2017-INAUGURACIÓN


SESIÓN PLENARIA:

PLAN ESTRATÉXICO DE XUVENTUDE

Rocío García, Algalia


DESCRICIÓN

A DXXPV da Xunta de Galicia está elaborando un novo Plan Estratéxico de Xuventude, e para o seu deseño e implementación cóntase coa consultora Algalia.


TRANSCRICIÓN DA PRESENTACIÓN

Ante todo, agradecerlle á Dirección Xeral de Xuventude a oportunidade de podervos comentar hoxe aquí o proceso que estamos desenvolvendo para a elaboración do plan estratéxico de xuventude.

Non me vou entreter moito. Pedíronme que fose breve e procurarei selo. Sei que vides aquí a traballar un decreto. Sei que vides aquí con outra idea na cabeza e cunha liña de traballo moi concreta, pero non queriamos deixar pasar a oportunidade de aproveitar o voso potencial. O voso potencial como mozos e mozas, o voso potencial como persoas que traballades con xuventude e o voso potencial como persoas implicadas nos procesos de participación: once edicións desta actividade e que estades traballando nun decreto normativo novo.

Contareivos brevemente como enfocamos o proceso de elaboración do plan. Imos falar primeiramente das áreas de traballo que ten este plan, contareivos as actividades que levamos feitas e vouvos deixar deberes para a fin de semana, por se non for dabondo con todo o que dixo María que tedes que facer.

Este plan está impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, como responsable de todas as políticas de xuventude que se fan aquí en Galicia. Pero é un plan que ten tres patas de apoio: o impulso que dá a Dirección Xeral, a contribución do resto de departamentos da Xunta -Xuventude é un tema transversal, Xuventude está nas demais consellerías: está en Traballo, está en Educación... daquela é unha parte moi importante o que teñen que dicirnos neses espazos- , e unha terceira pata súper-importante tamén, que é a participación social, tanto das persoas xoves como a dos axentes de xuventude.

Cales son as áreas de traballo do plan estratéxico? As áreas de traballo do plan estratéxico sobre as que temos que enfocar todo o traballo que estamos facendo e que imos facer de aquí a Marzo (que é cando está previsto que se aprobe o novo plan) están marcadas por Lei, están marcadas polo regulamento son Educación, Emprego, Creatividade e espírito emprendedor, Vivenda, Saúde e deporte, Participación e asociacionismo, Voluntariado, Información e formación, Mobilidade e Turismo, Dinamización lingüística e Igualdade. Creo que moitos dos que estades aquí vos vedes perfectamente reflectidos en áreas moi concretas destas, e transversalmente estou segura que vos podedes ver en todas.

Son demasiadas, non é? Nós imos traballar con elas agrupadas. Imos traballar a liña de "autonomía e emancipación", con todo o que ten que ver co emprego, con educación, con vivenda e con formación. E aí entraría todo o mundo da educación non formal ou informal. "Cultura, tempo libre e deporte", e "Valores e cohesión social." Son as tres grandes agrupacións que imos facer sobre estes temas á hora de traballar.

Cales son as fases? En que estamos traballando? Para facer un plan é moi importante ter unha boa fase previa de diagnóstico. Nesta fase investígase como está a realidade da mocidade en Galicia, investígase o que se leva feito, trabállase sobre os plans anteriores e sobre os seus resultados, trabállase sobre informacións recollidas, trabállase sobre cuantitativos e cualitativos... E nesta fase de diagnose é na que estamos neste momento, e por iso estamos aquí, porque queremos saber a vosa opinión, como expertos e como mozos, e como xente que ten unha bagaxe, unha experiencia e tamén unhas expectativas. E aí está o que ides traballar esta fin de semana. Sería moi interesante para nós poder verter todo iso e aliñar o traballo do plan estratéxico co traballo ou liña de traballo que tedes marcada para o decreto. Sería unha maneira de enriquecer ambos documentos e que todo teña un mesmo fin. Se non parece que cadaquén traballamos atomizados e hai moitos esforzos e poucos resultados. A Xunta, a Dirección Xeral, tráenos aquí hoxe un pouco para facervos ver que o que estades facendo á parte do decreto que é moi relevante, tamén ten implicación noutras actividades que está promovendo a Dirección Xeral.

Unha vez que teñamos o diagnóstico, faremos a planificación. Parece que a planificación queda como algo sinxelo, pero é bastante complicado. Logo hai que identificar obxectivos, hai que identificar actividades, hai que identificar retos... aí será unha segunda fase. Neste momento estamos na de diagnóstico. Convídovos a participar nas dúas. Agora vos vou contar as actividades que teredes.

Todo isto está liderado por un equipo motor, dirixido por María Begoña Mosteiro e no que están persoas de diferentes departamentos da Dirección Xeral de Xuventude.

É un proceso que ten estes criterios no deseño, é dicir, non é un proceso no que uns consultores nos imos pechar cunha morea de datos cuantitativos, estudos universitarios e informes de xuventude autonómicos, estatais e europeos e imos quitar de aí cociñado un plan. Se non que queremos que sexa un plan de todos. Para que sexa un plan de todos, ten que ser un plan participado por todos. Tiñamos moi moi claro que tiñamos que escoitar a voz dos mozos e mozas, que tiñamos que escoitar a voz das persoas que traballades con mozos e mozas, formal e informalmente, profesional, dende o ocio e o tempo libre... é unha parte moi importante esta que vós representades do mundo da xuventude e por iso para nós é estupendo poder estar aquí hoxe contándovos isto e poder recibir as vosas contribucións.

Ao final que imos obter? Imos obter unha diagnose de como está a mocidade en Galicia, e imos obter dous plans estratéxicos. Un para a Dirección Xeral, que son os encargados de facer as políticas que teñan que ver con xuventude en Galicia; e outro para os propios mozos, que vai alén do deseño, posta en marcha e execución das políticas. Esta dobre vertente é a que vai globalizar un pouco todo o fenómeno de xuventude, e que sexamos capaces de chegar a todos os mozos e mozas.

Cales son as nosas fases de traballo?

  1. Presentación, socialización e constitución de grupos de traballo. Xa o fixemos en xuño. Agora vos conto. Fixemos unha presentación na que me consta que algúns de vós participastes.

  2. Diagnóstico e elaboración de materiais de traballo. É na que estamos agora. Estamos escoitando a todos cantos queren dicirnos algo. Tamén vos explicarei agora de que xeito.

  3. Logo imos traballar en grupos sectoriais coa contribución dos departamentos da Xunta para elaborar un contraste. Cando fagamos a diagnose, contrataremos as nosas conclusións con persoas especializadas nos diferentes ámbitos que fomos identificando como axentes clave.

  4. Contrastaremos con mozos e mozas. Sen dúbida, e aí probablemente recibades solicitude de axuda, porque vós chegades de primeira man a moitos mozos e mozas, e sodes capaces de difundir: sodes grandes altofalantes da mensaxe aos mozos e mozas que tedes nos vosos grupos formais e informais, etcétera.

  5. Finalmente, contrastaremos o final e faremos o documento entregable.

    Que estamos facendo? Como vos comentei, fixemos unha reunión en xuño na Cidade da Cultura con axentes de xuventude. Nós denominamos "axentes de xuventude" a quen queira que teña que ver con xuventude, como vos dixen antes sexa de maneira profesional ou voluntaria, formal ou informal, constante inconstante, etcétera. Fixemos unha xornada un pouco de motivación, traballamos en colaboración coa fundación ERE. A persoa que vedes aí ao fondo é Chema. A fundación ERE é unha fundación que está no País Vasco, con moita experiencia en procesos participativos de xuventude, e a verdade é que nos está a botar unha man moi interesante. El veu e fixo unha charla moi motivadora. Alí comezamos xa a escoitar á xente. Comezamos a escoitar o discurso común, o discurso que se vía, pero tamén deixamos que as persoas traballasen de maneira individualizada, e comezamos a escoitar a mensaxe de cada unha delas. É un pouco o mesmo que pretendemos facer aquí hoxe. Trouxémosvos unha dinámica para que participedes e gustaríanos atopar as vosas conclusións como grupo, como grupo homoxéneo que se adica ao Tempo Libre, como grupo participativo e implicado, pero tamén nos gustaría identificar cada unha das vosas contribucións persoais.

    Estamos escoitando á mocidade. Non sei se coñecedes a actividade de Enredos, son actividades que se realizan en diferentes espazos de xuventude. Son actividades nas que participan os propios mozos e mozas. Con eles fixemos, a través de talleres, todo moi dinámico obviamente... Preguntámoslles como se ven. Porque como os vemos é máis fácil, pero como se ven eles a si mesmos é moi importante. E tamén lles preguntamos o que esperan deste plan. Que esperan das persoas que están traballando para eles.

    Participamos en Líderes de Futuro. Líderes de Futuro é un programa organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. É un programa de liderado e innovación social no que se potencian as competencias dos propios mozos e mozas. Aí tivemos oportunidade de escoitar de man a man aos líderes do futuro.

    Temos un cuestionario en liña. Un cuestionario no que vós podedes participar: os que sodes mozos como mozos, os que somos adultos tamén temos o noso espazo de participación. Está colgado na páxina da Dirección Xeral. Está dispoñible para que se lle queredes dar difusión entre os mozos e mozas cos que traballades, lla deades. É un cuestionario moi sinxelo, moi concreto, no que volvemos a esas preguntas de como vos vedes, cales son os temas que vos interesa traballar, que credes que é o máis relevante, onde están os vosos puntos de interese. Animámosvos a que o difundades.

    Fixemos tamén varios "world-cafés", en Lugo, A Coruña, Vigo e Ourense. Tamén hai participantes aquí, non sei se saídes nas fotos... Nestes espazos xuntamos diferentes axentes: estivo a Administración, estiveron persoas profesionais, persoas xoves e persoas que se adican a temas de xuventude dende o ocio e o tempo libre. A eles lanzabámoslles tres preguntas: Cal é a situación da xuventude en Galicia neste momento?, Cales son os retos que se lle presentan aos mozos e mozas per se, como xuventude? E que pode facer a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado por eles?

    Finalmente, nesta fase de diagnóstico, como cualitativo directo, estamos entrevistando a dezaoito persoas, neste caso oito mulleres e dez homes. Son persoas con perfís relevantes dentro do mundo xove, do mundo académico, do mundo profesional, do mundo do ocio e tempo libre, diferentes representantes de entidades xuvenís de persoas con discapacidades... Queremos escoitar a todo o mundo, e queremos facelo de maneira directa. Con estas entrevistas incidimos un pouco máis e sacamos uns datos cun pouco máis de profundidade có que sacamos no resto de grupos de traballo.

    E hoxe estamos aquí. E querémosvos escoitar. Sabemos que tedes moito que facer nesta fin de semana. Nós marchamos, agora, en canto acabe esta formación, pero deixámosvos uns carteis aí fóra no corredor. Son Melchor, Gaspar e Baltasar. Melchor encárgase de todos os temas de "autonomía e emancipación". Gaspar, "valores e cohesión social". Baltasar o tema de "cultura, tempo libre e deporte". Vale? Son os Reis Magos. Que se lle fai aos Reis Magos? Pídenselle desexos, non é? Deixámosvos a cada rei mago cun papel embaixo en branco, porque queremos que escribades os vosos desexos. Os vosos desexos para o plan estratéxico de xuventude. Os vosos desexos para mozos e mozas. Os vosos desexos para as persoas que traballades con mocidade. En cada unha destas áreas... Os Reis Magos son os pais... teñen orzamento finito... non poden facer maxia de verdade... vale?... pedide cousas que se poidan facer... pedide cousas realizables e realistas... que non se vos vaia moito a pinza... Deixámosvos aí as normas, para que non vos esquezan. Espero que o enchades con contido que nos poida ser de utilidade. Pedímosvos que o fagades con diferentes cores en función da idade, porque nos serve para sistematizar logo as respostas, sistematizar en táboas -menores de 25, de 25 a 30, e máis de 30, que todos temos moito que dicir-.

    E queda nas vosas mans. Porque eu vou marchar e non vou poder andar detrás vosa na fin de semana para pedirvos que participedes. Pero sodes o mundo da participación, polo que temos moi claro que o ides facer e ídelo facer perfectamente.

    Moitas grazas.


INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE   Xornadas Galegas de Actualización de Coñecementos e Intercambio de Experiencias
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar