CARA ONDE IMOS


O pasado 19 de novembro celebrouse o II Foro aberto do Tempo Libre na sede da EGAP en Santiago de Compostela, convocada dende a DX de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. A continuación preséntase a memoria da xornada.

CONVOCATORIA

A convocatoria deste Foro foi iniciativa da DXX, en coherencia coa actitude demostrada no X INTERACTUANDO, dando continuidade ás conclusións expresadas nas X xornadas INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE en Maio 2016, e apostando pola participación estruturada no sector da Educación no Tempo Libre.

A convocatoria fíxose pública a través de xuventude.net, das redes de comunicación da DXX, do grupo de FB interactuandonotempolibre e fíxose chegar aos participantes nas xornadas de Maio.

ASISTENCIA

Houbo asistencias e inasistencias.

Asistencias: persoas motivadas representativas activas dos axentes que interveñen na educación no tempo libre: administración, escola de TL, empresa de TL, asociación, ONG, monitor/a nov@, monitor/a especializad@ (en discapacidade funcional)...

Inasistencias: quen consciente da xornada non puido vir por non ter tempo libre ese día, quen conscientemente optou por non vir para dar paso a outras persoas, quen sabedor/a da convocatoria optou por non vir por ter outras prioridades na vida, quen consciente de estar inscrit@ non avisou de inasistencia.

A reducida asistencia modificou o formato, ritmo e tempos, mais non restou efectividade, capacidade decisoria nin vontade de construír en positivo.

Do anterior grupo promotor estiveron presentes Sofía e mais Brais, Hugo e Iván ausentes por traballo, Charo adica o seu tempo libre ao froito que levaba nas entrañas en Maio, e Xulio dinamizando pola rede dende a cidade das Burgas.

Na recepción, Pepe, que o día anterior transformara o espazo, e Alegría e mais Amaro, que propuxeron xogos de benvida.

As palabras inaugurais de María Mosteiro deixaron ben ás claras a dispoñibilidade da DXX para o sector: vontade de anovar o decreto 50/2000, de apostar polo INTERACTUANDO e Foros como espazos de construción e encontro estable, e de apoiar a estruturación do sector e da práctica da educación no tempo libre en Galicia.

Logo de visionar un par de vídeos para lembrar emocionalmente o X INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE, de pedir desculpas polo atraso na xestión das actas do anterior Foro e mais do X INTERACTUANDO, e de presentar estas Actas en papel impreso e mais no formato web... unha rolda en roda permitiu os participantes presentárense e fala-la motivación para estar hoxe aquí.

DESENVOLVEMENTO

A sesión artellábase en dúas partes: reflexión e construción. A dinámica inicial prevista era un "café do mundo" na que os anfitrións de cada mesa administrasen o diálogo en cada unha das cinco mesas ou "tabernas":

  • A´ Papeleira - Normativa. Papeis secos e mollados.

  • A´ Grande Torta - A Campaña de verán. Servizo público, negocio ou educación para a transformación?

  • Café operario - @ educador de Tempo libre. Aprender a aprender ou facer por facer?

  • A´ do Escolante - Formación. Están de Tempo Libre as Escolas?

  • A´ moderna - Sociedade actual. Valores e contravalores en tempos do Matrix.

A dinámica modificouse en parte dado o menor tamaño do grupo (incidencia non prevista: puidérase reducir o número de mesas, artellar doutro modo as roldas...) e a xestión do tempo e forma foi diferente, pero igualmente producente.

Alén das interesantes conversas e intercambio de visións, impresións e ideas, as 5 grandes follas brancas que facían de manteis en cada unha das "tabernas" acabaron a mañá cheas de ideas e de puntos importantes en cada unha das áreas traballadas.

Ao reinicio da tarde constituíronse os grupos de traballo que se debruzaron sobre os "hules" de cada unha das "tabernas" e logo dunha posta en común oral teclearon dixitalmente as propostas máis importantes, que son os documentos que logo seguen, que son o froito do traballo deste día e semente dun tempo libre novo.

Ademais de xerar estes documentos (sintetizacións do pensamento), o "grupo Somos Tempo Libre" presentou a súa idea, intencións e dificultades atopadas até agora. Deu lugar a unha interesante reflexión sobre "activismo na rede" e detectouse unha necesidade de formación á que se cadra pagaba a pena facerlle fronte.


RESULTADOS

Tivo lugar tamén un momento de tipo asembleario no que se intercambiaron impresións e se tomaron decisión con contido:

  • Enténdese que a data adecuada para a celebración das xornadas galegas para a actualización e intercambio de experiencias INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE é no Outono. Proponse que sexa na terceira fin de semana de Outubro, de maneira estable.

    A motivación de alterar o calendario é que "o outono é a mellor primavera" para @s educadores de tempo libre, con descanso, motivación e ideas tralas vivencias e experiencias aínda frescas do verán. En outono era antano habitualmente o INTERACTUANDO e é tempo no que se poden deseñar accións para iniciar co novo ano. En Maio @s estudantes están ocupados, e quen máis quen menos ata as mellores intencións sofren un corte de ritmo no verán, cando tantas cousas acontecen.

  • Proponse mover a data da celebración dun Foro preparatorio á primavera, nos meses de Abril ou Maio.

  • Procurar promover calendarios que acompasen o ritmo do sector: concibir no outono a formación que recibir no inverno e primavera para pór en práctica no verán e avaliar no outono seguinte.

  • @s presentes recoñecémonos como "fermento" que contribúa a canalizar esforzos e acordos para a celebración dos vindeiros Foro e XI edición do INTERACTUANDO.

Faláronse propostas para novas convocatorias:

a) procurar a confirmación de asistencia de participantes. (Unha resposta á alta inasistencia neste Foro: 2/3 dos inscritos. Se ben cómpre indicar que os media falaban dunha cicloxénese con fortes e perigosos ventos.

b) promover a participación no proceso previo, con elaboración e posta a disposición de documentos con antecedencia.

c) enténdese o interese que ten a realización estable dun Foro do Tempo Libre que a medio ano vista traballe por artellar o INTERACTUANDO seguinte. Isto non é óbice para que se poidan convocar Foros Específicos verbo temáticas de interese (anovación do D50/2000, a campaña de verán....

Hai necesidades de formación que paga a pena traballar. Sinálanse:
  • diversidade funcional

  • xénero e sexualidade (igualdade)

  • resolución de conflitos

  • traballo en equipo

  • xestión de grupos

  • utilización de medios audiovisuais

  • redes sociais e redes sociais

  • inclusión / integración

  • comunicación asertiva

  • intercultura

E hai visos de traballar na modificación do Decreto50/2000...


FROITO DOS FALADOIROS

FALADOIRO 1/5. A´PAPELEIRA - (NORMATIVA)

Temos:

  • Decreto 50/2000: obsoleto.

  • Lei de Xuventude: declaración de principios que cómpre desenvolver.

  • Certificados de profesionalidade: bastante descoñecidos e xestionados tamén por Emprego e Educación.

  • Recoñecemento de competencias: práctica promovida pola administración europea, por exemplo nos programas de xuventude (8 competencias chave - youthpass): descoñecido por quen non anda en programas europeos de xuventude.

  • Documentos que no sector elaboramos: Actas de xornadas e Foros, documentos de traballo... NÓS creamos acerbo!

Esferas:

Ámbito:

 Por que Educación no Tempo Libre ten que centrarse en Xuventude?

 Que hai de....

   ... terceira idade?

   ... inclusión social?

   ... animación e dinamización cultural?

   ... dinamización turística?

   ... educación para os dereitos humanos?

   ... integración?

   ... PARTICIPACIÓN?


Debate:

  • Quen ten a LEXITIMIDADE para emprender a iniciativa?

  • Quen XESTIONA o cambio?

  • Pasos: xuntar información, elaboración de propostas, consulta de propostas.

Persoas responsables representativas dos diferentes puntos de vista existentes no sector deberían compor un grupo de traballo que dea os pasos apuntados antes nun prazo temporal determinado e con momentos de encontro e diálogo co sector (Foro e Interactuando normais, convocatorias específicas, traballo en rede...).


Proposta:

1/ Xuntar información: identificar normas e normativas existentes ou inspiradoras

2/ Grupo de "expertos" reducido: formarse e capacitarse

3/ Grupo de "expertos": Propoñer liñas de traballo para ser consultadas

4/ Consultas ampliadas co sector

5/ Recoller propostas do sector

6/ Elaboración de borrador

7/ Novas consultas e sanción


FALADOIRO 2/5. A'GRANDE TORTA - (A CAMPAÑA DE VERÁN)

Na primeira parte do tempo adicado a falar da Campaña de Verán da Xunta de Galicia detectamos unha serie de aspectos mellorables para a continuación propor cambios materializados en accións concretas.


ASPECTOS MELLORABLES

  • As programacións dos campamentos están sobresaturadas e xs nenxs chegan a ter sentimento de campamento militar.

  • Moita presión por parte das familias (á hora de esixir cantidade máis que calidade).

  • Ameaza de empresas se as adxudicatarias non cumpren a programación (totalmente inflexible ós cambios, imposibilitando á adaptación ó ritmo do grupo, os cambios climatolóxicos... en resumidas contas dificultando o traballo e tamén o desfrute dxs participantes). Este sistema de programación deseñada e pechada pola Admón. ven dado por moitos anos de reclamacións e presión de determinadas empresas. Consideramos que hai que atopar un sistema intermedio entre o que se fixo os últimos anos e o cambio feito no 2016 (no que unicamente se tivo en conta o aspecto económico).

  • Albergues da Xunta de Galicia con graves problemas de accesibilidade (repercutindo seriamente no desfrute dxs participantes con diversidade funcional física).


ACCIÓNS

1. Despois de comentar durante un rato o estado actual da última Campaña de Verán da Xunta de Galicia e resaltar principalmente que o novo sistema de concesión dos lotes (que só teñen en conta o aspecto económico) non nos parecía o máis adecuado, chegamos á seguinte conclusión:

"A necesidade de crear un FORO de propostas no que tódalas partes (Administración, empresas e educadorxs) deseñasen o proxecto máis completo e de calidade (tendo en conta aspectos educativos e non soamente de lecer) para cada un dos lotes da Campaña. Unha vez deseñado este proxecto base que a empresa adxudicataria vai desenvolver, continuar co actual sistema de ponderación económica asegurando que se cumpre o convenio do monitorado. Levaría xa máis tempo decidir quen serían as persoas adecuadas para representar os distintos sectores".

2. A Administración ten claro que se a Campaña de Verán segue funcionando é grazas ao traballo do monitorado, que non ten unha plataforma de avaliación conxunta para poder expresar a súa opinión sobre as actividades, a calidade do servizo, as condicións da empresa, cambios e suxerencias. De modo que contemplamos a necesidade de atopar unha vía:

"A través de enquisas avaliativas propostas pola Xunta (anónimas pero facendo constar a instalación onde desempeñou a actividade) nas que o monitorado poida avaliar libremente e in situ e nada máis rematar a actividade as súas reflexións e achegas. Non pode obviarse a opinión daquelxs que son xs executorxs finais da actividade".

3. Cremos que non podemos enganarnos a nós mesmxs e pasar por alto que cando estamos nun campamento da Campaña de Verán traballamos as 24 horas do día. O convenio actual de Ocio Educativo non recolle esta realidade. Polo tanto propoñemos:

"Facer maior o grupo de presión de profesionais do sector que consiga ter suficiente representación e respaldo para propor cambios sustanciais no convenio".


FALADOIRO 3/5. CAFÉ LABORAL - (O TRABALLO D@ EDUCADOR/A DE TEMPO LIBRE)

O primeiro aspecto a contemplar foi necesidade da dignificación da profesión de monitor/a T.L., para evitar:

  • Empresas encubertas como asociacións, intrusismo (actividades de tempo libre en centros educativos impartidas por profesorado, p.e.).

  • Incumprimento do convenio laboral de T.L.

  • Imposibilidade de dedicación exclusiva ao sector.

  • Desestacionalizar e diversificar a carga de traballo

Os puntos propostos para isto foron:

  1. Clarificar as competencias necesarias para exercer como tal.

  2. Que as competencias sexan recoñecidas a nivel profesional (certificado de profesionalidade) e de educación formal (acceso a ciclos ou graos).

  3. Diferenciar 2 tipos de formación no T.L.: a orientada cara á profesionalización, e outra enfocada ao traballo voluntario.

  4. Creación dun fondo sectorial e difundir a información e conclusións entre os responsables das contratacións públicas.

  5. Facer unha campaña de sensibilización sobre o traballo de educación no tempo libre entre a poboación (Exemplo, logotipos de calidade, camisetas de monitorado responsable,...).

  6. Creación dunha asociación sectorial que defenda os dereitos das empresas e os traballadores do sector.

  7. Regularizar o sector, non solaparse diferentes axentes do tempo libres (escolas de tempo libre distinto de empresas).

  8. Control laboral do sector, da formación das escolas, do intrusismo.

  9. Comunicación fluída entre Administración, Escolas de T.L. e Empresas de T.L.

  10. Fixar uns límites por abaixo nos concursos públicos para evitar que se tiren os prezos.

  11. Promover o traballo participativo nas empresas e coa administración.


FALADOIRO 4/5. TABERNA ESCOLAR - (FORMACIÓN & ETLs)

OBXECTIVOS:

  • Desenvolver itinerarios formativos

  • Formación especializada

Desenvolvemento dun plan de formación homologado maís completo e especializado onde se recollan uns contidos comúns e unha programación atendendo ás competencias necesarias do sector. Contando cunha revisión periódica deste plan formativo, propoñendo as pertinentes actualizacións, sendo estas accesibles a todo aquel inmerso neste plan de formación regulado.

Este plan formativo ten que contar cuns requisitos básicos: de garantía de cualificación dos formadores, e dun control de calidade destes cursos e proxectos formativos.

Opción de formación on-line neste ámbito sempre que se poidan validar competencias en base a uns requisitos mínimos esixidos.

Proposta de especialidades dentro deste plan: Diversidade funcional, inclusión social, actividades por áreas (vela, escalada, musicoterapia, teatro etc).


FALADOIRO 5/5. TABERNA A´MODERNA - (SOCIEDADE ACTUAL E TEMPO LIBRE)

Varias liñas de traballo:

EDUCACIÓN NO TEMPO LIBRE vs ACTIVIDADES DE TEMPO LIBRE

  • Cambiar o título ós cursos de Monitoras/es de Actividades de Tempo Libre polo de Educadores en Tempo Libre.

  • Cambiar os contidos dos cursos. Os contidos serán os mesmos que os dos certificados de profesionalidade de monitorxs/coordinadorxs.

  • Formación continua por parte da administración para profesionais do sector. O propio Interactuando pode ser o espazo onde concretar/recoller as ideas formativas/de reciclaxe para o vindeiro ano. Valorar os cursos de reciclaxe á hora de conformar pregos/concursos da campaña ou outros por parte da administración.

  • O tempo libre para todas as persoas, rompendo clichés e compartimentos estancos (non só xuventude). Programas conxuntos xuventude/outros departamentos que se ocupen de outros colectivos.

APRENDER A PARTICIPAR

  • Contidos de educación en valores, en dereitos humanos, en convivencia. Incorporar educadorxs sociais nos centros educativos. Potenciar a creación de consellos locais de xuventude (a través da FEGAMP e das deputacións). Optimizar as casas da xuventude. Posibilidade de que participen no Interactuando persoal técnico dos distintos departamentos da Consellería de Política Social, non só o Instituto da Xuventude de Galicia.

  • Recuperar os espazos-instalacións para encontrarnos

TRABALLAR EN REDE

  • Contactos con toda a comunidade lúdico-educativa.

  • Encontros sectoriais anuais: escolas de tempo libre, empresas de tempo libre, monitorado.

  • Espazo de participación dentro da web de xuventude.

  • Aulas de traballo virtuais específicas.

INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE   Xornadas Galegas de Actualización de Coñecementos e Intercambio de Experiencias
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar