2016-INAUGURACIÓN-TRANSCRICIÓN BELÉN


Alégrame moito que Brais falase antes ca min, porque axuda moito a debuxar o escenario no que xurdiron estas xornadas, que é o que se me encargou. A verdade é que estou moi emocionada de estar aquí, facía moitos anos que non volvía a Gandarío. E agora vos explico por que xurdiron, como foi a evolución, que elementos me parece que son importantes e que estaban dende un inicio e que agora se retoman.

Eu quería agradecer ás persoas que organizaron estas xornadas e á Dirección Xeral de Xuventude, pois que me invitasen a formar parte desta mesa e ter o privilexio de compartir este espazo e este tempo convosco. Preparei unha cousiña moi pequena, e despois unha sorpresa que vos ensinarei.

A min pásame como a Brais, non falo en nome propio. Cando preparei esta presentación, estiven revisando moita documentación que tiña na casa, e pensei qe non podía firmar soa esta ponencia, e quería visibilizar nesta diapositiva o nome doutras dúas persoas, que non están hoxe aquí, pero que están dalgunha maneira.

Unha é Mita. Mita Álvarez del Ron foi unha técnica de xuventude, que está agora xubilada e que por motivos de saúde non pode estar hoxe connosco. Foi a persoa que desde a orixe desta iniciativa estivo alentando, animando, comprometida.... -estou vendo moita xente acenar que si- foi unha persoa clave para que INTERACTUANDO puidese nacer.

E a outra persoa é Esther, Esther Olveira, que é compañeira miña na faculdade. Eu son profesora da faculdade de Educación, na Universidade de Santiago, e ela tamén. Naquel entón estabamos empezando o noso camiño na universidade, no ano 96 foron as primeiras xornadas de INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE. Naquela altura Esther e mais eu colaborábamos cunha Escola de Tempo Libre en temas de formación de monitores e directores, por iso coñecemos a Mira.

Falando, xusto neste escenario que falaba Brais, empezamos a comentar que o Tempo Libre medrara, que había xa moitas Escolas, que había movemento asociativo moi interesante, que había xa moitos municipios desenvolvendo políticas culturais, de xuventude, educativas moi interesantes, e empezaban a xurdir pequenas empresas traballando moitas delas en clave educativa... e botabamos en falta un espazo no que poder coincidir, no que poder xerar un lugar de encontro que permitise empezar a traballar en rede. INTERACTUANDO naceu así, por iso poño Historia dunha iniciativa colectiva, non colectiva de nós as tres -que estivemos xuntas nas seis primeiras edicións, e despois tamén vos direi por que nos fomos retirando- tamén colectiva de todas, todas, cada unha das persoas que desde a primeira edición ata a última viñeron aquí con vontade de compartir, de crear un bo clima de traballo, de poñer enriba da mesa o que sabían, o que coñecían, e ese foi un pouco o caldo de cultivo...

(comezan as diapositivas)

Cando eu pensaba en INTERACTUANDO, intentei recoller as claves que manexabamos.

O primeiro que as identifica -e aparece nos rótulo que se segue conservando- é que son unhas "xornadas galegas". Houbo unha edición, que foi a segunda -como a primeira saíu moi ben, na segunda quíxose ser moi ambicioso e abríronse a nivel estatal, houbo colaboración do INJUVE, pero vimos que se desvirtuaba un pouco a esencia do que nós queriamos. E a partir de aí foron sempre "xornadas galegas". Buscabamos un espazo que a nivel autonómico permitise unha articulación, e un espazo de encontro de convivencia e de iniciativas máis contextualizadas no marco da comunidade autónoma na que nós vivimos.

Naceron dende a súa orixe como "xornadas para actualizar coñecementos". E unha "actualización de coñecementos" que viña por dúas vías. Por un lado porque procurabamos contar con xente que ou investigaba, ou que tiña un coñecemento máis reflexionado ou sistematizado sobre esta realidade. Pero tamén tiñamos moi claro que o coñecemento se construía nas relacións horizontais entre as persoas que estabamos aquí.

Sempre esa idea de "intercambio de experiencias" de poñer cousas en común, de poñer en valor o que cada un podía aportar... estivo aí latexando sempre.

Desde un inicio queriamos que fose un "foro estable". Parecíanos que tódolos procesos educativos necesitan tempo para poder dar resultados. Non se poden medir os resultados de algo cando é puntual. Necesitamos un percorrido, que nos permita ir madurando, e eu creo que chegou o momento que esperabamos INTERACTUANDO: sabíamos que ía ser para o ano seguinte. Cando marrchabamos do INTERACTUANDO marchabamos de aquí cunha serie de compromisos para desenvolver ao longo dese ano. Cada un no espazo de traballo, ou de voluntariado ou asociativo no que estivese. Esa estabilidade permitiu ir creando tamén unha linguaxe común, e unha ilusión, e unha expectativa, e un non sentirte só no traballo que se desenvolvía ao longo do ano.

E tiñamos moi claro que tiña que ser un foro para empezar a "traballar en rede". Esa foi tamén unha clave dende o inicio. Como vos comentaba Brais e como iniciaba eu esta intervención, intentando facer confluír aquí a técnicos que traballaban no ámbito municipal, a persoas que traballaban nos movementos asociativos de base, persoas que procedían do mundo da empresa, persoas que procedían do mundo da formación, en escolas de tempo libre, en títulos de FP, na universidade... era un Foro no que nos podiamos encontrar, comentar e intercambiar.

E aquí ven unha idea moi importante, e por iso estou moi contenta de que isto se retome. Esa idea de "autoxestión". Cando Mita, Esther e máis eu empezabamos a falar da posibilidade deste Foro, e llo presentamos ao por aquel entón responsable da DXX e lle pareceu boa idea... -fixádevos que está aí a décima edición! Estamos falando de que responsables políticos moi diversos apostaron e fixeron posible, cedéronnos o espazo e deron apoio económico para que isto se puidese desenvolver- nós tiñamos claro que isto tería éxito na medida en que Mita, Esther e mais eu nos fósemos retirando e a xente que participaba e facía que o Foro existise puidesen asumir a xestión do propio Foro. Por iso estou tan contenta de que o ano pasado vos reunirades sen Mita, sen Esther e sen min, e xente que participaba daquela e que tivo unha implicación moi activa en moitas edicións de interactuando asumise o desafío de volver a poñer isto en marcha. Realmente é unha felicidade.

E a última palabra que vos quería poñer era "Gandarío". Porque é un espazo de referencia. Realmente acercarse aquí.... e eu revisando un montón de material que vos estou comentando... só me viñan sentimentos e recordos positivos do tempo aquí compartido... das experiencias que tivemos... Gandarío é un referente importante, para a construción deste foro de encontro.

Como vos dicía, hai vinte anos que comezamos con INTERACTUANDO. A primeira edición foi no ano 1996. O que buscabamos era isto: viamos que había necesidade dun espazo de encontro, buscabamos unha plataforma que nos permitise traballar en rede, impulsar proxectos compartidos,, e tiñamos tamén unha idea de fondo que antes non vos comentara, e que era un "tomarlle o pulso á realidade". Unha especie de diagnóstico ao ver que estaba sucedendo, e sobre todo facer unha diagnose compartida que nos permitise fixarnos un horizonte. É dicir, buscarlle un sentido ao que estabamos facendo, unha intencionalidade e saber que estabamos camiñando cara algo que nos parecía máis interesante có que tiñamos no presente.

De feito, eu recollín os obxectivos que aparecían no programa desa edición de hai vinte anos. E se os conrastades coa edición actual vedes que son moi similares en moitas cuestións: crear un ambiente de intercambio, promover o diálogo entre diferentes sectores implicados neste tema, favorecer a interacción entre as persoas que se dedican a formación e os que están máis na práctica profesional ou no movemento asociativo, favorecer novas lecturas en torno ao tempo libre...

Eran unhas xornadas, que nesas seis primeiras edicións -pero que se foi mantendo ao longo do tempo cando se empezaron a organizar doutra forma- que tiñan unha estrutura que nos axudaba a traballar cunha continuidade.

Había unha "ponencia marco". Eu sempre recordo a primeira conferencia da primeira edición, que foi a cargo de Toni Puig, que naquel momento era o director da axencia municipal para as asociacións no concello de Barcelona. Era un referente, era un señor xa maior. Un señor moi chamativo na súa maneira, na súa presenza. Con gafas moi gordas, vestido de colores, cunha garavata de lunares, unha chaqueta que non lle pegaba nada, igual cá garavata. Era un señor moi particular. Moi bo comunicador. E eu creo qe marcou tamén un listón moi alto, como unhas expectativas interesantes.

Había esa "ponencia marco" que é un pouco o que estamos facendo agora aquí. Un espazo no que situabamos o tema, nos encontrabamos en grupo grande, e despois distribuiámonos en seminarios, que abordaban diferentes temáticas ou realidades que nos interesaba compartir. Eses "seminarios" empezamos a chamalos -creo que foi sobre a terceira edición- empezamos a chamalos "faladoiros", porque empezamos a ver que era máis interesante xerar un espazo no que o coordinador dese seminario creara coñecemento e creara un clima para intercambiar esas experiencias que que chegase alguén a contar ou a transmitir algo como máis pechado. Os "faladoiros" tiñan un pouco ese sentido de "isto construímolo entre tod@s", a túa participación é activa, non é só estar escoitando.

Tiñamos un espazo de micrófono aberto, que era un tempo no que nos situabamos outra vez aquí todos xuntos, e se presentaban ou ben comunicacións -que diferentes persoas ou grupos de persoas enviaran previamente- ou ben de forma espontánea, a medida que se ía falando xurdía "oes, pois na miña asociación estamos facendo tal cousa", ou "con esta metodoloxía estanos indo moi ben". Era un espazo como máis flexible...

E tiñamos un momento de conclusións, que ía moi vinculado a iso que vos comentaba antes de tomar decisións, de entender que a conclusión tiña que ser algo que nos comprometía a traballar durante este curso para volver a vernos o ano seguinte e poder.... E era un foro aberto, había un grupo de xente que era estable, moi apaixonado por esta iniciativa, pero sempre se incorporaba xente nova, e sempre había un certo fluxo de persoas, e iso era moi rico...

Despois, por suposto, transversalmente coidábase moito o tema da experiencia lúdica, de ter momentos. Intentábase que todo fose desfrutando, pasándoo ben, etcétera.

De todas estas xornadas faciamos unha avaliación que nos axudaba moito a sistematizar o que pasaba aí e ademais a poder programar o que se facía ao ano seguinte.

Estas son as portadas escaneadas dos libros de actas que e tiña pola casa. Neles recóllese moita documentación en relación co que foron eses foros, co que alí se presentou, e as ideas que foron xurdindo. E entre outros temas, e veredes que enlaza con algunhas cousas que dicía Brais, traballamos algúns como estes: "ocio e axentes sociais", o papel do movemento asociativo, xestión asociativa e ocio, políticas municipais en temas de ocio, empresas educativas en temas de tempo libre... Temas de formación. Formación de voluntariado, formación a nivel de profesionalización, o papel das Escolas de Tempo Libre -ese foi tamén un tema que nos ocupou en varias das edicións-.

"Ocio e realidades sociais", aquí eu quería referirme por exemplo ao tema da exclusión social -como se relaciona, que papel ten o tempo libre e ocio aí-, ao tema da diversidade funcional, ao tema da interculturalidade...

"Equipamentos e políticas de xuventude", temos traballado temas de casas da xuventude, políticas xuvenís...

Outro tema que non sabía moi ben como poñerlle, ao final púxenlle "tipoloxías de ocio" . Refírome un pouco -daquela xa se vía vir- ao tema de ocio dixital, temas de ocio na natureza, temas de ocio comunitario... foron aspectos que tamén ocuparon o seu lugar.

Despois cuestións relacionadas con "programas" específicos, por exemplo campamentos urbáns, programas europeos, campos de traballo é dicir, iniciativas vinculadas ao ámbito xuvenil e que están aí.

A sorpresa que vos tiña é que desas primeiras xornadas se fixo un vídeo que resumía un pouco... -estaba un VHS, pero conseguín que unha persoa investise moito tempo en pasalo a DVD- e quería compartir con vós soamente un par de minutos -despois pecharei a miña intervención con algunha cousa-. Seguro que algún dos que estades na sala coñecedes ou recoñeceredes a algunhas persoas que aparecen aí.

A parte final do vídeo referíase ás conclusións, e está construída coa intervención (dos participantes)

(vídeo)

A min paréceme que neste tempo cambiaron algunhas cousas. Nestes vinte anos, por un lado cambiou moito o tema da aceleración dos tempos sociais, cada vez vivimos máis apresurados, con menos tempo para participar, para pararnos, para pensar, e esa aceleración vese tanto nos adultos como na infancia. Eu lin hai un pouco un libro dunha profesora portuguesa, que se chama Maria José Araujo e ela comentaba "tempo libre: sen tempo e sen liberdade" e creo que reflexa bastante ben a problemática do tempo libre para moitas persoas neste momento.

Creo que tamén se cambiou a nivel de investigación ou de traballo teórico. Agora xa non se fala tanto de Educación no Tempo Libre senón de Educación do Ocio, entendendo que o "Tempo Libre" é un espazo no que podemos desenvolver iniciativas de todo tipo, pero "Ocio" conleva unha experiencia persoal, intencionada, complexa, satisfactoria, que ten qe ver coa nosa autonomía, coa nosa liberdade.

Creo que tamén se avanzou na profesionalización neste sector: clarificáronse os perfís profesionais, pero penso que aínda falta certo engarce entre uns niveis e outros.

E por último, creo que se acelerou e se acentuou a crise do movemento asociativo, as dificultades para encontrar relevo xeracional nas asociacións... Pero é verdade que foron eclosionando tamén outras formas, non? : movementos informais, colectivos, que tamén se están implicando na vida social e en temas de Tempo Libre.

Que permanece? Pois eu creo que permanece a necesidade de ter un espazo de encontro entre os diferentes sectores que conviven, ou que convivimos, neste ámbito; a necesidade de paranos a pensar, a compartir o que facemos e o que sabemos, e a pensar e consensuar os horizontes. Por iso me parece que INTERACTUANDO segue sendo necesario e por iso me alegra tanto que se recuperase.

INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE   Xornadas Galegas de Actualización de Coñecementos e Intercambio de Experiencias
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar