A FORZA DO TEMPO LIBRE

"UNHA FERRAMENTA PARA EDUCAR EN VALORES"

PONENTE: Tristán Fernández Cabrera

Quero comezar aclarando que, ao contar esta experiencia, a miña intención non é pretender ser innovador nin dar leccións a ninguén. A idea que pretendo transmitir é unha constante que ven xirando en torno a este Interactuando: as actividades de tempo libre como ferramenta para educar. O que quero é contarvos un conto e, a partir del, intentar sacar xuntos algunha conclusión.

Imaxinádevos un conto, algún deses que liades cando erades cativas e cativos, coa súa portada, as súas cores, as súas palabras e as súas personaxes, dentro del, vivindo aventuras. Algo semellante a imaxe que encabeza este texto, non si? Pois este conto que vos vou relatar a continuación é semellante a todos estes.

Coma todos, dispón dunha forma, dunha estrutura. O que nós habitualmente coñecemos por portada, dorso, contraportada, lapelas, etc. Neste caso, a estrutura deste conto é un campamento de verán. Esa burbulliña que se crea e se destrúe durante 13 intensos días no mes de xullo ou agosto. Un contexto idóneo para pasalo ben, facer amizades, emocionarse, sentir, rir, chorar, cantar bailar e, sobre todo, aprender. E non falo desa aprendizaxe estruturada e de contidos, esa que tiña como ferramenta básica a memorización, esa que tanto nos inculcaron na escola, no instituto e na universidade. Falo dunha aprendizaxe básica para as persoas, aprender a ser autónomo e independente durante dúas semanas da túa vida. Saír da túa zona de confort e afrontar o descoñecido con descoñecidos. Para moitos destes cativos e cativas é a primeira vez que saen da casa e a adaptación a esta nova realidade leva implícita unha aprendizaxe. É unha aprendizaxe empírica e aplicada, froito da experimentación directa coas súas emocións e os seus sentimentos. É unha forma diferente de asimilar coñecementos, ideas e valores. Cando falo de campamento, non quero referirme aos campamentos que nos últimos anos se estiveron a desenvolver na Xunta de Galicia, uns campamentos que asemellan máis unha secuenciación de actividades extraescolares e/ou deportivas, unha detrás de outra, esquecendo en gran medida a importancia da convivencia entre iguais e a forza dos grandes xogos. Eu falo dun campamento que tende a evitar a subdivisión en grupos de actividades, onde se potencian as xincanas, os obradoiros e os grandes xogos colectivos, onde a música o inunda todo, onde a xente pasa máis tempo cantando que falando, onde os horarios son flexibles, onde os nenos teñen capacidade de elección das actividades que queren facer, onde o importante é conseguir un clima de amizade no que todo o mundo se sinta cómodo e seguro.

Este conto, ao igual que todos os demais, dispón dun grupo de autores. Este grupo está formado por 11 compañeiras e compañeiros que tentaron darlle unha volta a un campamento de verán. Teño que recoñecer que ningún de nós vive do tempo libre, temos a sorte de dispor de traballo estable durante o ano, o que nos permiten implicarnos nos proxectos de tempo libre que creamos nós ou cos que compartirmos ideas e valores. É certo que ás veces por necesidade acéptase traballar en proxectos cos que non nos identificamos, con condicións que non compartimos e con metodoloxías que tentaríamos evitar. Dende aquí gustaríame animarvos a desenvolver os vosos propios proxectos, a potenciar as vosas ideas e a non depender de grandes empresas para traballar no tempo libre. Nós somos un grupo de amigas e amigos que montamos unha pequena asociación, "Abofé, Educación e Cultura", coa que poder desenvolver actividades de ocio e tempo libre tal e como nós as concibimos ao redor de tres ideas: potenciar a lingua galega (é parte da nosa cultura, da nosa identidade e os nenos deben aprender que tamén o poden pasar ben en galego), elaborar actividades temáticas (desenvolver unha historia para cada proxecto leva o seu tempo pero crea unha maxia e un clima especial) e aproveitar este espazo para educar. Non dependemos de ninguén nin estamos obrigados a aceptar ningunha condición . É máis sinxelo do que parece, so hai que implicarse e esforzarse un pouco ao principio, pero ao final hai vida máis alá das grandes empresas do tempo libre en Galicia. Non pensedes que desenvolvemos grandes proxectos, debemos realizar 5 ou 6 actividades ao ano, pero as suficientes como para saciar esa necesidade de desfrutar e emocionarnos co que facemos.

Se continuamos co símil do conto, a continuación dámoslle paso a idea. É algo que xa viñemos falando con anterioridade. É aproveitar a forza do tempo libre. É facer que as cativas e os cativos saquen partido desta experiencia máis alá do mero carácter lúdico que pode ter. Pretendíamos educar en valores a través dun campamento de verán. Coido que o problema do noso sector é un problema de nomenclatura e isto fai que ás veces esquezamos o verdadeiro potencial que podemos chegar a ter. Non somos monitoras e monitores de tempo libre, somos educadoras e educadores no tempo libre, e temos a posibilidade de aproveitar estas actividades para transmitir valores, coñecementos, tradicións, cultura, ideas, e todo o que poida potenciar o desenvolvemento cognitivo, social e emocional das cativas e dos cativos para os que traballamos. Como sector coido que deberíamos centrarnos no concepto de Educar no Tempo Libre. Durante o período de tempo que interactuamos cas nenas e cos nenos somos os seus referentes e, como tal, transmitimos unha imaxe e uns valores. Sexamos coherentes co que facemos. Aproveitemos a ferramenta da que dispoñemos. Aportemos un pequeno grao de area ao desenvolvemento da nosa sociedade.

Continuando coa segmentación deste conto atopámonos outra figura importante, os lectores. Neste caso foron 49 cativas e cativos de entre 7 e 14 anos, dun Concello preto de Santiago, que viaxaron a unha illa para enfrascarse nunha nova aventura.

E, agora, entramos de cheo no groso deste conto, a historia. Quero pedirvos que fagades un exercicio de imaxinación, e voltedes aos 10 anos, rodeados de 48 nenos e nenas, montados nun barco camiño dunha illa, camiño da illa dos contos. Ao chegares alí, atopádesvos a un vello. Un home alto de melena e barba brancas, que enreda nas mans cun tear. El preséntase e dávos a benvida á súa morada. Cóntavos que el forma parte dunha antiga estirpe de tecedores e tecedoras que velan pola seguridade da illa dende antes da chegada dos primeiros homes. El dedícase a tecer os contos que algunha vez se contaron, se contan ou se contarán, e logo os expande por todo o mundo. Mais existe un problema: coa derradeira tormenta, o tear estragouse e as personaxes dos contos escaparon pola illa adiante, polo que, ata que sexamos quen de arranxar o tear, fóra desta illa ninguén ten a capacidade de contar nin escoitar contos, historias nin cancións. O tecedor pídevos axuda para atopar a cada unha desas personaxes, revivir con eles a súa historia e arranxar o tear para así poder restaurar o fluxo de contos do universo. Como podedes comprobar, é unha historia sinxela e bastante doada de desenvolver.

A partir dese momento, cada día aparecía unha nova personaxe de contos infantís e todas as actividades do campamento de ese día xiraban en torno a súa historia. Por exemplo, se aparecían Carapuchiña Vermella e o Lobo Feroz, facías un atrápame a bandeira cun dos personaxes liderando cada grupo. A clave da historia transversal do campamento era que as historias de todas as personaxes estaban modificadas e non eran tal e como o grupo as coñecía. Os nenos e nenas debían reinterpretalas, o que permitía traballar un determinado valor cada día. Todas as noites, antes de durmir, facíamos unha asemblea na que as cativas e os cativos falaban dos temas que eles mesmos decidían e valoraban as actividades e as situacións que consideraban importantes. Por último, dedicábase un anaco desta asemblea para reflexionar en conxuntos sobre o valor que nos acompañou durante ese día e así poder marchar para cama cunha idea nova sobre a que pensar. Para non alongar isto máis do necesario, vou facer una escolla dalgún dos valores e das personaxes que foron aparecendo (pensade eran 11):

A Cincenta aparece obsesionada co príncipe azul e o ideal de beleza que se potencia na nosa sociedade. Co transcurso do día dáse de conta de que prefire estar a gusto consigo mesma, que non quere aparentar ser quen non é, nin namorarse dun príncipe azul só por ser príncipe. Isto danos pe a traballar cos cativos e as cativas o sexismo e os canonees de beleza, así como o culto ao corpo.

Carapuchiña e o Lobo Feroz aparecen enfadados nun primeiro momento, pero pouco a pouco descóbrese que eran amigos pero seus pais non querían que se relacionasen posto que eran completamente diferentes. Esta historia de pe a traballar a xenofobia.

Pinocho, un boneco de madeira obsesionado con transformarse nun neno de verdade porque non está contento consigo mesmo. Co paso do tempo Jepeto faille ver que el é marabilloso tal e como é, e acaba aceptándose a si mesmo. A través de diversas actividades traballamos con eles a autoestima.

Hanssel e Gretel aparecen un día por alí queixándose de que hai unha vella que os mira mal. Ao coñecer a vella dámonos conta que é unha persoa normal que busca un pouco de compañía. Con xogos e obradoiros tratamos con eles o respecto aos maiores e a importancia da tradición, a cultura e a nosa lingua.

A Sereiña, aparece no medio do campamento sen poder falar nin camiñar. Durante todo o día os rapaces son conscientes da dificultade que pode chegar a ter unha persoa que ten unha diversidade funcional e xuntos valoramos a accesibilidade que ofrece a illa para estas persoas.

Outros valores e ideas que traballamos foron: a solidariedade, a homosexualidade, a presión grupal, a discriminación, etc. Quero recalcar que esta non é a única forma, nin foi a primeira, nin espero que sexa a última, de educar no tempo libre. Pero é unha delas, e queríamos transmitila.

Por último, e para rematar con este conto, é necesario un final. E eu, para este final, quero roubarlle unha frase a Eduardo Galeano, que coido que representa ben o que facemos no noso traballo. Di o seguinte: Pequenas persoas, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, poden cambiar o mundo. E iso é o que somos nós, somos pequenas persoas, facendo cousas pequenas, en lugares pequenos, coa intención de cambiar o mundo. Dámoslle a oportunidade a estas cativas e cativos a acceder a ideas, valores e conceptos novos. Logo eles decidirán por si mesmos o que queren facer e pensar, pero démoslle a oportunidade de coñecer e de escoller. Nós somos unha pequena asociación e traballamos así. Repito, non fomos os primeiros, non somos os únicos, non seremos os últimos. No tempo libre somos moitos. Eu só quero tendervos a man e animarvos a contribuír con estes pequenos cambios na procura de facer da nosa sociedade un mundo mellor. Animádevos. Adiante!

DATOS DE CONTACTO

Facebook: Abofé, Educación e Cultura

INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE   Xornadas Galegas de Actualización de Coñecementos e Intercambio de Experiencias
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar