"CAMPAMENTOS E INSTALACIÓNS XUVENÍS"

FACILITADOR: Aitor Novo

ARTIGOS TRABALLADOS DO NOVO DECRETO

32-67. Requisitos e persoal para actividades de Tempo Libre, condicións das actividades de tempo libre, requisitos e condicións das instalacións xuvenís.

DESCRICIÓN METODOLÓXICA

O faladoiro deu comezo o venres cunha sesión introdutoria de presentación. Nesta sesión, os e as participantes falaron entre si para se coñecer en parellas e logo, axudados e axudadas de papel e pinturas, presentaron á súa parella ante o resto do grupo. Deste xeito todos sacamos unha idea de quen eramos uns e outros e que perfís estaban alí representados.

Tamén fixemos unha dinámica con post-its na que expresabamos o que buscabamos neste faladoiro, cal era o noso obxectivo con respecto ao debate e ás conclusións ás que queriamos chegar.

A partir do sábado pola mañá procedemos á discusión dos artigos. Aínda que había varias dinámicas preparadas, o elevado número de artigos e a intensidade dos debates fixo que a penas se realizasen.

As achegas aos artigos foran previamente revisadas polo responsable do faladoiro e estaban indicados, nun encerado, aqueles artigos nos que se agardaba máis debate ou máis contribucións. En base a esta distribución, comezamos por dar un primeiro repaso a todos os artigos que nos tocaban, parándomos cada certo tempo (segundo o conflitivo dos artigos, cada máis ou cada menos) para aprobar artigos nos que non había achegas ou discutir brevemente nos que si que as había.

Neste primeiro repaso, calquera debate que se prolongase máis de 2 ou 3 intervencións, foi aprazado para unha segunda volta, de xeito que puidemos chegar ao final dos nosos artigos o sábado a primeira hora da tarde, coa grande maioría xa aprobados e só 3 ou 4 pendentes de longos debates, que tiveron lugar na tarde do sábado e na mañá do domingo.

Finalmente, a última hora de faladoiro do domingo foi adicada a identificar os aspectos máis importantes que decidiramos, e a prepararmos a súa exposición.

TEMAS OU CUESTIÓNS QUE SUSCITARON AMPLO CONSENSO

Dende o comezo houbo consenso na necesidade de adaptar a lei para que, ao mesmo tempo que mellorase a calidade da educación no tempo libre, non restrinxise ou dificultase a realización de actividades de interese.

Neste sentido, coincidimos en eliminar aquelas restricións ou requisitos que consideramos unha tolemia administrativa, requisitos de documentación e burocracia que moitas veces as traballadoras e traballadores da administración descoñecen ou coa que non están familiarizados, e polo tanto obter estes documentos a tempo convértese nunha tarefa imposible que pode chegar a supor a non realización de actividades.

Outra cousa que tivemos clara dende o comezo foi a necesidade de adaptación de ratios de persoal e normativas ás características e tipos de actividade. Ao contrario do decreto 50/2000, todos e todas coincidimos en contemplar os requisitos de persoal, titulacións e documentación a entregar en base ás características da actividade e á idade dos participantes. Concretar cifras si que supuxo un debate, mais todos e todas coincidiamos na necesidade de segmentación.

TEMAS OU CUESTIÓS QUE DIFICULTARON O DEBATE

As cuestións que xeraron debates máis complexos foron tres: os ratios de persoal, os seguros e o propósito das Instalacións Xuvenís.

Os ratios de persoal foi un tema que deixamos para o final, por predicir que consumiría boa parte do noso tempo de traballo. Cando chegamos, analizamos primeiro as categorías de actividades nas que traballaron as nosas compañeiras doutros faladoiros e, en base a iso, discutimos as opcións, facendo uso das achegas recibidas por correo electrónico, especialmente as de Scouts de Galicia e de Somos Tempo Libre. Ao final chegamos a unhas cifras e especificacións nas que atopamos o consenso.

No tema dos seguros, dada a falta de especialistas específicos da área, analizamos o borrador do decreto no que se presentaba a obrigatoriedade de seguro de accidentes e de responsabilidade civil, e decidimos que eran restricións moi elevadas. Tivemos un extenso debate sobre ata que punto o decreto debía obrigar a ter seguros de certa cobertura, e ao final decidimos que era importante esixir por lei, a través do decreto, unhas coberturas mínimas en seguro de accidentes unicamente. Rebaixamos a esixencia das cifras, pero si que conservamos esta obrigatoriedade para evitar que se realicen actividades con seguros insuficientes, ou sen asegurar.

Pero o debate que nos tivo bloqueados durante máis tempo foi, sen dúbida, o propósito das instalacións xuvenís. Unha importante parte dos artigos do borrador do novo decreto que ocuparon o noso traballo fala dos requisitos e características que ten que ter unha instalación xuvenil. Máis, como se pode comprobar noutros artigos do borrador, non existe nada que impida que as actividades de tempo libre se realicen en calquera outro sitio ou instalación que non sexa unha instalación xuvenil recoñecida pola Xunta de Galicia.

Esta situación, nun principio, supuxo un conflito para nós, xa que se calquera instalación non recoñecida podía aloxar actividades de tempo libre, cal era o propósito de se adaptar á normativa na que estamos traballando? Todo ese esforzo, documentación e condicións para ter unha placa na porta?

Démoslle moitas voltas a esta idea. Barallamos incluso a idea de restrinxir certo tipo de actividades de tempo libre á súa realización neste tipo de instalacións, pero falando entre nós e con compañeiras doutros faladoiros chegamos á conclusión de que sería un erro. Moitas actividades pequenas, especialmente no medio rural, realízanse facendo uso de instalacións cedidas ou reconvertidas, nas que o seu propósito principal non é (ou non era) funcionar como albergues para actividades de tempo libre: casas rectorais, refuxios de montaña, escolas unitarias abandonadas, pavillóns... Limitar ou prohibir o uso desde tipo de instalacións para realizar actividades de educación non formal danaría moitísimo a capacidade de actuación educativa no eido rural, e tamén as experiencias de contacto coa natureza e co rural de grupos de orixe urbana.

Non, a solución non é prohibir, a esa conclusión chegamos. Daquela, ¿para que sirve a placa? Actualmente, e tal e como vai tamén na nosa proposta revisada do decreto, non para moito. A placa e o recoñecemento da Xunta é un garante de calidade mínima, que permite a calquera usuario, previa visita, saber que, polo menos o mínimo recollido no decreto, o vai atopar. Porén non consideramos que isto sexa suficiente. Pero da nosa conclusión ao respecto falaremos máis adiante.

CONCLUSIÓNS E REFLEXIÓNS DO GRUPO

As conclusións xerais do grupo quedan retratadas, fundamentalmente, na proposta revisada de decreto que elaboramos: unha lei que nos permita educar no tempo libre con calidade pero con viabilidade. Unha lei que, na medida do posible, non deixe nada fóra, pero tampouco poña paus nas rodas daqueles e daquelas que teñen unha intencionalidade educativa positiva, sexan a administración, empresas privadas ou asociacións sen ánimo de lucro.

A nosa principal preocupación agora é ver que este traballo chega a bo porto e que o novo decreto contempla todas as realidades que, uns e outras, ao longo deste proceso, viñemos aportando. Tamén deixamos como pendente un amplo debate sobre o propósito das Instalacións Xuvenís, ás que cremos que a Administración debería promocionar e dar vida, pero disto aínda queda moito por falar.


INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE   Xornadas Galegas de Actualización de Coñecementos e Intercambio de Experiencias
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar