FALADOIRO 2016: "FORMACIÓN NO TEMPO LIBRE"

FICHA INFORME FINAL DO GRUPO DE TRABALLO "FORMACIÓN NO TEMPO LIBRE"

FACILITADOR: Iván García García

PRESENTACIÓN

As persoas participantes neste grupo de traballo decidimos vestir a bata de médicos/as especialistas en formación no ámbito do tempo libre, e tratamos de ver cómo está a paciente?, que lle doe?, cal é o diagnóstico?, que hai que darlle?, e cal é a receita para que mellore?; polo tanto, tiñamos un labor común, uns obxectivos finais (Expresar percepcións individuais e grupais sobre o estado da formación. Crear un espazo de reflexión sobre os cambios que se achegan condicionados pola aparición dos certificados de profesionalidade do ámbito. Consensuar criterios de calidade na formación. Xerar análise, "crítica" e "propostas" en torno á temática da formación; para logo comunicalos nas conclusións ao grande grupo).

Fixemos dunha sala de Gandarío a nosa "consulta" particular, onde desenvolvemos un proceso clínico en 3 fases: coñecéndonos, diagnosticando e receitando; empregando para iso 7 técnicas. O paciente (a formación) estaba citado e acudiu ás consultas: o venres 6 de maio de 19:00 a 20:30 h., o sábado 7 de maio de 9:30 a 11:30, de 12:00 a 14:00 e de 19:00 a 20:30 h., e finalmente o domingo 8 de maio de 10:00 a 11:30 h.

Como bos especialistas, trouxemos o noso "maletín" cargado de recursos para favorecer a tarefa a realizar (as experiencias vividas, os coñecementos e capacidades de cada un, información ... etc).

Foi un proceso en grupo, no que participamos todas e todos.


PROCESO DO SEMINARIO

En base a dinámicas de grupo adaptadas ás temáticas, traballamos os temas propostos. Coa axuda destas técnicas de xeración de ideas extraéronse informacións e reflexións do propio grupo.

Así mesmo antes de iniciar cada sesión realizamos unha pequena actividade de distensión á que bautizamos como "espabílate" dinamizando cada unha delas un/unha membro distinto do grupo.

As conclusións do traballo grupal desenvolvido así como as aportacións de cada participante recóllense e aparecen reflectidas a continuación da explicación de cada técnica empregada, baixo a epígrafe de "Toma nota".


PRIMEIRA CONSULTA

1. Mapa galego:

Sirve para: coñecerse e coñecela realidade a través do grupo. Tamén para emitir opinións e contrastar realidades.

Descrición: o grupo colocouse na aula como se esta fose o mapa de Galicia, segundo o lugar onde vive habitualmente (ou desenvolve a súa actividade) e a súa percepción do espazo, posteriormente comentamos diferentes cuestións: o nome, o lugar de onde somos, se pertencemos a algunha entidade, se impartimos formación e cal ou cales, e se ao longo da nosa vida algunha acción formativa marcounos especialmente. Rematouse a actividade cunhas valoracións xerais.

Toma nota:

Lugares dos participantes: A Pontes, Portonovo, A Coruña, Riveira, Lalín, Meis, Narón, Cambre, Barbadás, Culleredo, Vigo, Pontevedra e Vedra. (en total 13 participantes)

Entidades: membros das escolas de tempo libre: Illas Atlánticas, Xaruma, Néboa, Aloumiña...

Experiencias formativas: 8 persoas contaban con experiencia impartindo formación, sobre todo cursos de monitorado de tempo libre.

Acción formativa que os marcou: para a gran maioría o curso de monitorado de tempo libre, tamén saíu algún curso de especialización do ámbito...


2. A equipaxe:

Sirve para: analizar expectativas.

Descrición: nun primeiro momento cada membro do grupo de forma individual reflexionou: por qué estaba alí, a que veu?, en que estado de ánimo se atopaba?, que agardaba deses días?, que estaba disposto a aportar ao grupo coas súas ideas e experiencias?... A continuación eliximos entre diferentes equipaxes: mochila (para os/as máis aventureiros/as), maleta pequena de fin de semana (para as persoas prácticas) e maleta grande (para as persoas que lle gusta viaxar cunha equipaxe grande...). Logo por un lado do debuxo puxemos que traíamos na nosa equipaxe, e polo outro, que queriamos levar de volta. Rematouse a actividade cunhas valoracións xerais. Tódalas equipaxes foron a unha consigna ata o último día. Esta ferramenta axudounos a avaliar o proceso; "lévome todo o que quería?, compartín e puxen en práctica todo o que traía?"...

Toma nota:

Que traían: experiencias, actitude positiva, gañas de aprender, ilusión e gañas,o que son, paixón, sorrisos, oídos abertos, sinceridade, alegría, ...

Que querían levar: novas metas e retos, outros puntos de vista, amizades, ideas novas, consellos, formación-información, momentos, contactos, novas ferramentas de traballo...


3. Para falar todas/os do mesmo: educación non formal

Sirve para: reflexionar as características fundamentais da educación non formal.

Descrición: cada membro do grupo de forma individual e en post-it aportou as características que ten a educación non formal en relación a: obxectivos, metodoloxía, axentes e espazos. Logo en pequenos grupos e partindo das achegas individuais concretamos e plasmamos nun mural as características de cada un destes elementos. Presentouse, debateuse e valorouse en xeral.

Toma nota:EDUCACIÓN NON FORMAL

OBXECTIVOS:

Fomentar unha aprendizaxe transformadora baseada na educación en valores e na adquisición de habilidades persoais que cubra as carencias da educación formal para crear cidadáns activos na comunidade e novos espazos de convivencia.

METODOLOXÍA:

Cooperativa, dinámica, participativa, activa, integral.

Actividades educativas que implican aprendizaxe experiencial e obxectivos deseñados á medida e necesidades dos participantes.

AXENTES:

Formación: con formación especializada e experiencia.

Rol: traballo en equipo, facilitador/a- animador/a, guía, transmitir coñecementos, motivador/a.

O ideal sería o/a que cumpra o rol e o complemente coa formación.

ESPAZOS:

O ideal do espazo de intervención é que debe adaptarse aos obxectivos, métodos e persoas.

Deben cumprir unhas condicións básicas de seguridade e accesibilidade.

O espazo poténciase cos participantes.

Pode ser calquera espazo deseñado ao efecto.


SEGUNDA CONSULTA

1. Diagnóstico da formación 1:

Sirve para: coñecer e analizar, a visión do grupo sobre as fortalezas e os puntos débiles do estado da formación.

Descrición: traballamos sobre "un mural", con dous espazos sobre os que os participantes proxectaron a súa visión persoal da realidade: un espazo recolleu as fortalezas, o que temos de bo!, e outro o que nos desespera! as debilidades. Logo observamos o resultado e rematamos cun coloquio de grupo.

Toma nota:

QUE TEMOS DE BO!

  • A educación non formal xa non sona tanto a estraño...fálase dela habitualmente.

  • Interactuando.

  • Perfís de formadores/as moi completos/as.

  • Escolas con ideas e propostas innovadoras.

  • Formación complementaria.

  • Moita variedade de escolas de tempo libre.

  • Porcentaxe alta de monitores/as vocacionais.

  • Facilidades por parte dos técnicos/as da Xunta.

  • Punto de inicio para dar o salto á formación formal neste eido.

  • Moito interese e demanda.

  • Formadores/as que transmiten o espírito e a esencia.

  • Escolas de tempo libre que desenvolven outras iniciativas a maiores da formación.

QUE NOS DESESPERA!

  • Certificados de profesionalidade, que pasa con isto?

  • Falta de cursos de especialistas con titulacións homologadas.

  • Como estamos de calidade?

  • Proxectos pedagóxicos, onde están?

  • Decreto 50/2000, desfasadísimo! ...e contidos formativos tamén!

  • Contidos estancados.

  • Exceso de oferta de cursos de monitorado de tempo libre. Saen como churros!

  • Ver a formación só como un negocio.

  • Moitas formacións non definidas.

  • Carencia de espazos de formación continua.

  • Competencia relativa dos formadores/as. Hai de todo!

  • Poucas horas de formación para un curso como é o de monitorado de tempo libre.

  • Escasa formación especializada dende as escolas.

  • Xerar accións formativas para MONITORADO con maiúsculas.



2. Diagnóstico da formación 2: Informativos T.L.

Sirve para: reflexionar sobre a situación actual e sobre os condicionantes-cambios que acompañan a aparición dos certificados de profesionalidade.

Descrición: na sala onde estaba a zona expositiva creamos unha "feira da información" con moitas preguntas e respostas. Esta información dividíase en 4 espazos: estruturas formativas, lexislación, persoas tituladas e non tituladas e escolas e entidades. Creamos 4 equipos de investigación, cada un deles dedicado a un espazo, co reto de realizar un programa de televisión para "Informativos T.L.", que foron gravados e están colgados en youtube. Durante o proceso da actividade tiveron que analizar información, crear un titular, preparar un programa e a posta en escena... Logo observamos o resultado e rematamos cun coloquio de grupo.

Toma nota:

Na "feira da información" había documentación relativa a:

  • Estruturas formativas: sobre os cursos de monitor/a e director/a de actividades de tempo libre, e sobre os novos certificados de profesionalidade: dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil e de dirección e coordinación de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil. Con información sobre as competencias, os plans ( nº de horas), os módulos formativos ... de cada curso ...

  • Lexislación: Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 50/2000, o propio Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro...

  • Persoas tituladas e non tituladas: dando resposta ás preguntas: que cambia?, se xa estás titulado/a, en que afecta?, se teño que homologar ou convalidar o título?, coas novas titulacións o ámbito de actuación é o mesmo?...

  • Escolas e entidades: dando resposta ás preguntas: as escolas poden seguir impartindo cursos de monitores/as, directores/as... de actividades de tempo libre?, que cambios teñen que facer as escolas para dar cursos con certificados de profesionalidade?, como lle afecta ás escolas estes novos títulos?...


3. Diagnóstico da formación 3: o armario da formación de calidade

Sirve para: analizar criterios da calidade da formación. Unificándoos para unha proposta estruturada.

Descrición: tratouse de comparar en pequenos grupos a situación da calidade da formación cun armario desorganizado que tiñamos que ordenar, identificando a súa estrutura e forma de abordar os seus diferentes elementos-criterios.

Toma nota:

A reflexión, o debate e a creatividade marcou esta dinámica.

Cabe indicar que entre os criterios de calidade da formación no tempo libre destacaron: análise de necesidades e obxectivos formativos, contidos da formación, principios metodolóxicos, utilización que se fai do método, avaliación da formación, planificación e organización da formación, avaliación do impacto da formación, organización das entidades formativas, os-as formadores/as, recursos materiais e didácticos, formación-investigación...


Todos estes elementos en función do grao de importancia que lle aplicou cada grupo foron representados en caixóns pequenos ou grandes, en perchas, en espazos abertos, en estanterías, en espellos e bisagras, en caixas no alto do armario...

TERCEIRA CONSULTA

1. A receita

Sirve para: elaborar alternativas e propoñer elementos de cambio ante a situación da formación no tempo libre.

Descrición: construímos en grupo unha visión da realidade da formación tal como a desexariamos, sen considerar as dificultades inmediatas. Primeiro pensamos individualmente en medos e esperanzas da situación da formación e transmitímosllos ao grupo. A continuación escribimos cada un nun mural tres desexos-propostas de solución (posibles e realistas) graduándoas e ordenándoas segundo un itinerario de realización. Finalmente observamos o resultado e rematamos cun coloquio de grupo.

Toma nota:

PROPOSTAS (un itinerario)

  1. Visibilizar iniciativas de unión e cooperación do sector como interactuando no tempo libre, que represente a tódolos axentes

  2. Reunión das escolas de tempo libre de cara a formalizar un grupo de "lobby" efectivo (Ex. a asociación galega de escolas de tempo libre xa en proceso)

  3. Diagnóstico da actual situación da formación do tempo libre en Galicia, con tódolos axentes implicados

  4. Compromiso político, polo cal só as escolas de tempo libre serán homologadas para impartir os certificados de profesionalidade que afectan ao ámbito

  5. Con este logro, desenvolver un período de acreditación dobre, no que convivan os títulos actuais de monitores/as-directores/as cos dos certificados de profesionalidade: dinamización de actividades de tempo libre educativa infantil e xuvenil e dirección e coordinación de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil

  6. Adaptación curricular aos tempos (cambios coas TICs, achegamento a máis colectivos de intervención: persoas maiores e adultas...

  7. Adaptación lexislativa aos tempos; revisión do articulado.

  8. Libro Branco do ámbito.

  9. Manual formativo.

  10. Código deontolóxico.

  11. Reflexión; estes cambios que veñen, son unha oportunidade para mellorar os "estándares" de calidade nas formacións.

PRESENTACIÓN DE CONCLUSIÓNS

Nesta presentación tratamos de reflectir conceptualmente as propostas xeradas no grupo entorno á temática da formación no tempo libre. Para expoñelo eliximos a simulación da gravación dun programa televisivo onde había un realizador que animaba con aplausos e tarareo de música, unha infiltrada entre o público, dúas presentadoras e un equipo que saltaba a escena cun número e explicaba as diferentes propostas-conclusións do grupo de formación.

No final do proceso da presentación lanzamos un reto, que consistía en que tódolos/as presentes deberían realizar nas próximas 48 horas algunha acción de visibilización do que aconteceu no Interactuando no Tempo Libre.


VALORACIÓNS

É de destacar o bo ambiente, a implicación e o alto nivel de reflexión acadado.


INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE   Xornadas Galegas de Actualización de Coñecementos e Intercambio de Experiencias
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar