2017-INAUGURACIÓN


CONTEXTUALIZACIÓN E BENVIDA

María Mosteiro, DXXPV Xunta de Galicia


DESCRICIÓN

A DXXPV da Xunta de Galicia é a organizadora de INTERACTUANDO, así como a entidade responsable das instalacións de Gandarío, polo que a benvida ás xornadas correspondeu a María Mosteiro, en representación da Dirección Xeral, quen tamén contextualizou o proceso participativo na elaboración do novo decreto de xuventude.


TRANSCRICIÓN DA SESIÓN

Moi boas tardes a todos e a todas.

Na última edición daban a benvida o Conselleiro de Política Social e a Directora Xeral de Xuventude. E nesta ocasión, tócame a min representar á Dirección Xeral de Xuventude, ademais do meu compañeiro Pepe, que tamén anda por aí e, xa que estamos na casa de Eduardo, fai el de anfitrión nestas xornadas.

Douvos a benvida a todos e a todas a unha nova edición do INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE. Undécima edición, despois dun parón de nove anos e logo do impulso e tesón dun reducido grupo de persoas moi implicadas nisto do Tempo Libre, puidemos retomar un espazo de reflexión e debate tan emblemático e tan importante, como fora durante moitos anos o INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE.

Foi tamén decisivo aquel Foro Aberto do Tempo Libre que se celebrou na primavera do 2015, e que deu lugar a que xurdira un grupo grazas ao cal tivemos no mes de Maio do ano pasado aquí a décima edición, e grazas a iso estamos hoxe aquí nunha nova edición do INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE.

Todas as edicións supoño que foron importantes, pero eu creo que esta sen dúbida vai ser unha xornada moi importante no sentido de que, como todos sabedes, esta edición nace co reto de seguir avanzando cara obter certo consenso no que será o borrador de Decreto de desenvolvemento da Lei de Xuventude de Galicia. Quero todos sexamos conscientes da importancia que pode ter o traballo que se leve a cabo durante esta fin de semana. Como ben sabedes, que o vivides todos os días, se saímos de aquí conseguindo que haxa un texto máis ou menos cerrado de norma, estaremos influíndo en ámbitos moi importantes, que á súa vez teñen transcendencia no que é a formación e educación das persoas, e na conformación da sociedade en xeral, como é a formación das persoas educadoras no Tempo Libre, a regulación das actividades de educación no Tempo Libre, as actividades xuvenís, ou as instalacións xuvenís, entre outros temas. E mellor ca ninguén vós sabedes da importancia que poden chegar a ter.

Por iso creo que non podemos menosprezar o traballo que se vai desenvolver aquí, durante toda esta fin de semana, pola significación que pode chegar a ter, aínda que poida que non sexamos conscientes. Porque os informes que despois poidan xurdir na aplicación da norma serán de carácter xurídico, e poden dicir que tal cousa non pode ser porque vai en contradición cunha norma superior, ou que sexa... pero si que determinadas cuestións que sentemos aquí, como pode ser a ratio de persoal técnico que se esixa para as actividades, ou o número de docentes de persoal propio das escolas, etc... Nesas cousas que imos decidir entre todos (os asesores xurídicos da Xunta) non se van meter. Iso depende do criterio que a Administración propoña, como propulsora da norma, e o que estamos facendo é tratar de recoller as achegas de todos.

Anímovos a traballar activamente durante esta fin de semana, e a seguir afondando neste traballo que xa levamos desenvolvendo durante os últimos meses. Logo de convocar unha serie de sesións informativas, por parte da Dirección Xeral, cando empezamos este proceso de elaboración do novo decreto. Non sei todos os que estades aquí asististes a algunha das xuntanzas que convocamos, algúns xa sei que si, porque estivemos xuntos, tanto nalgunha sesión como no Foro que tivemos no mes de maio en Santiago de Compostela, que deu lugar a un seguinte paso neste proceso de participación impulsado dende a Dirección Xeral, e que se estaba tamén traballando dende outros ámbitos, como despois nos vai contar aquí Breogán, de Somos Tempo Libre, que tamén estiveron traballando paralelamente neste proceso de elaboración da norma. E así fomos dando lugar a distintos borradores de decreto ata que chegamos a esa sesión que tivemos o pasado 17 de Outubro na EGAP. Non sei se estivestes alí, algúns xa sei que si. E na que saímos todos... foi un pouco desalentadora, cando menos para min... Saín de alí coa sensación de que non se tiña avanzado nada no decreto... despois, paras a reflexionar, e non é verdade que non se avanzase nada. O borrador de decreto tal e como o temos agora está claro que enriquece moitísimo e en moitos aspectos a tan nomeado decreto 50/2000. E se ben quedou de manifesto nesa sesión que si que hai puntos que teñen que seguir sendo obxecto de debate e reflexión, pero precisamente para iso imos estar aquí durante toda a fin de semana continuando, reflexionando e debatendo de cara a mellorar a redacción deses artigos que vimos que aínda están verdes.

Pola miña parte, nada máis que darvos a benvida e invitarvos a participar activamente durante este labor, sabendo que é unha laboura que temos que facer entre todos de maneira construtiva e traballando de maneira plural e con visión de futuro. A norma que entre todos saquemos adiante vai permanecer vixente durante moitos anos. Proba diso é o decreto 50/2000, tan nomeado, que agora estamos vendo como vai ser pasado.

Hai moito aínda que avanzar, e para iso estamos aquí hoxe todos e imos estar durante esta fin de semana traballando para seguir pechando ese borrador de decreto.

INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE   Xornadas Galegas de Actualización de Coñecementos e Intercambio de Experiencias
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar