE CAMPAMENTOS

Somos Tempo Libre

DESCRICIÓN

Dende a convocatoria da Acción de Verán 2018 inclúense as asembleas como actividades transversais nos cronogramas dos campamentos de verán en Galicia dependentes de DXXPV. Na súa intervención este Colectivo reflexionou sobre a utilidade desta ferramenta e déronse unhas claves básicas para sacar o máximo proveito destes espazos de escoita activa.

Que son as asembleas

As asembleas son espazos nos que todas as persoas que integran o campamento (dirección, coordinación, monitorado, participantes e, se queren, outros axentes implicados) falan sobre o mesmo. Sobre o seu desenvolvemento, sobre o que gusta e o que funciona e o que non, sobre a convivencia, sobre como se senten, sobre temas sociais máis amplos que lles preocupan e que teñen unha pegada no campa, e un longo etcétera. Non é simplemente unha avaliación, tampouco un espazo no que visibilizar e transformar conflitos nin unha xuntanza para lanzar propostas. É todo iso e, á vez, moito máis ca iso.

A utilidade das asembleas

O clima de confianza que se xera nos campamentos permite ir moito máis aló do modelo clásico "moni/dire que dirixe - rapazas/es que escoitan e contestan". Camiñando cara modelos máis horizontais, facilitados pola propia rapazada, as asembleas convértense en espazos moi pertinentes para o campamento en diferentes sentidos:

  • Para desenvolver diferentes competencias nos participantes e nas profesionais que participan. Axuda ao desenvolvemento de competencias comunicativas (a expresión oral, a capacidade de debate, a escoita activa...), pero tamén de competencias para a toma de decisións e a vida en colectivo (a negociación, o consenso, o pensamento crítico...).

  • Para enriquecer as dinámicas do campamento e facer cambios a tempo, construíndoo entre todas e todos. Un espazo no que as rapazas e rapaces senten que a súa palabra ten valor, no que se lles escoita, permite intercambiar ideas sobre o campamento e mellorar os diferentes procesos, a convivencia, etc.

  • No medio prazo, a existencia de asembleas xera unha atmosfera de vida en común no que o respecto polas demais e a empatía convértense en base de funcionamento do grupo.

O modelo que se presenta

O modelo de asembleas que aquí se presenta foi froito do traballo comprometido de distintos profesionais do tempo libre, que ao longo de diferentes campañas de verán foron enriquecendo e mellorando o modelo. Como este, de seguro, haberá moitos máis, que nos gustaría coñecer e compartir.

Material

  • Cadernos (ou folios sobre cartón) e bolis, ademais de lanternas, para as funcións de facilitación, tomador/a da palabra e gardiá/n dos acordos.

  • Póster de temas + rotu nalgún lugar visible do campa.

A primeira asemblea

Situámonos todas e todos sentados, a ser posible na herba, tanto a rapazada como a equipa educativa e os diferentes axentes implicados no campamento (todo o mundo asiste), á mesma altura, en círculo (evitamos por tanto os anfiteatros), pero formando unha pequena piña (non fai falta verse, senón escoitarse).

Durante a primeira asemblea, a persoa que facilita, que neste caso é o monitor ou monitora que a leva, ten que intentar falar tanto á xente que ten diante, como á que ten detrás, xa que deberá situarse no centro desa piña. Ela explica o que é unha asemblea, intentando non dar unha definición, senón recollendo as ideas das rapazas e facendo as preguntas correctas para que elas dean coa resposta, que pode ser semellante a esta:

As asembleas son o instrumento práctico definitorio da organización democrática e igualitaria. O seu uso remóntase a miles de anos atrás, está no orixe de moitos pobos que gozaban de certa liberdade. Trátase dunha reunión dos membros dun colectivo para discutir sobre os temas comúns que lles preocupan e tomar decisións ao respecto.

Despois, faise fincapé nalgunhas ideas:

  • Fronte ao poder autoritario, nunha asemblea imos poder discutir e tomar decisións por nós mesmas, é un gran poder, pero tamén unha gran responsabilidade. Ademais, o funcionamento asembleario é difícil, porque depende enteiramente de todas e todos nós.

  • As asembleas son sensibles á forma na que fagamos as nosas achegas. Se falamos en negativo, se alzamos a voz, se somos hostís... Iso vai crear unha atmosfera negativa. Pola contra, se falamos en positivo e de xeito construtivo, o ambiente colectivo vai ser san e agradable.

  • Unha asemblea é un espazo común, no que non hai xerarquías entre monitoras e rapazas/es. Todas e todos estamos en pé de igualdade e expresámonos por igual. É importante que coiden, pois, un espazo que é seu, no que a súa palabra ten valor.

Expresarse nas asembleas. Como nas asembleas non podemos falar cando hai outra persoa falando e ademais queremos saber que é o que opina e pensa todo o mundo, empregamos as mans para expresar a nosa opinión. Isto ten que dicilo a monitora que leva a asemblea, para a continuación pasar a expresar eses signos e pedirlles a todas que os repitan. O primeiro día, cada vez que alguén exprese unha opinión, teremos que recordar que o resto debe responder, á súa vez, expresándose coas mans, para ir collendo o hábito.

  • Se queremos dicir que si, ou algo nos gusta, facemos o aplauso da lingua de signos.

  • Se queremos dicir que non, ou algo non nos gusta, facemos unha cruz cos brazos.

  • Se levantamos a man nun momento, pero o que dixemos xa se dixo, a tomadora da palabra nola dá e queremos indicarlle que xa non imos falar; ou se alguén está dicindo algo repetido, facemos un par de círculos coas mans cara adiante.

  • Se queremos replicar a un tema ou a un punto, xuntamos a man co puño enriba da cabeza e a tomadora da palabra, se hai tempo, danos a palabra a nós antes de seguir cos nomes que tiña anotados.

  • Se algo nos encanta ou nos parece marabilloso, facemos dous arcos grandes cos brazos.

Nunha asemblea, as monitoras non pedimos silencio nin facemos "sshhh", sentámonos entre os nenos, ben repartidas entre elas, e, como moito, tocamos nas costas aos que teñamos preto. É o seu espazo e eles deben coidalo. Por iso, animámoslles a inventar un signo para que elas e eles mesmos pidan silencio.

Funcións. Nas asembleas hai tres funcións.

  1. Gardiá/n dos acordos. Recolle por escrito os acordos aos que se chega e o que se vai falando.

  2. Tomador/a da palabra. Toma a palabra, vai escribindo os nomes da xente que quere falar e dándolles paso, de xeito que non haxa que estar coa man levantada todo o tempo, e que se respecten os tempos nos que cada un/ha levantou a man para falar. Ao principio terá que preguntarlles o nome porque non saberá os nomes e será mais lento, pero despois trátase de que mentres uns falan, esta persoa poida ir anotando e facendo un sinal á xente para que baixe a man.

  3. Facilitador/a. É a persoa que vai sacar os temas, establecer os tempos, cortar as palabras, resumir os acordos... É a persoa que leva a asemblea e a única que pode falar sen ter que levantar a man para pedir palabra. Pero se o fai así é para levar a asemblea, non para dar a súa opinión.

Na primeira asemblea a función de facilitador/a faraa a monitora responsable e as outras dúas figuras correrán a cargo de dúas monitoras con dúas nenas voluntarias.

Temas a falar. En todas as asembleas trátase un primeiro tema que é a avaliación do día. O resto de temas sácanse na orde na que estean expresados no póster da Asemblea, que estará colgado nalgún punto visible do campamento a partir do primeiro día completo. A maiores, se sobra tempo, pódense sacar temas durante a propia asemblea.

  • Puntos verdes e amarelos. Neste primeiro tema os rapaces e rapazas, e tamén a equipa educativa, poderán dar puntos verdes a cousas que lles gustaron moito do día, tendo que explicar por que; e puntos amarelos a cousas que mellorarían (en positivo!), é dicir, teñen que expresar o que elas cambiarían e de que xeito o farían.

  • O noso campamento. Será o segundo e o último punto deste primeiro día. Explicaráselles que aquilo non era nada ata que chegamos, apenas unha estrutura: barracóns, comedor, aulas, campo... Nós, participantes e monitoras/es, transformamos isto no universo inesquecible e irrepetible que é cada campamento. Por iso, gustaríanos escoitar as súas ideas sobre que lles gustaría facer e que lles gustaría que fose ese campamento.

O peche. Rematamos sempre as asembleas dun xeito especial. Ás veces é unha pequena frase ou un pequeno conto, dun par de parágrafos, que nos faga pensar. Tamén podemos rematala cun exercicio "práctico" (unha cadea de abrazos; darnos as mans un minuto, pechar os ollos e sentirnos mentres escoitamos a noite; dicirlle a tres persoas ao oído o que nos gusta tanto delas, escoitar unha canción, tombarnos e mirar as estrelas, etc.).

As seguintes asembleas

Trátase de que a persoa responsable das asembleas non volva exercer a función de facilitador/a, e que xa non se precisen monitores/as para axudar nas outras dúas funcións. A partir do primeiro día a persoa responsable buscará a participantes que queiran selo e que ela considere capaces e, durante algún tempo libre, preparará o desenvolvemento da asemblea con eles e elas. Elas mesmas poden ter ideas sobre como acabar a asemblea ou sobre como tratar os temas -de feito, a persoa responsable animaraos a que saian iniciativas súas-. Ás veces, exercer estas funcións pode axudar a nenas/os que se sintan tristes ou que precisen un pequeno pulo.

Durante a asemblea, a persoa responsable sentarase no centro da "piña" xunto ao facilitador ou facilitadora, a/o tomador/a da palabra e a/o gardiá/n dos acordos e, se estas precisan algo ou se os tempos van mal, falaralles ao oído en voz baixa, pero intentará facelo o mínimo posible e que sexan elas mesmas as que leven a asemblea. Intentarase que ninguén repita e que haxa sempre equilibrio de xénero nas funcións.

Durante as primeiras asembleas é necesario que as monitoras e monitores fomenten que se empregue a asemblea para dar as opinións, comentándoo ao longo do día (así que che gustou a actividade? Que ben, coméntao na asemblea; ou, preocúpache isto? Por que non o anotas como tema e o falamos na asemblea?). Se hai pouca participación, intentarán falar máis, pero se si a hai, tratarán de facer o contrario e non monopolizar o espazo nin convertelo no "momento das broncas". Trataremos de que se colla confianza e de que se entenda o espazo, para poder tratar, despois dos primeiros días, temas serios que afecten á convivencia.

Nalgún momento, cara a metade do campamento, intentaremos que consigan tomar unha decisión sobre algún elemento do campamento (escoller a temática da festa final, escoller unha velada, escoller unha proba para un reto...) por consenso. Para isto, intentaremos contar cun/ha facilitador/a especialmente boa para recoller as diferentes sensibilidades. Explicarémoslles que o consenso non é a decisión que máis nos gusta a todas, senón a decisión coas que todas podemos chegar a un acordo, que pode ser unha decisión maioritaria que teña en conta ás minorías, incorporando parte das súas reivindicacións. Ademais, cara a metade-final do campa, o ideal sería poder deixalas soas nesta ou noutra asemblea, para que desenvolvan o espazo sen a presenza da equipa educativa.

"Quen somos xuntas sempre será diferente e máis potente do que somos por separado"

(Margaret Wheatley).

Feliz campa e feliz vida.

DATOS DE CONTACTO

somostempolibregalicia@gmail.com

INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE   Xornadas Galegas de Actualización de Coñecementos e Intercambio de Experiencias
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar