2017-INAUGURACIÓN


SESIÓN PLENARIA:

DE PEGASO A SOMOS TEMPO LIBRE

Breogán Lourido, Somos Tempo Libre


DESCRICIÓN

Na X edición de INTERACTUANDO xurdiu a idea de crear un colectivo que puidera constituírse na voz do Tempo Libre en Galicia. No panel de experiencias pódese consultar en detalle como foi a evolución desa semente ata o que hoxe en día é Somos Tempo Libre.


TRANSCRICIÓN DA INTERVENCIÓN

Antes que nada quería dar as grazas á Administración ou a quen foi que decidiu que Somos Tempo Libre estivese hoxe aquí. Sobre todo por dar a oportunidade de dicirvos quen somos. E para dicirvos quen somos a min gustaríame utilizar unha frase de Castelao. El cando intentou definir que era iso da identidade que sentiamos os galegos e as galegas dixo algo así como que "nacía no instinto popular e das entrañas do chan". E el referíase con iso un pouco a por que nós sentíamos algo máis diferente cando escoitabamos ao mellor falar do verde dunha carballeira ou do azul do mar.

E cal é o símil disto co Somos Tempo Libre? Pois efectivamente ese porqué, que non estaba claro que dicía Castelao... tampouco está moi claro no que sinte a xente que formamos parte -ou que formaredes parte- do Somos Tempo Libre. A nós tamén nos ven da xente, da terra, ese sentido do Tempo Libre desde un punto de vista, sobre todo, educativo. Hai unha frase de Mandela que di que a educación é a ferramenta máis importante para cambiar o mundo, e nós estamos convencidos diso, de que o Tempo Libre, en concreto, é unha das ferramentas máis importantes que podemos empregar para construír un mundo e unha sociedade mellores. E ese é o noso obxectivo primordial.

A idea de Somos Tempo Libre, como se dixo antes, xurdiu o ano pasado, nesas xornadas de maio, cando á vez que pensabamos que era necesario tomar mobilización polo decreto famoso 50/2000, porque se pensaba que ao mellor había que actualizar tamén ou crear novos programas para xuventude, pois tamén saíu que sería importante crear un colectivo que puxese en valor o Tempo Libre en tódolos seus ámbitos. E ese é o noso interese: construír e colaborar para que o Tempo Libre colla valor.

Queríalles dicir, tamén á Administración e a todos os que estades diante, que aí é onde imos atopar sempre aos Somos Tempo Libre, no mesmo lugar. Nós pescudaremos esta posta en valor. E da mesma maneira que aplaudimos sempre os procesos para actualizar o 50/2000 ou para o plan estratéxico e que sexan participativos, estaremos no mesmo lugar para dicir tamén que teñamos un pouco en conta e un pouco de coidado cando facemos o que imos decidir. Como dicía antes Rocío, que debemos ter en conta que os Reis ao final son as mamás e os papás, pois tamén teñamos en conta que o que imos decidir neste 50/2000 e nese plan estratéxico. Da mesma maneira que aplaudimos os procesos participativos, Somos Tempo Libre tamén di que temos que ter en conta, por exemplo, a entrada de intereses económicos ou o ensino a distancia dentro da formación do Tempo Libre, e exactamente imos estar no mesmo lugar.

Gustaríame, de parte do colectivo, ofrecer a nosa colaboración en todas aquelas cousas que en pensedes que nós podemos axudar. Sexa no 50/2000, no que imos traballar un cachiño algúns ou algunhas das que estamos hoxe aquí, ou como se queremos achegas para a Campaña de Verán, como se queremos saber como é a situación doutras comunidades autónomas -tamén revisamos un pouquiño iso,para despois facer as achegas ao decreto-. Nós ofrecemos toda a nosa colaboración para iso.

E a quen representa Somos Tempo Libre, ou a quen quere representar? Quere representar a todas as monitoras e os monitores, a todos os educadores. E itso tamén é de agradecer: por fin, o novo decreto fala de "educadores no tempo libre". Estamos moi contentos e moi contentas porque se teña esa percepción. Pois todos eses monitores e monitoras que traballan, ao mellor en actividades moi distintas aos campamentos, como poden ser os acompañantes dos buses escolares, a xene participativamene en asociacións, en centros cívicos e xuvenís, aos monitores e monitoras de actividades extraescolares, ao monitorado -moi importante, sobre todo aquí en Gandarío que se fai todos os anos ese campamento para as persoas con diversidade funcional- pois a todos eses, a todas esas persoas queremos nós representar. Queremos representar tamén, estariamos moi contentos de representar ou de que formasen parte de Somos Tempo Libre, Escolas de Tempo Libre sen ánimo de lucro e que proporcionasen unha formación axeitada a nivel global, que contribúan á posta en valor e á mellora do sector. Igual que a empresas que desenvolvan actividades e proxectos comprometidos coa educación, co medio ambiente, etcétera, e que ás súas traballadoras e os seus traballadores os poñan en valor, e os teñan nunhas condicións como debe ser debido. E ademais diso, ademais de representar a toda esa xente, por suposto gustaríanos colaborar, cooperar, participar, defender e apoiar a unha Administración que mire pola realidade das súas traballadoras e financie, realice e regule proxectos, garantindo a idoneidade de cada un deles e a súa correcta realización. Esa Administración tamén que sexa consciente da oportunidade que lles ofrece dende un punto de vista educativo, de transmisión de valores, cultura ou tradición, de respecto e coidado á natureza, de intervención social ou de coñecemento.

Buscamos unha visión educativa do Tempo Libre como complemento á educación formal. Nós cremos realmente que podemos chegar a situacións ou a casos nos que a escola ordinaria non é capaz de chegar. Moitas das actividades do Tempo Libre son por exemplo o contacto coa natureza, e o contacto coa natureza axuda a que un neno ou unha nena respecte e coide o medio ambiente ou o seu patrimonio cultural. En moitas destas actividades coas persoas é o lugar ideal para desenvolver as habilidades sociais, que moitas veces por todas estas historias das novas tecnoloxías e todas estas cousas, pois estánse perdendo. A posibilidade dunha convivencia, como son os campamentos de verán, é creo que o lugar máis marabilloso para quitar os prexuízos, quitar a discriminación, e que os nenos e as nenas que dentro de pouco serán as persoas que teñan que cambiar o mundo e a sociedade pois vivan outra maneira de facer as cousas.

Buscamos proxectos de Tempo Libre que leven da man unha verdadeira intervención educativa: estudar, traballar e consensuar.

Vou rematando e queríavos dicir para finalizar que, en definitiva, Somos Tempo Libre reúne a persoas que, pola chegada moitas veces dos períodos estivais, pois esta é unha profesión na que é difícil adicarse a ela todo o ano. Só hai unhas poucas afortunadas que son capaces de facelo, e tamén creo que ese é un dos obxectivos que debemos buscar aquí: maneiras de como conseguir que o Tempo Libre non sexa un traballo estacional. Pois todas esas persoas temos un ideal común que nos atrapou, no momento en que o vivimos, seguramente, e somos conscientes de que ao mellor non temos un horario definido ou un salario demasiado elevado, pero todas as que estamos aquí e todas as que vos convido a participar, convivimos con esa idea, sobre todo educativa, do Tempo Libre.

Desa idea educativa, gustaríame para pechar dicir que en todas esas cousas que fagamos durante a fin de semana, nos faladoiros das instalacións xuvenís ou da formación ou do outro -non me acorda agora exactamente cal era- que teñamos en conta esa visión educativa do Tempo Libre. Dicir que mañá, por sorte, no panel de experiencias, deixamos un cachiño para presentar un pouco máis como sería a nosa organización, o noso funcionamento e que aquí poden xurdir dúbidas en xeral e comentalas, que aproveitedes para facelo... O outro día dicíalle a unha compañeira, non é cuestión de que vós veñades onda nós, non, nós queremos ir onda vós, porque Somos Tempo Libre será máis importante canta máis xente teña na súa base.

Outra vez, dar as grazas, de verdade, por deixarme falar hoxe. E desexo que saia destes dous días un decreto o máis pechado e o mellor posible, que contribuamos da mesma maneira ao plan estratéxico para os anos 2018 ó 2020. E seguiremos adiante. Moitas grazas.

INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE   Xornadas Galegas de Actualización de Coñecementos e Intercambio de Experiencias
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar